A abundancia de material bélico fai pensar aos arqueólogos que Area agocha outro pecio

Os investigadores documentaron palanquetas, fusilerías e munición, polo que entenden que pode haber un buque de guerra ou de transporte que se sumaría á Magdalena e o Palomo

Praia de Area, en Viveiro, coa illa á dereita. AXM

Este venres rematou a segunda campaña do proxecto Eterna que o Equipo de Patrimonio Sumerxido para o Norte (EPASUNO) da Federación Española de Actividades Subacuáticas (FEDAS) realizou na ría de Viveiro.

A segunda fase da investigación rematou cun “bo sabor de boca” para os protagonistas, segundo expuxo o director da mesma, o arqueólogo submariño Antón López.

FOTOGRAMETRÍA

O balance é positivo, dado que os investigadores puideron avanzar na consecución dunha fotogrametría da fragata María Magdalena, que permita inmortalizar unha imaxe fidedigna en tres dimensións do pecio, permitindo así o seu estudo desde distintas partes do mundo sen necesidade de acometer unha inmersión.

Ademais, dada a fraxilidade do xacemento de Covas, exposto á acción da ría e a saqueos, esta técnica revélase como imprescindible para garantir o seu estudo no tempo. López sinala que debido ao trasvase natural de area provocado pola ría a Magdalena é cada vez máis visible.

PEDIRÁN UNHA NOVA PROSPECCIÓN

A principal novidade está na zona de Area, onde se nunha anterior inmersión os buzos poideron identificar cinco canóns, esta vez documentaron ademais varias palanquetas, fusileríasmunición, ademais de madeira histórica, “o que nos fai pensar nun terceiro pecio, ben nun terceiro buque de guerra, ademais da Magdalena e do bergantín Palomo, ben nun barco de transporte de material bélico“.

Dous investigadores do equipo. FEDAS

Os investigadores teñen previsto así solicitar autorización para realizar unha cata o vindeiro ano na zona cunha manga de succión, xa que entenden que o pecio pode estar soterrado sobre un leito abundante de area.

Perfecto Souto, Javier Rodríguez, responsables da fotogrametría; Charo Guimarey, arquéologa; Andrea Sanz, conservadora; Guillem Mauri, arqueólogo; Andrés Ferro, o capitán da mariña mercante e práctico de Viveiro; e Antón López, director, participaron no proxecto.

CHARLA

A vindeira semana, en día e data aínda sin concretar, López divulgará nunha conferencia, en colaboración co Seminario de Estudos Terra de Viveiro, o coñecemento ao que accederon os arqueólogos despois desta segunda fase do plan.

RUTA DA EXPEDICIÓN CÁNTABRA

Ademais, este domingo Viveiro acollerá a ducias de buceadores de distintas partes de España que participarán en inmersións na zona, incluída na Ruta Subacuática da Expedición Cántabra, a primeira de Europa.

Ás 10.00 horas será a presentación do novo pasaporte da ruta, no Concello, para despois realizarse ata seis salidas ao pecio da Magdalena desde as 12.00 ata as 17.00 horas. Participarán buzos de Cantabria, Vigo ou Valencia, entre outros.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here