Viveiro, epicentro do turismo subacuático

Ducias de persoas mergulláronse para coñecer a fragata Magdalena nunha xornada na que se presentou o novo pasaporte da Ruta Expedición Cántabra, pioneira en Europa

Participantes nos mergullos da Ruta Expedición Cántabra. AXM

Viveiro converteuse este sábado no epicentro do turismo subacuático español coa presentación do pasaporte da Ruta Expedición Cántabra.

O itinerario foi inaugurado pola Federación Española de Actividades Subacuáticas (Fedas) no 2018. Está considerada a primeira ruta cultural subacuática de Europa.

Este percorrido ten como fío condutor episodios históricos sucedidos no mar durante a Guerra da Independencia. Elantxobe (País Vasco), Santoña (Cantabria) e Xixón (Asturias) foron, xunto con Viveiro, os primeiros lugares elixidos, unha nómina á que neste 2019 se suman A Coruña e Ferrol.

“Barallamos para a vindeira edición engadir lugares como Castro Urdiales ou Vigo“, expón un dos impulsores do proxecto, o arqueólogo submariño Antón López.

MERGULLOS CON GUÍA

Autoridades a nivel estatal e autonómico da Fedas, da Armada Española e do Concello de Viveiro presentaron no consistorio o novo pasaporte da ruta, que permite desfrutar de mergullos con guía a pecios como o da fragata María Magdalena, a primeira nave de estilo francés construída en España.

Presentación do pasaporte. AXM

ACTIVIDADE INNOVADORA

Ducias de buzos procedentes de Asturias, Cantabria, Vigo, Cataluña ou Valencia, tamén locais, participaron este sábado desta actividade “de turismo innovador“, subliña López, que fai fincapé “no impacto que pode ter a ruta para os lugares por onde pasa”, dado que ofrece unha posibilidade atractiva para afeccionados á historia e ao submarinismo.

PRAZAS COMPLETAS

Nas quendas da mañá mergullaronse arredor de 30 persoas e as quendas de tarde tamén se completaron. “Non buscamos que se masifique demasiado, ante a fraxilidade do pecio da Magdalena e tamén para que as visitas sexan máis personalizadas e frutíferas”, indica López.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here