InicioM.ambiente e PatrimonioTres andainas reivindicarán a variante mariñá do Camiño Norte

Tres andainas reivindicarán a variante mariñá do Camiño Norte

Serán os días 16, 23 e 29 de xuño no marco das Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño

Publicada o

- Advertisement -

A décimo segunda edición das Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño incluirán catro andainas na Mariña Lucense e a Terra Chá ao longo do mes de xuño para potenciar o itinerario Norte cara Santiago de Compostela.

A Asociación de Amigos do Camiño do Norte Abrindo Camiño impulsa a iniciativa, na que colaboran a Deputación e os concellos de Lourenzá, Mondoñedo, Foz, Barreiros e Guitiriz.

As tres primeiras rutas serán os días 16, 23 e 29 de xuño e discorrerán pola variante marítima do Camiño do Norte, polos municipios de Ribadeo, Barreiros, Foz, Lourenzá e Mondoñedo. A cuarta andaina será o 30 de xuño polo Camiño do Norte ao seu paso polas localidades de Baamonde, en Begonte, e Parga, en Guitiriz.

RUTA DO CANTÁBRICO

A primeira andaina deste programa será o domingo 16 de xuño cunha etapa por Ribadeo-Barreiros-Basílica de San Martiño polo Camiño Natural da Ruta do Cantábrico.

A PRIMEIRA DAS RUTAS INCLUIRÁ UNHA VISITA GUIADA Á BASÍLICA DE SAN MARTIÑO

Trátase dunha ruta de sendeirismo cunha distancia de 20 quilómetros de perfil suave. A saída está prevista ás 10.00 horas desde Rinlo, en Ribadeo. Ás 14.00 horas haberá avituallamento con petiscos e produtos típicos. A andaina rematará cunha visita guiada á basílica e coa actuación da Banda Municipal de Música de Foz dedicada especialmente a Xesús Fernández, “Suso do Bahía”, directivo delegado de Abrindo Camiño e cronista oficial de Foz.

ITINERARIO DE SAN ROSENDO

A segunda etapa deste programa será o domingo 23 de xuño e discorrerá pola Basílica de San Martiño (Foz), A Cazolga e Vilanova de Lourenzá, polo Camiño Natural de San Rosendo. Trátase dunha andaina de 15 quilómetros cun perfil medio.

A saída está prevista ás 10.00 horas desde San Martiño en Foz. Antes da saída os participantes visitarán o xardín botánico e obradoiro de cerámica Espazo Caritel. Ao remate da ruta realizaranse visitas guiadas á Igrexa-Museo do Conde Santo e ao Centro de Interpretación da Faba de Lourenzá con degustación de petiscos e produtos típicos.

NA SEGUNDA, OS PARTICIPANTES PODERÁN COÑECER O ESPAZO CARITEL OU O CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA FABA

DE LOURENZÁ A MONDOÑEDO

A terceira etapa, terá lugar o sábado 29 de xuño e discorrerá pola área recreativa da Cazolga en Lourenzá, Masma ata a área recreativa da Fervenza de Viloalle en Mondoñedo. Trátase dunha andaina de dez quilómetros e perfil suave que comezará ás 10.00 horas.

Ás 12.30 horas os participantes serán recibidos na Finca Rural O Remanso da Ferrería de Viloalle, actual sede da Asociación Abrindo Camiño na que poderán participar na oración do peregrino oficiada por Alfonso Blanco Torrado, crego e directivo-delegado da Asociación Abrindo Camiño e por Xulio Xiz, escritor e membro da Irmandade Manuel María.

O TERCEIRO ROTEIRO INCLUIRÁ ACTUACIÓNS MUSICAIS E UNHA ROMARÍA NA ÁREA RECREATIVA DA FERVENZA DE VILOALLE

A xornada rematará con música e poesía desde Mondoñedo en homenaxe a Miguel Freire “in memoriam”, coa colaboración de César Morán (guitarra) e Rebeca Maseda (violín), membros do grupo literario Leiras Pulpeiro de Mondoñedo e Mero Iglesias (guitarra) membro da Irmandade Manuel María.

A andaina continuará ás 14.00 horas ata a área recreativa e etnográfica de A Fervenza de Viloalle en Mondoñedo rematando cunha romaría e actuacións musicais e xogos acuáticos na piscina fluvial. Ás 15.00 horas está previsto un xantar de confraternidade no merendeiro da fervenza, previa inscrición. No serán, continuará con xogos populares, un torneo da chave por parellas e actuacións musicais da banda de música Pascual Veiga de Mondoñedo e do Grupo de Percusión da Escola Municipal de Música “O Pallarego”.

O CUARTO ROTEIRO, ENTRE BAAMONDE E PARGA

A última das andainas será o domingo 30 de xuño. Trátase dunha etapa que discorre por Baamonde en Begonte, a Igrexa de San Alberte e o Campo da Feira de Parga. A ruta, de perfil suave, ten unha distancia de doce quilómetros.

A saída está prevista ás 9.00 horas desde a Igrexa de Santiago de Baamonde. Ás 10.30 horas, na Igrexa de San Alberte (Guitiriz) terán lugar varios actos en homenaxe ao sacerdote e fillo adoptivo de Guitiriz, Alfonso Blanco Torrado, pola súa labor en pro do Camiño de Santiago na Terra Chá.

O 30 HABERÁ UN DEBATE PARA ANALIZAR O ANO XUBILAR E O XACOBEO 2021

Ás 13:00 horas, no Salón Social do Centro de Iniciativas turísticas de Parga, celebrarase unha mesa de debate na que as Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago analizarán o Ano Xubilar e o Xacobeo 2021.

No encontro participarán Luis Gutiérrez Perrino, Presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago; Laureano Víctor García Díez, Presidente da Agrupación de Asociacións “Camino del Norte” do País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia; Manuel López Vázquez, Presidente da Xunta Xestora da FEGAC Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago; Xosé María García Palmeiro, Presidente de APECSA a Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago; José Luis Fernández Ansedes, presidente da Asociación Abrindo Camiño de Amigos do Camiño Norte de A Mariña e a Terra Chá da provincia de Lugo.

cADA ITINERARIO TEN UN CUSTO DE CINCO EUROS E O PRAZO PARA ANOTARSE ESTÁ ABERTO ATA O 12

INSCRICIÓNS

As persoas interesadas en participar poden anotarse, ata o 12 de xuño, nas oficinas de turismo dos concellos de Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros e Foz e tamén a través da Asociación Abrindo Camiño, no teléfono 639.07.27.69. O custo por cada andaina é de cinco euros e as prazas son limitadas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...