Arqueólogos excavan “un edificio complexo” descuberto por obras na Atalaia

As actuacións de renovación da rede de saneamento deixan á vista dous muros pertencentes a unha mesma edificación, que podería ser a investigada no 1974 por Eduardo Chamoso Lamas

Estrutura atopada na Atalaia. AXM

As obras de renovación da rede de saneamento do Porto de Arriba, en San Cibrao, descubriron presenza de dous muros pertencentes á fachada unha mesma estrutura que os arqueólogos excavarán durante a vindeira semana.

Aínda que é cedo para establecer unha datación ou a importancia do achádego, os especialistas salientan que se trata “dun edificio complexo” que hai que estudar.

As obras impulsadas na contorna do castro da Atalaia polo Concello, consistentes no reemprazo das canalizacións de fibrocemento por outras de PVC, constan dun obrigatorio seguimento por parte da Dirección Xeral de Patrimonio, o que motivou a presenza desde o inicio dunha empresa de arqueoloxía que controlou e paralizou as actuacións.

“ESTRUTURA POTENTE”

Este venres confirmáronse o que os especialistas sospeitaban e os traballos deixaron á vista “restos estruturais moi potentes, cubertos de area de praia”, segundo explica Emilio Ramil, responsable da empresa Axa Arqueoloxía, radicada en Ferrol. O arqueólogo sinala que se remitiu unha solicitude a Patrimonio para que autorice unha prospección da zona máis ampla.

Outra imaxe da edificación. AXM

EXCAVADO NOS ANOS 70

Ramil confirma que o achádego produciuse na mesma zona excavada en 1974 baixo a dirección de Eduardo Chamoso Lamas.

Segundo recolleu daquela El Progreso, unhas obras desvelaron restos “dunha edificación primitiva” que podería ser a mesma achada este venres. Os arqueólogos esperan apoiarse no informe da cata e mesmo as fotografías publicadas poden servir como material para a comparación.

Información de El Progreso. AXM

O arqueólogo móstrase cauto sobre a cronoloxía á que pertence o inmoble e a cultura que o construíu.

DATACIÓN INCERTA

“Por agora, vemos que a materia prima é a mesma que a utilizada no castro da Atalaia, granito como pedra de cachotería e lousa para as teitumes”. Con todo, remarca que na zona “hai presenza humana documentada desde a romanización, pero tamén na época medieval, coa pesca da balea“.

O que ten claro Ramil é que “non se trata dunha cabana castrexa. É un edificio complexo, pero polo de agora non é suficiente para dicir de que se trata nin a que época pertence”, conclúe.

A asociación Mariña Patrimonio, que levou a cabo unha tarefa de defensa dos bens patrimoniais da zona, celebra o achádego dun edificio “que semella moi importante” que “sería oportuno excavar” para saber de que se trata.

Fontes do colectivo afirman que comparar as fotografías publicadas pola prensa nos anos 70 coa actual imaxe que presentan os restos achados este venres permiten pensar que o inmoble excavado por Chamoso Lamas é o mesmo atopado no transcurso das obras de saneamento do Porto de Arriba.

A ARQUEOLOXÍA DIRÁ

Corenta e cinco anos atrás, as informacións facíanse eco da hipótese de que o edificio, posteriormente tapado, se tratase dunha fábrica de salgadura de época fenicia.

No 2008, a partir das testemuñas da veciñanza que viviu as excavacións e de consultas a expertos, Mariña Patrimonio plantexou a posibilidade de que fose unha sauna castrexa ou pedra formosa e pediu á Xunta de Galicia que estudase a zona.

Case cinco décadas despois, arqueoloxía dirá quen construíu, cando o fixo e con que motivo, o edificio da Atalaia.

1 COMMENT

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here