“O galeón de Ribadeo require de monitorizar a súa conservación”

A segunda cata do Santiago de Galicia mostra o deterioro do xacemento, que requerirá de máis medidas de protección e "dun grupo estable de traballo" para afondar na investigación

Buzo no galeón de Ribadeo. CAS COSTA LUGO/FACEBOOK

Estes días remata a segunda cata arqueolóxica do galeón de Ribadeo. Malia que o pecio está considerado o buque de guerra español do século XVI mellor preservado do mundo, o director da escavación, Miguel San Claudio, fai fincapé na necesidade de evitar o “visible” deterioro do xacemento, polo que propón “medidas de control” que pasan pola “monitorización” do estado do barco.

Ao longo da campaña, a preocupación polo estado do barco equiparouse en importancia, ao interese por investigar un pecio que podería ofrecer datos descoñecidos sobre a construción naval da época, xa que o Santiago de Galicia -integrante da ‘Armada Invencible‘ de Felipe II e afundido no 1597- foi levantado coa tecnoloxía punta do seu tempo.

“Non hai estudo sen conservación nin conservación sen estudo”, expón San Claudio, que alerta de que a malla tridimensional colocada trala fin das intervencións no xacemento non é máis ca unha medida de protección parcial e provisional.

“Se se despraza, o barco queda exposto. Hai que controlar periodicamente a evolución futura do pecio”, resalta o arqueólogo, que precisa que os organismos biolóxicos están a alterar o xacemento, pero que o elemento erosivo máis preocupante “son as correntes das mareas, que deixan o buque ao descuberto”.

A QUILLA, “MOI BEN ESTRUTURADA”

A primeira parte da investigación centrouse no lastre e serviu para recoller elementos da cultura material do xacemento e identificar a orixe do barco no sur de Italia. Ademais, documentouse a presenza de carballo peninsular na súa construción, o que leva a pensar aos arqueólogos en rutas comerciais para o subministro de madeiras que, á altura do século XVI, terían suposto unha protoglobalización.

Galeón de Ribadeo. CAS COSTA LUGO/FACEBOOK

Na segunda parte da escavación, os arqueólogos centráronse na quilla do barco, na zona da carlinga ou pau maior.

Os mergullos ofreceron algúns datos sobre a construción do mesmo. “O primeiro que podemos dicir é que a nivel construtivo houbo unha coidada selección de madeira, cunha estrutura moi lograda“, indica San Claudio, que lembra que se está a estudar “algo do que non se ten información, como son os buques de guerra hispanos da época”.

Aínda que a intención non era recuperar pezas, os investigadores compilaron da superficie vasos de madeira torneada ou pratos do mesmo material, así como restos cerámicos.

PRECÍSASE “UN GRUPO DE TRABALLO ESTABLE”

San Claudio asegura que para unha terceira cata, o desexable é “establecer unha infraestrutura” para dotar á investigación dunha continuidade, isto é, a creación dun “grupo de traballo estable”, cun lugar concreto e coa participación dos especialistas que traballaron nas dúas primeiras escavacións, procedentes da Universidade de Texas, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), da Trinity Saint David de Gales e de Southampton.

Neste senso, o arqueólogo asegura que se trata dunha cuestión “de vontade política. Son as Administracións as que teñen que ver se o patrimonio cultural interesa”, expón. A Xunta de Galicia achegou 22.000 euros para os traballos, mentres que o Institute of Natural Archeology de Texas financiou con outros 5.000 dólares a escavación.

EXTRAELO, “ALGO SECUNDARIO”

A importancia do pecio suscitou o interese pola súa musealización, para o que sería preciso extraelo da auga, pero San Claudio cre que a principal promoción que se pode facer do xacemento é a súa conservación e o seu estudo.

“Avanzar no coñecemento sobre a construción naval da época é a mellor maneira de rentabilizar o patrimonio, tanto a nivel científico como turístico”, conclúe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here