InicioM.ambiente e PatrimonioA Rapa das Bestas de Candaoso celebrarase sen loita de garañóns por...

A Rapa das Bestas de Candaoso celebrarase sen loita de garañóns por primeira vez en 51 anos

A Xunta prohibe a pelexa de cabalos sementais, criticada polos animalistas, ao ser "instigada", mentres que os gandeiros afirman que se trata dunha "escena do monte" traída ao curro

Publicada o

- Advertisement -

A fotografía que acompaña este texto podería ser unha das últimas instantáneas capturadas dunha loita de garañóns na Rapa das Bestas de Candaoso, en San Andrés de Boimente (Viveiro). De acordo coa Lei de Benestar Animal, a Xunta de Galicia vén de prohibir á comunidade de montes que dispoña a pelexa de cabalos sementais que cada ano se celebraba no evento.

Por primeira vez nos 51 anos de historia da rapa viveirense, declarada de Interese Turístico Galego, nin o público verá os animais pelexar nin as ducias de fotógrafos que se agolpan no curro poderán inmortalizar a imaxe máis buscada do evento, a da potencia e a violencia dos cabalos en desputa.

“INFRACCIÓN GRAVE”

A prohibición, fundamentada no artigo 14 -que considera “infracción moi grave” o “uso de animais en loita“- dunha normativa que si permite as touradas, provocou molestar nos gandeiros, que vén detrás desta decisión a crecente presión dos grupos animalistas.

No pasado mes de xullo, colectivos como Franz Weber ou Libera cualificaron de “maltrato animal” as loitas de cabalos nas rapas galegas e instaron ao Goberno galego a prohibilas en base á Ley 32/2007.

A principios do mes de maio, as mesmas agrupacións reclamaron unha lei propia de protección dos equinos, alegando un crecente número de casos de maltrato e tamén que, no 2013, o propio Parlamento galego se pronunciou de xeito unánime a favor de tomar novas medidas.

Baixada dos animais. TURISMO DE GALICIA

DÚAS VISIÓNS EN CONFLITO

Tanto estes colectivos como a Administración autonómica entenden que as pelexas de garañóns son provocadas e non naturais, o que está na base do conflito coa visión dos gandeiros.

Ao outro lado do teléfono, e preocupado por unha néboa que xa impediu hai uns días a rapa no Campo do Oso (Mondoñedo)Carlos Martínez, da comunidade de montes que organiza a rapa viveirense, argumenta que a loita dos garañóns é traer unha escena do monte á vista do público.

“Os cabalos peléxanse por liderar as manadas, por marcar o territorio. Iso é a natureza“, afirma, para engadir que no curro de Candaoso “hai dez ou doce persoas que están pendentes de que os animais non se ensañen nin se martiricen. Hai moita máis violencia cando están en liberdade e da festa non saíu nin un só cabalo danado”, sostén.

Martínez cre que no debate público sobre este asunto estase a presentar como potenciais delincuentes “a xente que fai as cousas con esmero, que é profesional e coñece e quere os animais“.

“Vivimos disto”, remarca, para resaltar que “ninguén fala, por exemplo, de que cando baixamos cos cabalos nunca empezamos a rapar ata que as nais identifican as crías e se ubican con elas”.

O CORTE DAS CRINS, DACABALO

Martínez lamenta que a prohibición acabará “co momento máis esperado polo público”, pero a Rapa das Bestas de Candaoso ten outros atractivos. Entre eles, a baixada duns 250 animais desde os montes de Buio e Lerín, orientados por pouco máis dunha ducia de persoas, que botan man da súa pericia e dunha boa organización para encauzar os cabalos ata o curro.

Unha vez no espazo, a Rapa das Bestas de Candaoso tamén é singular. A diferencia doutras citas similares do calendario galego, o curro é tan pequeno que o sitio redúcese á mínima expresión e os aloitadores cortan as crins dos animais subidos enriba deles. Para saltar e manter o equilibrio no lombo dos équidos, a chave “é a destreza. De pouco vale a forza”, subliña Martínez.

CARÁCTER POPULAR

O directivo da asociación incide no carácter popular de Candaoso. “Sempre quixemos que a rapa fose moi pegada a xente. Nós non cobramos entrada. Facemos a baixada o mesmo día para que todo o mundo poida vela”, explica.

Ao longo destas cinco décadas, a habitual tarefa gandeira de rapar os animais polo valor das súas crins -utilizábanse para facer colchóns– tornou nun espectáculo que atrae amantes do cabalo, fotógrafos e tamén turistas. “Hoxe facémolo para continuar a tradición e tamén porque están máis cómodos de cara ao verán. Facilita o desparasitado“, indica Martínez.

O MARCADO A LUME, EN ENTREDITO

Tamén en desuso, ante a utilización dos microchips identificativos, está outra costume da rapa de Candaoso, a do marcado dos animais a lume coas iniciais da comunidade de montes. Por agora, os organizadores contan con permiso para continuar co que os animalistas interpretan como un padecemento gratuíto para o gando.

FUTURO

Se a brétema da Serra do Xistral non o impide, Boimente revivirá na mañá do vindeiro domingo unha festa ancestral.

Programa da Rapa de Candaoso. AXM

“É algo noso, que levamos dentro. Facíano nosos pais e avós, vivímolo desde que empezabamos a andar”, resume Martínez, que resalta que a falta de relevo que acucia outros festexos non é tan grave na rapa de Candaoso. “Temos moita xente nova“, indica, para resaltar que o cabalo “engancha“.

Con todo, non ve o futuro con optimismo. “Non hai vontade que poida contra as trabas, porque te acabas desilusionando”. Por agora, prefire centrarse no domingo. “Dan bo día”, apunta, “pero se hai algo de néboa é difícil traer os animais ao curro. A ver se é verdade que cara abaixo todos os santos axudan”, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...