Un percorrido circular, novidade das Xeorutas de Burela, que volven ata setembro

O roteiro, de catorce quilómetros e seis horas de duración, pasa polas zonas xeolóxicas do municipio, polas praias e o Monte Castelo

Presentación das xeorutas. AXM

O Concello de Burela presentou unha nova edición das Xeorutas, que volven desde xullo ata setembro. Ás habituais da Marosa, O Perdouro e O Cantiño o executivo municipal incorpora un percorrido circular de 14 quilómetros cunha duración de seis horas.

Esta Xeoruta circular, que se celebrará os días 18 de xullo e 28 de agosto (en ambos casos, de 10.00 a 16.00 horas), fai un percorrido polas tres rutas xeolóxicas de Burela, ademais de visitar as praias, os paseos marítimos e a subida ao Monte Castelo.

O edil de turismo en funcións, Ramiro Fernández Rey, salientou que o percorrido que supón a novidade desta edición “vai pasar por todas as zonas xeolóxicas que temos en Burela e tamén por todos os paseos e as praias acabando no Monte Castelo. Nesta ruta é necesario levar a comida porque é moi longa, para pasar un día dando un paseo e coñecendo toda a riqueza xeolóxica de Burela”, explicou.

HORARIOS

Fernández Rey animou a “todo o mundo que estea interesado a achegarse á oficina de turismo de Burela”. Nesta imaxe podes consultar os horarios.

Horarios das Xeorutas. AXM

O concelleiro de turismo engadiu que “esta oferta ven completar o que vimos de presentar a semana pasada que son as Rutas da Lonxa. Penso que complementando con todos os atractivos turísticos que temos en Burela como poden ser as praias, o barco museo ou as redeiras, temos unha oferta turística importante e interesante”, concluíu.

BURELA BONITA

O Concello presentou tamén a carreira Burela Bonita, que se celebrará o sábado 20 de xullo. Trátase do cuarto circuíto urbán nocturno, que comezará ás 22.30 horas, na Praza da Mariña.

As inscricións poden realizarse ata o 18 de xullo na páxina web www.championchipnorte.comHaberá a posibilidade de participar na carreira de dez ou na de cinco quilómetros, e tamén se disporá un percorrido para nenos. O prezo de cada praza é de dez euros.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here