Cervo, pendente de informes do Goberno e Xunta para incorporar o terreo contiguo ao Museo do Mar

O Concello someteu a información pública o informe ambiental estratéxico e agarda levar a pleno a modificación puntual da normativa para que a parcela lindante sexa de uso dotacional

Plano en tres dimensións do proxecto. AXM

O Concello de Cervo someteu no pasado mes de xuño a información pública o informe ambiental estratéxico para a ampliación do Museo do Mar de San Cibrao.

O goberno local asegura que está “á espera” dos informes dos organismos estatais e autonómicos pertinentes –Ministerio de Fomento, Costas do Estado e servizo de Costas da Xunta de Galicia– “para levar a pleno a aprobación da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal”, indica o rexedor, o popular Alfonso Villares.

Esta modificación afectaría ao actual edificio e tamén a unha edificación privada empregada antigamente como vivenda.

Nestes terreos nos que se prevé o aumento do Museo, cunha superficie total de 2.568 metros cadrados, son actualmente de ordenanza residencial mixta -espazo destinado xeralmente á vivenda e usos complementarios-. O cambio na normativa permitirá o seu uso dotacional -propio de parcelas de ordenación aberta, para servizos de interese público-.

A modificación permitiría así incorporar o terreo contiguo para ampliar a parcela da pinacoteca, que é de titularidade provincial.

MATERIAL POR EXPOÑER

Villares sostén que a ampliación do museo “é un obxectivo prioritario” do Concello e argumenta que “estamos a dar os pasos precisos para incorporar o terreo contiguo, para mellorar así a calidade e a funcionalidade desta dotación cultural e que se poida poñer a disposición da veciñanza todo o material que atesoura”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here