A Xunta ordena deter a escavación e tapar a sauna castrexa da Atalaia

Por agora descártase a posibilidade de ampliar a cata, "insuficiente" segundo o arqueólogo, e retomáronse as obras de saneamento suspendidas polo achado

Unha das estancias da sauna. MARIÑA PATRIMONIO

A Dirección Xeral de Patrimonio ordenou deter a escavación iniciada o pasado 7 de xuño, cando unhas obras de saneamento na Atalaia de San Cibrao deixaron ao descuberto unha sauna castrexa, a sexta documentada en Galicia. A Xunta ordenou tapar o xacemento, cinguido polas casas do Porto de Arriba, e polo de agora non se prevé que haxa unha nova cata. As actuacións interrompidas comezaron de novo.

Así o confirmaron o pasado martes o arqueólogo que dirixiu a escavación, Emilio Ramil (Axa Arqueoloxía), o especialista encargado de controlar as obras de substitución das canalizacións de fibrocemento por outras de PVC, e o alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares.

QUEIXAS DOS RESIDENTES

Ambos participaron nunha charla divulgativa que xerou expectación e evidenciou a polémica entre os defensores de afondar na investigación do xacemento, único polo seu inusual estado de conservación grazas a ficar durante séculos cuberto de area, e varios dos residentes do barrio, que se queixaron das molestias que causou o achado, dado que motivou o peche provisional dos accesos ás vivendas e a interrupción das obras de mellora nos sumidoiros.

CONSERVACIÓN ÚNICA

A escavación realizada permitiu documentar catro estancias, con algunhas paredes de ata tres metros de altura –cando o habitual é que non se manteñan en pé máis de 40 ou 50 centímetros- que se conservan desde o solo ata o tellado. Atopouse unha antesala cun banco corrido, un tanque ou piscina de auga e un forno adosado, onde se quentaban os cantos rodados que se botaban na auga para aumentar a temperatura e provocar a suor dos usuarios.

DÚAS PEDRAS FORMOSAS

Tamén se documentaron dúas pedras formosas -a segunda no último día da investigación-, grandes monólitos de dous metros que servían -cun espazo pequeno para entrar e saír- de peche para conservar o vapor na cámara.

Charla sobre a sauna castrexa da Atalaia. AXM

ADVERTENCIA DE MARIÑA PATRIMONIO

Unha primeira fase de escavación semella confirmar as sospeitas que a asociación Mariña Patrimonio fixo públicas desde 2008, cando asegurou por primeira vez que a Atalaia escondía unha sauna castrexa. A asociación insiste en que se trata “dunha xoia” que podería ser “a mellor conservada da Idade do Ferro en Europa“, un inmoble que -segundo a conclusión de Ramil, que non precisa por agora unha cronoloxía concreta– foi modificado a través do tempo.

ESTAR NO MEDIO DAS CASAS, “UNHA DESGRAZA”

Con todo, a paralización da investigación fai que o arqueólogo se mostre cauto. “A escavación foi totalmente parcial e insuficiente“, lamenta, asegurando que se trata “dunha desgraza” que a sauna se atope nunha rúa de uso público.

CATA “PARCIAL”

O arqueólogo asegura que o escavado, aínda nun estado de conservación excelente, “non achega ningunha novidade relevante” no estudo deste tipo de construcións “sen que haxa unha investigación completa”. Si se ampliou, con moito, a información obtida nunha anterior cata no xacemento, realizada por Manuel Chamoso Lamas no 1974.

Así, Ramil móstrase escéptico ante a posibilidade de ampliar a superficie escavada, despois de que numerosos veciños “deixaron claro o seu malestar” pola suspensión de determinados servizos, aos que, remarca, “teñen dereito“.

Villares tamén resalta neste aspecto a necesidade de “conxugar a vida dos veciños co valor histórico destes achados, salvagardando sempre o dereito da xente que vive nesta zona á hora de ter acceso aos servizos dos que desfrutan todos os cervenses, polo que buscamos a compatibilidade de conservar o castro sen que interfira no seu día a día“.

OPORTUNIDADE TRUNCADA

Semella polo tanto que a da sauna castrexa mellor conservada de Galicia será unha historia truncada, ou alomenos adiada indefinidamente, e que deberá limitarse a permanecer protexida e unicamente documentada a través dunha escavación parcial, que non permite comprobar a súa verdadeira extensión nin valor patrimonial.

NA NEGATIVA DE PATRIMONIO, VARIOS FACTORES

Na negativa de Patrimonio parecen confluír diversos factores. En primeiro lugar, o custo dunha escavación a conciencia nunha superficie de extensión descoñecida, que precisaría dun orzamento do que a Consellería de Cultura carece para esta anualidade; en segundo lugar, o risco de afectar á cimentación dalgunha das vivendas da Atalaia que cinguen a sauna; finalmente, a negativa de moitos veciños, que podería provocar unha resposta social de veren suspendidos de novo servizos básicos na zona durante varios meses.

A MUSEALIZACIÓN REQUERIRÍA “MILLÓNS”

Así mesmo, a posta en valor do xacemento está descartada. Ramil asegurou que a única maneira de facelo visitable sería soterralo por debaixo da rúa. Un museo subterráneo suporía un investimento millonario, indicou o arqueólogo.

DERRUBO DO ESQUELETE E DO EDIFICIO SEN USO

Tralo que parece unha oportunidade truncada, desde o Concello fan fincapé en buscar outras xoias arqueolóxicas noutras zonas do xacemento peninsular e reiteran a súa intención de poñelo en valor cun Plan Especial de Protección do Castro da Atalaia, que foi sometido á avaliación ambiental. “Nestes intres estamos pendientes dos informes pertinentes para a súa aprobación”, expón Villares.

A RÚA DO FARO, SÓ ABERTA AO TRÁFICO PARA RESIDENTES

O rexedor subliña que “se están a dar os pasos necesarios para preservar toda esta zona, que pasan por derruír o esquelete da Atalaia e o edificio deshabitado que está a carón”.

Neste senso, precisa “que estamos no proceso para declarar en ruína este inmoble, e que xa ordenamos a demolición do esqueleto ubicado na Rúa do Faro, de San Cibrao. Agora haberá que esperar os prazos que fixa a Lei para resolver o expediente”, sinala, para agregar que a intención do executivo local é que na vía anteriormente mencionada “só se permita o tráfico rodado aos residentes“.

1 COMMENT

  1. Se fose para o Xacobeo habería cartos ata para contratar un concerto dos Rolling Stones. Pero este (país?) cortello ppeiro chamado Galiza (“territorio” se fala a xuntiña) está en coma e témome que é irrecuperable. Esta xoia do patrimonio arqueolóxico da cultura celta galaica (a ver se maduramos e deixamos o de “cultura castrexa” para as hemerotecas da vergoña arqueolóxica) ten que ser recuperada para a historia de Galiza. É algo único e primar os intereses dunha minoría (sí, son persoas e teñen dereito a todos os servizos pero cun uso racional dos recursos e boa vontade musealizar o xacemento é perfectamente posible) non é unha opción. Noutros paises (civilizados) este achado sería declarado xoia nacional pero en Galiza é un estorbo… Noxento e vergoñento escándalo. Hai que seguir coas excavacións, recuperar o castro e darlles ós veciños alternativas. É cuestión de cartos (que se despilfarran en cousas aberrantes tipo macroxacobeos e orquestras) e vontade (coa xunta polo medio xa sabemos cales son as súas prioridades). Salvemos o noso!!!

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here