Admitida a trámite a denuncia de Por Nuestro Faro sobre as restricións no acceso a illa Pancha

A Fiscalía investiga os feitos denunciados polo colectivo ribadense que deu eco á "sorpresa" e "desafección" coa que os turistas observan a prohibición de acceder ao faro

Faro de Illa Pancha. AXM

A Fiscalía de Mondoñedo admitiu a trámite a denuncia polas restricións no acceso a Illa Pancha presentada polo colectivo Por Nuestro Faro o pasado mes de xuño.

A plataforma ribadense informou de que a xustiza está a “investigar” os feitos denunciados e que agardan aclarar o seu percorrido xudicial “a mediados de setembro”.

A denuncia expón que o acceso ao lugar está reservado para a clientela dos apartamentos turísticos ubicados alí malia que a licenza de actividade do negocio, outorgada polo concello, sinala que o acceso debe ser libre.

“SORPRESA” ENTRE OS TURISTAS

A plataforma insistiu este luns na “sorpresa” e “desafección” coa que os visitantes que se achegan á zona observan a prohibición de chegar ao faro.

Segundo relatan, “máis de cincuenta persoas” que visitaron o lugar a pasada fin de semana “quedaron ao outro lado da porta de acceso mentras vían pasar clientes do establecemento”.

“A publicidade e a difusión nas redes traera cada vez mais visitantes ao faro co desexo de acceder a illa Pancha. Parece lóxico que trala publicidade, os turistas desexen exercer o seu dereito constitucional e legal a entrar nunha illa pertencente ao patrimonio público“, sosteñen.

“O seu dereito está sendo conculcado por unha práctica imposible de explicar e de entender”, concluén desde o colectivo que responsabiliza da situación ao goberno local ao que acusan de actuar con “opacidade”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here