A veciñanza de Celeiro convoca unha manifestación o día 31 polo saneamento da ría

A marcha partirá desde a praia celeirense ás 18.00 horas e rematará fronte á Delegación de Pesca

Veciñanza de Celeiro, en protesta pola contaminación na ría. AXM

A plataforma veciñal que se formou nas últimas semanas e que realizou concentracións para reclamar o saneamento da ría de Viveiro, convocou unha manifestación o vindeiro sábado, 31 de agosto, para esixir que se executen as obras necesarias para eliminar as verteduras de augas fecais ao estuario.

A marcha partirá, desde a praia de Celeiro ás 18.00 horas, e rematará diante da Delegación de Pesca. O movemento veciñal xurdiu despois de que o Concello recomendase non bañarse no areal urbán celeirense despois de que a Consellería de Sanidade detectase taxas elevadas de bacterias fecais EColi e enterococo na auga, unha situación que segundo o goberno local está normalizada.

O problema de contaminación na ría de Viveiro remóntase polo menos ao ano 2010 e agravouse nos últimos exercicios, despois de que rachase de novo un emisario submariño que verte augas fecais ao estuario. A veciñanza tamén pide a ampliación da estación depuradora de residuos urbáns (EDAR), que considera insuficiente.

Tanto o proxecto de substitución do emisario submariño -con tres millóns de orzamento, 2,4 deles procedentes de fondos europeos con caducidade a finais de 2020- como o de ampliación da EDAR -de 3,9 millóns- están sen licitar, o que desatou a polémica entre a Xunta de Galicia e o Concello, que se acusan mutuamente do atraso en sacar a concurso as actuacións.

POLÉMICA ENTRE XUNTA E PP E CONCELLO

O Partido Popular (PP) de Viveiro afeoulle días atrás ao executivo socialista de Viveiro que “tardase máis de dous meses en someter a información pública o proxecto técnico para ampliación da EDAR que a Xunta remitiu ao Concello o 9 de maio”.

O goberno local, que anunciou que levará o proxecto de ampliación da depuradora a pleno o vindeiro 4 de setembro, insiste en que “contestou a cada un dos requerimentos da Xunta coa máxima dilixencia posible” e pon “a disposición” da veciñanza a documentación que “queira consultar para comprobar” a afirmación do executivo local.

O GOBERNO LOCAL CHAMA A MANIFESTARSE

O Concello de Viveiro transmitiu o seu “total apoio” ao acto reivindicativo e fai “un chamamento” á veciñanza para que participe na marcha convocada, xa que o saneamento da ría de Viveiro “é un problema que afecta a todo o municipio”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here