Concello e Xunta negan que as obras na Rúa do Faro fagan perigar a sauna castrexa da Atalaia

A situación da sauna, cinguida ás casas, é o argumento que esgrime Patrimonio para tapar o xacemento e non continuar unha investigación que o arqueólogo ve "imposible" retomar

Sauna castrexa da Atalaia. AXM

O Concello de Cervo e maila Xunta de Galicia aseguraron este luns que as obras da Rúa do Faro de San Cibrao, na zona da Atalaia onde se atopou unha sauna castrexa, non representan un perigo para o xacemento, que o Goberno galego decidiu tapar tras unha primeira prospección arqueolóxica.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) cervense fíxose eco dunha denuncia de Mariña Patrimonio e pediu a convocatoria da comisión de patrimonio e urbanismo ao entender que unha apisoadora puido danar a estrutura da sauna, “non suficientemente soterrada nin protexida”.

A edil de patrimonio e primeira tenente de alcalde, Dolores García Caramés, asegurou que as actuacións estanse a acometer “baixo a supervisión continua dun arqueólogo, e desde o Concello estamos a seguir en todo momento as directrices marcadas pola Dirección Xeral de Patrimonio, velando sempre pola conservación dos nosos bens históricos”.

Caramés explicou que os traballos de mellora integral desta zona de San Cibrao proseguen “baixo o aval dos organismos competentes e dos técnicos co obxectivo de conxugar a vida dos veciños co valor histórico destes achados”.

Neste senso, Caramés recordou que o ente municipal xa redactou un Plan Especial de Protección do Castro da Atalaia que “xa foi sometido a avaliación ambiental“.

A concelleira resaltou que a zona “é unha xoia patrimonial” e asegurou estar en contacto continuo coa Dirección Xeral de Patrimonio e cos arqueólogos “para poñela en valor”, concluíu.

Por parte da Consellería de Cultura, considérase que non hai perigo para o xacemento, que foi soterrado en area, tal e como estaba cando se atopou.

O SITIO, ARGUMENTO PARA TAPAR A SAUNA

No referente á súa decisión de tapar o xacemento, a Xunta cre que de momento non se dan as circunstancias para realizar unha escavación, dada a cercanía das vivendas e a oposición de varios veciños. Patrimonio entende que realizar unha cata arqueolóxica suporía illar durante meses parte da veciñanza da Atalaia.

ARREDOR DE 20.000 EUROS DE ORZAMENTO

Segundo puido saber o Xornal da Mariña, a situación económica da Consellería de Cultura é outro factor en contra, aínda que, segundo consultou este diario, unha investigación arqueolóxica do xacemento completa, suficiente para ampliar a información colleitada e datalo cronoloxicamente, rondaría os 20.000 euros de orzamento, dado que xa se realizou parte da escavación.

O arqueólogo que se encargou da prospección considerouna “insuficiente” para sacar conclusións sobre a que podería ser a sexta sauna castrexa de Galicia. O especialista, Emilio Ramil, cuestiona que se poida retomar a investigación a posteriori, dado que suporía levantar unha rúa recén asfaltada.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here