InicioM.ambiente e PatrimonioA Xunta licita a mellora da EDAR de Viveiro pero prevé agora...

A Xunta licita a mellora da EDAR de Viveiro pero prevé agora comezar as obras “no segundo semestre de 2020”

A data de comezo das actuacións situaría o seu remate como mínimo no mes de novembro de 2021, anualidade na que o Goberno galego se comprometeu a ter lista a depuradora

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta de Galicia anunciou este venres a licitación das obras de ampliación e mellora da depuradora de Viveiro, “co obxectivo de inicialas no segundo semestre de 2020”, unha data de comezo das actuacións que como mínimo situaría o remate da execución no mes de novembro de 2021, anualidade na que o Goberno galego se comprometeu ante a veciñanza a rematar as actuacións.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, presentaron nunha rolda de prensa os detalles da contratación. As empresas interesadas na execución dos traballos de mellora das liñas de tratamento da depuradora de Viveiro poderán presentar as súas ofertas ata o 24 de outubro. A partir de aí continuarase a tramitación administrativa desta actuación, cuxas obras dispoñen dun prazo de execución de 18 meses.

AUMENTO DA CAPACIDADE “NUN 50%”

A obra ten como obxectivo ampliar a capacidade e mellorar o grado de depuración previo ao emisario de todas as augas residuais de Viveiro, incluídas as do núcleo de Celeiro. Permitirá tratar a totalidade das augas residuais xeradas no municipio, incorporando cunha nova conexión as procedentes da rede celeirense, que actualmente non van á depuradora. Á vez, darase solución aos problemas detectados na actual depuradora, que xestiona o Concello, “pois as deficiencias na súa conservación e mantemento fan que a capacidade de depuración real sexa menor da inicialmente prevista“.

Vázquez indicou que estas obras, ao tratarse da mellora e intervención na depuradora que xa está en funcionamento, “a medida que se executen as distintas actuacións, iranse poñendo en servizo. Procedéndose, ao final, ás probas e axustes necesarios para que todo funcione correctamente”, expuxo.

Vázquez prevé que a capacidade de depuración se incremente nun 50% con respecto á da planta actual, o que permitirá atender 23.700 habitantes equivalentes, deixando cubertas as necesidades de depuración de Viveiro para as próximas dúas décadas.

Incidiu así que esta ampliación da capacidade e mellora do funcionamento da EDAR de Viveiro, vai permitir obter unha mellora significativa da calidade da auga da ría, que se traducirá, tamén, no resultado das analíticas sanitarias que presentan praias como a de Celeiro.

FILTRACIÓNS DE AUGA DO MAR NA REDE

Deste xeito, esta intervención da Xunta non só permitirán incorporar as augas do núcleo de Celeiro á EDAR e darlle un tratamento completo, senón que tamén permitirán optimizar o funcionamento da depuradora que xestiona o Concello, e que agora mesmo presenta deficiencias. Tamén xera problema a entrada da auga do mar na rede de saneamento municipal, que dana os equipos e baixa o rendemento e a calidade do proceso de depuración.

“Estes problemas foron xa trasladados ao Concello para que, como responsable do sistema, proceda a identificar os puntos da rede nos que se producen estas filtracións da auga do mar e proceda a reparalos. Algo absolutamente necesario para aumentar o rendemento da EDAR e a calidade na depuración”, subliñou a conselleira.

O EMISARIO, SEN NOVIDADES

No tocante ao emisario submariño roto que verte augas fecais sobre a ría de Viveiro, a conselleira non ofreceu novidades. Deste xeito, o proxecto técnico para a substitución da canalización está á espera dos resultados das obras e prospeccións arqueolóxicas. Unha vez listo o proxecto, remitirase a Costas do Estado, que deberá autorizalo, para poder logo desde a Xunta iniciar o proceso de contratación das obras.

Aquí, Vázquez lembrou que a execución do novo emisario e retirada do existente, cun orzamento de 3,5 millóns, require dunha tramitación “longa e complexa”, polo que a Xunta ten “unha folla de ruta trazada no caso de que se demore a autorización do organismo estatal e se poida ir avanzando no proxecto, a través da execución do tanque de tormentas de Celeiro e da mellora da capacidade de bombeo, que suporán, en si mesmas, melloras técnicas a curto prazo”, rematou.

O BNG PIDE “MÁIS CELERIDADE” E “MENOS TRIUNFALISMO”

A voceira do BNG en Europa, Ana Miranda, demandou “celeridade” nas obras de mellora do saneamiento de ría de Viveiro anunciadas na mañá deeste mesmo venres. Así, asegurou que sobra “todo tipo de triunfalismo” por parte da Xunta tras “anos de atraso” na optimización da depuradora.

“Grazas á presión feita, tanto dos colectivos sociais como do traballo realizado polo BNG, comezou parte do proxecto para sanear ría“, destacou Miranda durante un encontro coa formación nacionalista local, encabezada pola concelleira Miriam Bermúdez.

INICIATIVA NO PARLAMENTO EUROPEO

Miranda informou de que o BNG presentará na Comisión de Peticións do Parlamento europeo unha iniciativa neste sentido para “identificar as zonas de ría que presenten maior degradación e recuperar as que o precisen”.

Ademais, Miranda demandou un “maior control” dos vertidos realizados a ríalas galegas, con sancións “cando sexa preciso”, e cunha “maior transparencia”. Tendo en conta as multas impostas pola Unión Europea a España, e que Viveiro aparece na primeira delas (2010) pero non na segunda, a nacionalista reclama “que se revisen e verifiquen” os datos facilitados polo Estado á Comisión Europea” sobre o saneamiento desta ría.

“Se o Estado español respondeu á Comisión que o saneamento de Viveiro era correcto, por que as administracións ven necesario acometer melloras na depuradora? Hai algo que non cadra“, argumentou Miranda.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...