InicioM.ambiente e PatrimonioRibadeo retomará o proxecto para crear un museo de historia local e...

Ribadeo retomará o proxecto para crear un museo de historia local e patrimonio subacuático

O Pleno acorda por unanimidade que o Concello solicite de novo ás administracións axuda material, humana e económica para habilitar a pinacoteca no Forte de San Damián

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Ribadeo solicitará á Xunta de Galicia e á Deputación de Lugo axuda para crear un museo da historia local e do patrimonio subacuático do municipio no Forte de San Damián, dedicado actualmente a sala de exposicións. Así o acordou por unanimidade o Pleno na sesión do pasado martes, na que se aprobou tamén solicitar ao Goberno autonómico a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o galeón afundido na ría.

O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, expuxo que o goberno local, tralo acordo plenario, dirixirase “outra vez máis” ás Administracións autonómica e provincial “para que fagan chegar os medios técnicos, humanos e económicos necesarios para colaborar neste proxecto”.

Suárez Barcia remarca que o proxecto museístico é unha vella aspiración dado que “a historia local de Ribadeo é moita, así como patrimonio mergullado na ría”. A intención é que os restos de importancia arqueolóxica atopados no estuario poidan quedar no municipio, xa que habitualmente son trasladados a museos de Bueu ou Vigo.

CENTENARIO DO NAUFRAXIO DO BOTE VILLAMIL

Neste sentido, este xoves celebrarase o centenario do naufraxio do bote Fernando Villamil en Ribadeo. Será no propio Forte de San Damián, a partir das 17.00 horas, coa presenza do cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez.

No evento explicarase o acontecemento histórico e descubrirase unha placa conmemorativa do mesmo. Ademais, repartiranse unha separata do libro de historia local ‘A muralla de Ribadeo‘, que se pode mercar en librarías.

PLAN DE IGUALDADE

O Concello tamén salientou a aprobación do terceiro Plan de Igualdade impulsado polo goberno local, que persegue “afondar na consecución dunha maior equidade para as mulleres nos salarios, nas condicións laborais ou no acceso ao emprego, así como nunha calidade de vida e tempos de occio máis accesibles, e sobre todo erradicando as violencias“.

Entre as máis de 50 medidas a acometer entre o período 2019-2022, o executivo municipal destaca “a creación dunha escola de apoderamento para as mulleres no rural“. Tamén se afondará na educación en igualdade desde idades temperás e adolescentes, “pois detéctase que nesta faixa de idade se están empezando a producir problemas, que é necesario dar unha educación máis intensa no que á igualdade se refire”, explica o executivo municipal.

ABASTECEMENTO DE AUGA

O Pleno aprobou de xeito unánime unha moción do Partido Popular (PP) para solicitar axudas ás Administracións provincial, autonómica e estatal para que colaboren na mellora das deficiencias no abastecemento que padecen os municipios de Trabada e Ribadeo.

A iniciativa do PP ribadense tamén esixe ao Concello que poña a disposición os terreos necesarios para o proxecto orzamentado pola Xunta en 5,7 millóns, e aínda non licitado.

“O que pedimos foi a colaboración institucional, xa que buscar orzamento e axilizar os trámites tamén é apostar por defender a Ribadeo”, expuxo o voceiro dos conservadores, Daniel Vega. Suárez Barcia, pola súa banda, di esperar que “exista un compromiso de verdade e non un xogo político como o que fixo a Xunta co campo de fútbol de Ribadeo, onde puxo 41.000 euros dos 400.000 que custará a reforma”.

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Ribadeo polemizaran a través de cartas abertas sobre a responsabilidade de que non se executasen melloras na traída.

ALCOA

Tamén se aprobou unha moción para pedirlle á Xunta e máis ao Goberno do Estado que se apliquen para evitar o peche de Alcoa San Cibrao. Con todo, tras varias emendas, non prosperou a intención dos populares de que se urxise ao Executivo en funcións a aprobación do estatuto das electrointensivas, o que motivou as críticas de Vega, que acusou ao PSdeG-PSOE de “poñerse de perfil” ante a interceza que planea sobre o complexo industrial.

AMORTIZACIÓN DE 390.000 EUROS DA DÉBEDA BANCARIA

Na sesión aprobouse ademais a amortización anticipada de 392.000 euros da débeda actual de 800.000 euros cos bancos. “Podemos facer isto pola situación económica do Concello, pola xestión destes últimos anos e porque temos remanentes positivos”, argumenta Suárez Barcia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...