O proxecto de reforma da Praza da Catedral de Mondoñedo conta co visto bo de Patrimonio

As actuacións, pendentes da aprobación definitiva de Fomento, inclúen a ampliación do Cantón grande e adiantar o muro norte, ademais do traslado dos taxis e o corte ao tráfico rodado

Praza da Catedral de Mondoñedo. AXM

A Dirección Xeral de Patrimonio informou favorablemente o expediente do proxecto de reforma da Praza da Catedral de Mondoñedo. Trátase dun paso máis para a proposta de remodelación do espazo, que tamén conta coa aprobación provisional do Ministerio de Fomento para incluír as actuacións, orzamentadas en case 400.000 euros, dentro das partidas do 1,5% cultural. Así, o Goberno central financiará o 75% das obras.

As actuacións promovidas polo goberno local inclúen a ampliación do Cantón Grande desprazando as escadas dous metros cara a Praza da Catedral e adiantar o muro norte 2,5 metros para habilitar un paseo superior. Ao mesmo tempo tamén se contempla o traslado dos taxis a outro lugar sen definir do entorno, eliminar os colectores do lixo da praza así como cortar esta ao tráfico.

PROBLEMAS DE ACCESIBILIDADE

A alcaldesa, a popular Elena Candia, asegura que a praza “non cumpre os requisitos de accesibilidade por ningún lado” e alude tamén a problemas co saneamento, “moi antigo, o que provoca que cada vez que hai un evento necesitemos desatascar coa motobomba”. Ademais, expón as dificultades da convivencia entre a veciñanza e os turistas e o tráfico rodado, “porque danse situacións perigosas“.

A rexedora precisa que se trata “dun espazo neurálxico” que require dunha reforma e “para iso estamos traballando, para manter a estética mellorando os servizos“.

Deste xeito, queda pendente a a autorización definitiva de Fomento, que Candia non espera “ata o ano que vén”.

O BNG PIDE A EXPOSICIÓN AO PÚBLICO DO DOCUMENTO

O voceiro do BNG de Mondoñedo, Eloi Cabanas, solicitou ao goberno local que expoña ao público o proxecto antes da súa aprobación definitiva, dado que entende que “algo desta magnitude debe ser un plan de cidade e require que as decisións que se tomen deben responder ao resultado dun estudo pormenorizado para que logo as obras non causen danos imposibles de reparar”. 

Pedímoslle á alcaldesa que sexa transparente e que dea conta do proxecto para que a veciñanza e colectivos interesados poidan alegar ou achegar o que consideren necesario”, expón Cabanas.

CANDIA PROMETE “CONSENSO”

Cabanas lembra que a Praza da Catedral de Mondoñedo está incluída dentro do casco antigo da cidade, declarado no ano 1985 Ben de Interese Cultural (BIC), que a catedral é un Monumento Nacional desde o ano 1902 declarado, xunto ao Camiño Norte de Santiago, Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Neste sentido, Candia responde que “non se trata dun proxecto definitivo” e sinalou que tanto a oposición como “varios axentes sociais” coñecen o plan, “algúns dos cales xa nos expuxeron as súas opinións. Pero gobernamos nós e os tempos marcámolos nos”, salienta, para asegurar que o documento será exposto ao público unha vez se conte coa aprobación de Patrimonio. “Antes, sen ter todo OK, non ten sentido facelo sen saber que nos van financiar”, sostén. “Non imos facer nada que non sexa consensuado“, conclúe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here