Rehabilitada a Fonte do Mol, en Sumoas, cun investimento de 39.000 euros

Concello e Xunta colaboraron na restauración da edificación e do lavadoiro, así como na substitución da cuberta por materiais como madeira de castiñeiro e lousa

Balseiro (esquerda) e Salgueiro, na fonte. AXM

A Xunta de Galicia colaborou co Concello de Xove na obra de restauración integral da Fonte do Mol, na parroquia de Sumoas, unha actuación na que se investiron 39.000 euros e que permitiu a recuperación deste elemento etnográfico que a día de hoxe segue a ter un uso veciñal.

O proxecto contemplou traballos de restauración da fonte, incluída a edificación na que se atopa e o lavadoiro situado no seu interior, así como a mellora dos accesos. A intervención tiña por obxecto acondicionar este espazo e integralo na contorna, substituíndo materiais degradados e non acordes co entorno por outros tradicionais como pedra, madeira e lousa. Unha das actuacións previstas foi a substitución da cuberta de fibrocemento por outra empregando materiais como madeira de castiñeiro e lousa.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comprobou o resultado da actuación, xa rematada, acompañado do alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro. Balseiro sinalou que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza fixo unha achega de 15.500 euros a través da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental.

RECUPERACIÓN DOS NÚCLEOS RURAIS

Segundo expuxo a Xunta, o Concello de Xove “desde hai anos está a desenvolver un ambicioso programa de recuperación dos núcleos rurais, dotándolles de infraestruturas axeitadas (iluminación, accesos, comunicacións, áreas recreativas) e tamén restaurando o seu patrimonio de interese sociocultural”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here