“Os antergos eran bioconstrutores; plantaban madeira para os netos e defendíanse cos materiais da zona”

Afincado na Pontenova e de orixe alemá, Guido Tomasini, considerado un dos maiores expertos do Estado en construción ecolóxica, ofrecerá un curso desta especialidade en Vegadeo

Tomasini, nun obradoiro no IES A Cachada de Boiro. YOUTUBE/IES A CACHADA

O bioconstrutor alemán Guido Tomasini ofrecerá un curso de técnicas de construción ecolóxica desde o vindeiro luns en Vegadeo, que forma parte dun programa impulsado pola asociación Intereo. Afincado na Pontenova e considerado un dos maiores expertos do Estado neste ámbito, leva 20 anos tentando concienciar en Galicia sobre unha fabricación de edificios máis respectuosa co medio ambiente.

Que pretende ensinar no curso?

Imos ensinar materiais e criterios de bioconstrución, amosar en que consiste a construción ecolóxica, sostible. Tentaremos facer unha obra durante catro semanas para que o alumnado poida familiarizarse. Construiremos seis columnas con seis opcións construtivas diferentes; bloques de termo-arxila, similar ao ladrillo e que sería o máis parecido ao que se utiliza de xeito convencional, cun illamento exterior SATE; outros dous sistemas construtivos con palla; outros dous diferentes de madeira; e finalmente, un con terra.

Apenas utilizamos materiais sintéticos, teñen que ser biodegradables, que teñan a menor pegada ecolóxica posible e que non produzan lixo; menos transformados, menor custo enerxético aparellado na produción… Na construción convencional énchense contedores e contedores. E logo, dentro da bioconstrución hai sistemas máis modernos e radicais, como a palla, e outros máis antigos, como a terra pisada.

“A bioconstrución ofrece moitas variantes en sistemas e materiais, como a palla, a madeira, a terra ou a termo-arxila”

Que funcionalidade terá esa construción que van facer na Veiga?

En principio vai ser un cobertizo duns 25 metros cadrados, que agardamos que o Concello poida darlle unha utilidade que precise; poderase ampliar e mesmo facer un local pechado. A idea é seguir a filosofía da economía circular, postos a facer algo, que teña unha vida.

ECOLOXÍA, SAÚDE E CONFORT

Cales serían os obxectivos da bioconstrución e por que é necesaria?

Existen razóns medioambientais, de saúde e de confort. Hai un cambio de conciencia, provocado polo cambio climático, de que non debemos producir excesivo lixo e contaminar. Para iso deberamos construír con materiais que, acabada a vida útil da casa, poidan seguir servíndonos e ser reutilizados. A terra é un exemplo, pódela usar as veces que queiras. Se non se pode, polo menos que sexan elementos biodegradables; a palla é terra, o corcho madeira, etcétera.

Iso pola parte do medio ambiente, “cara fóra”. Por outra banda, a bioconstrución favorece a creación de ambientes saudables “cara dentro”. Hai un concepto que alude aos compoñentes volátiles, sustancias sintéticas que están por todas partes nas nosas casas, pinturas, colas, aglomerados… Que non se quedan fixos aí, que están no aire das nosas vivendas, que os respiramos. Algúns son canceríxenos ou sospeitosos de selo. Nós facemos fogares que non fan enfermar aos usuarios, algo que non pode dicir tan tranquilamente a construción convencional.

“as casas ECOLÓXICAS son máis caras AO principio, pero ofrecen ambientes máis saudables e aforran EN CALEFACCIÓN E DESHUMIDIFICACIÓN”

E finalmente, nun terceiro ámbito, a bioconstrución consegue ambientes secos e cálidos, evitando practicamente ao 100% os problemas de condensación, os “piollos” negros que vemos nos pisos. Así que o confort é notablemente maior, porque as paredes transpiran. E hai que ter en conta que aforramos enerxía, tanto en calefacción como en aparatos de deshumidificación. Moitas veces non temos en conta que significa vivir unha casa demasiado húmida; os fungos poden causar tanto dano como as sustancias ás que me refería antes.

A CASIÑA

Ten unha escola de bioconstrución na Pontenova, A Casiña.

Pois nun formato diferente ao de Vegadeo, é máis ou menos o mesmo, con talleres de fin de semana que queremos ampliar, facer de maior duración. En dous días podemos ensinar detalles, como se utilizan ramas de abeleira ou sauce para facer un entramado de madeira… Iso pódese facer en dous días, pero non moito máis. Trátase dun sector pioneiro, que require estar sempre poñéndose as pilas, eu levo 30 anos nisto e sigo aprendendo. A construción é moi complexa, requírense as técnicas e criterios da albanelería. E a bioconstrución é non máis ca unha especialización, cuns motivos filosóficos e prácticos. O que tentamos é xerar un interese na bioconstrución, que a xente vexa o que é antes de aceptala ou rexeitala. Non podemos obrigar a ninguén, só amosar.

A Casiña. AXM

PREXUÍZOS

Cales son os principais prexuízos a desmontar sobre a construción ecolóxica?

Hai moitas anécdotas. Escoito, a cal non vale para exteriores, ten que ser cemento, ou morteiros acrílicos. Ese medo ten pouco fundamento; hai traballos que fixeron os romanos hai 2.000 anos e están nun perfecto estado, mentres que temos só un século e pico de experiencia construtiva con cemento. O problema é que a cal xa non se sabe traballar, non que como material non sirva. Iso por parte da durabilidade.

Se falamos do barro, moitísimo máis. Aquí non funciona porque é moi húmido, din. É exactamente ao contrario; o clima de Galicia favorece o comportamento do barro. Temos exemplos do que pode acadar a terra pisada en moitas vivendas do casco histórico de Monforte de Lemos, que aí seguen.

“o conto dos tres porquiños fixo moito dano. a palla resiste E O CASCO DE MONFORTE É UN EXEMPLO DA DURABILIDADE DA TERRA PISADA”

Non falemos da palla. O conto dos tres porquiños e o lobo fixo moitísimo dano (risas). Igual o porquiño que fixo a casa de palla non era un gran especialista (risas). A casa na que eu vivo é de pedra e barro, terá 50 anos. Moitas veces a xente non sabe o que ten. Galicia é un sitio característico no que todo o novo se acepta moi doadamente e o antigo rexéitase porque se asocia coa peor calidade de vida que tiñan as persoas antes. Cantos exemplos temos de casas de pedra caendo ao lado de chalets de formigón?

No tocante ao custo, unha casa ecolóxica pode custar máis, o material é probablemente máis caro se non se trata de palla ou barro, e tamén custa máis a man de obra, pero a medio prazo pode supoñer un menor gasto en mantemento. Querémolo todo rápido e barato, pero habería que pensar que construímos unha casa para que dure décadas. Na bioconstrución buscamos unha alta calidade. Aínda así, o custo depende moito menos dos materiais e dos sistemas construtivos que dos caprichos da xente. O abano pode estar entre 500 euros por metro cadrado de vivenda e os 2.500, en función do que se pida. Moitas veces queremos algo que é máis espectacular, pero non mellor. En Alemaña utilizouse moito o poliestireno para illamentos; agora está custando máis desfacerse del que o que custou poñelo.

“galicia é un exemplo de lugar onde se acepta moi doadamente o novo e se rexeita o vello pola mala vida que había antes”

Hai que pensar nos problemas que van ter as seguintes xeracións. Non podemos vivir tan despreocupadamente. Eu teño unha filla de oito anos e quérolle deixar un mundo o máis habitable posible.

CAMBIO DE CONCIENCIA

Nótase ese cambio de conciencia ou aínda estamos moi verdes?

Eu levo traballando 20 anos nisto en Galicia, e as cousas cambiaron moitísimo, a nivel da demanda, que está a subir notable e continuamente, tanto en obra nova como en rehabilitación. A pregunta sería cales son os motivos de cada cliente. Moitos deles fanos por unha conciencia global (política, de alimentación), pero diría que a maioría fano por confort. Pero aquí estamos ao inicio; hai 30 anos, eu podía aprender en Alemaña con xente que xa levaba outros 30 anos. Aquí estamos dando os primeiros pasos, o noso espazo do mercado está seguro por debaixo do 1%.

A bioconstrución choca coa construción convencional, poderiamos dicir que facemos practicamente todos ao revés. Hai moitas frontes abertas; o cemento, por exemplo, tan aceptado por arquitectos e construtores, que move tanta economía, está considerado como un material que ten un custo bestial non só como elemento construtivo senón pola súa propia fabricación, con moitos aditivos.

“é necesario PENSAR NOS FILLOS. falamos de coches eléctricos, pero trANSPORTAMOS materiais deSDE américa ou asia”

A REFERENCIA DOS ANTERGOS

Fala de Alemaña como unha referencia da bioconstrución. En quen nos podemos fixar?

Pois Centroeuropa, Alemaña, Europa do leste… Pero é que non é necesario ir aí. Os nosos referentes poden vir das sociedades anteriores á industrialización.

Os nosos bisavós.

Exactamente. Aquí cada pobo tiña a súa canteira, os avós plantaban madeira para os seus netos… Non había maneira de transportar un material miles de quilómetros. Falamos dos coches eléctricos, que parece que van globalizarse, pero non utilizamos o que temos máis preto e gastamos en transporte; mercamos os materiais de Asia ou Sudamérica. As construcións dos nosos antergos eran ecolóxicas, defendíanse co material que tiñan, e nós deberamos pensar un pouco máis en facer o mesmo. Ninguén pode negar a durabilidade dunha casa de pedra en Galicia, moitas teñen 200 anos. Galicia pega, pero penso que nos últimos vinte anos quedouse algo polo camiño, algo da súa esencia.

POSIBILIDADES

E a nivel de bioconstrución, que se pode facer?

Todo a nivel de vivenda unifamiliar, ou de dúas tres casas. En Centroeuropa xa se leva a outros niveis, pois constrúense edificios públicos, escolas, bibliotecas… En Francia fíxose un instituto de 5.000 metros cadrados en palla. En países árabes, como Yemen, hai edificacións de 15 plantas con miles de anos de idade, feitas en terra, barro e madeira. Non podemos facer rañaceos, pero tampouco é a nosa filosofía. O importante sería que tanta innovación tecnolóxica se utilizase desde un punto de vista máis ecolóxico.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here