Villares reúnese de novo cos apicultores para conter a velutina

O alcalde de Cervo convoca aos afectados pola praga da vespa asiática para traballar man a man

Xuntanza do alcalde de Cervo e representantes do goberno local cos apicultores. CONCELLO DE CERVO

O Concello de Cervo convocou de novo aos apicultores do municipio para poñer en común a situación actual das súas colmeas e traballar de forma conxunta co obxectivo de reducir o impacto da vespa velutina, dada a enorme incidencia desta especie nos últimos anos.

Así, o alcalde cervense, Alfonso Villares, e maila edil de medio ambiente, Manuela Méndez, e o concelleiro de Medio Rural, Plácido Pérez, reuníronse cos meleiros no salón de plenos do consistorio. O rexedor sinalou que “a nosa intención é estar preto e traballar man a man cos apicultores, tal e como facemos desde 2013, cando tivemos coñecemento da presenza da velutina no noso termo municipal. Queremos estar ao seu carón e protexer, na medida das nosas posibilidades, aos nosos veciños e tamén ás abellas”, asegurou.

A actividade do goberno local neste eido céntrase en dúas tarefas. Por un lado, a neutralización e retirada de niños, coa colaboración da cidadanía, que pode avisar se os identifica. Por outra banda, a entrega de atraíntes aos produtores afectados, uns remedios que proporciona de balde. “Comezamos a traballar con eles o ano pasado e, tal e como nos trasladaron os nosos apicultores, están a ter unha certa eficacia”, explicou o rexedor.

o rexedor repartiu 200 botes de ATRAÍNTE entre os 30 meleiros do municipio

INVESTIMENTO DE 2.000 EUROS

Os representantes do goberno local cervense repartiron de xeito equitativo, en función do número de colmeas, 200 botes de atraínte entre os 30 apicultores que hai no Concello de Cervo. Este reparto supón un investimento por parte do Concello cercano aos 2.000 euros. Cada un destes envases garante unha trampa por un período bimensual, no que técnicos e produtores seguirán as evolucións das colmeas e a aparición de novos niños da vespa asiática.

Ademais, os apicultores poden utilizar un teléfono de contacto facilitado polo goberno local para traballar de xeito cordinado. A través desa canle poden consultar dúbidas ou comunicar a presenza de novos niños.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here