Iniciosociedade(VÍDEO) Para desfrutar: escenas de fauna salvaxe no Xistral gravadas polo alumnado...

(VÍDEO) Para desfrutar: escenas de fauna salvaxe no Xistral gravadas polo alumnado do IES San Rosendo

Oito cámaras colocadas no monte para estudar o lobo, no marco do premiado Proxecto Rebinxe, capturaron imaxes de corzos, cabalos, xabaríns ou xenetas

Publicada o

- Advertisement -

O alumnado do IES San Rosendo de Mondoñedo continuou neste curso a traballar no seu premiado Proxecto Rebinxe, que investiga o comportamento dos animais da contorna para concienciar sobre a súa importancia no ecosistema.

Desde hai ano e medio, o profesorado e o alumnado do centro -participan estudantes de primeiro da ESO a primeiro de Bacharelatode doce a dezasete anos– está a perfilar un estudo sobre o lobo na Serra do Xistral, para o que colocou oito cámaras en diferentes puntos, a fin de comprobar distintos aspectos da vida do cánido salvaxe.

Á PROCURA DE COÑECER COMPORTAMENTOS E ÍNDICES DE ABUNDANCIA DO LOBO

“Fomos movendo os dispositivos en función das necesidades, en saídas nas que participou o propio alumnado, que realiza cada unha das fases e actividades do estudo. Os nosos intereses teñen que ver con comprobar os índices de abundancia do lobo, coñecer o comportamento dos individuos -pois acabamos por identificalos-, saber cantos hai, por onde se moven, se quitaron crías ese ano…”, explica Óscar Chao, un dos profesores que impulsa este proxecto.

A intención é traballar a medio e longo prazo, que sirva como complemento aos censos de poboación elaborados pola administración –o último data de 2015, e o anterior de 2003- para coñecer o estado da especie, sempre no punto de mira tanto polo impacto que ten no gando como pola incidencia que en ocasións se lle atribúe erroneamente.

MOMENTOS DE REPRODUCIÓN OU DE CAZA

Á espera de poder compilar máis datos para sacar conclusións, o estudo comeza a dar os seus froitos, e non só sobre o lobo. Comezaron a capturarse escenas de varias especies, algunhas moi esquivas: cabalos de montecervoscorzos, raposos, xabaríns coas súas crías ou mesmo o gato bravo ou xeneta, especialmente escorredizo, foron gravados polas cámaras.

“Aproveitamos o que imos gravando. Capturamos a berrea dos machos, durante o celo, escenas de reprodución ou cazando. Todo iso permite aprender sobre o comportamento da fauna. Por exemplo, chama a atención que hai lobos capaces de desprazarse 40 quilómetros, ou que algunhas especies sofren enfermidades como a sarna. Tamén atopamos escenas que atribuímos ao furtivismo, pois atopamos varios animais, especialmente os cánidos, mutilados”, indica.

O PROFESORADO NON PERCIBE UN CAMBIO DO COMPORTAMENTO POLO ESTADO DE ALARMA

Preguntado por se a fauna salvaxe e está a tomar os espazos que deixou o ser humano por mor do coronavirus, Chao responde que dous meses “son demasiado pouco tempo para que os animais collan ese nivel de confianza para achegarse a lugares habitados polo home. Faría falta un parón meirande para cambiar un comportamento arraigado”, destaca.

A pandemia paralizou o curso escolar e por tanto o Proxecto Rebinxe, pero Chao agarda que non dure moito e permita que os investigadores da iniciativa volvan ao monte, isto é, ao traballo e á aprendizaxe. Unha filosofía que colleitou numerosos premios, os últimos, o destinado aos xoves investigadores do CSIC e o da Fundación Endesa.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...