Medio milleiro de persoas na primeira xornada de visitas con cita previa ás Catedrais

O límite diario de visitantes ao areal está fixado en 4.812 persoas para os meses de xullo, agosto e setembro

Visitantes na praia das Catedrais (foto de arquivo). AXM

Ao redor de medio milleiro de persoas formalizaron reserva para visitar este mércores o monumento natural Praia das Catedrais, no municipio de Ribadeo, xusto o día no que se inaugura a tempada de visitas ao areal previa solicitude de autorización á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O plan de conservación do areal, que entrou en vigor no ano 2015, establece un control de acceso en determinadas épocas do ano, para evitar que a afluencia masiva de visitantes poida danar a contorna natural.

O límite diario de visitantes ao areal está fixado en 4.812 persoas para os meses de xullo, agosto e setembro, do mesmo xeito que en Semana Santa e nalgunha ponte festiva sinalada no calendario.

Para solicitar a correspondente reserva, os visitantes poden facer uso da web específica habilitada pola Xunta de Galicia, aínda que tamén hai pases dispoñibles nos establecementos hostaleiros de Ribadeo.

Unha das consecuencias derivadas da crise sanitaria provocada polo coronavirus foi o peche temporal desa aplicación e, polo tanto, non se concederon permisos para visitar o monumento natural durante a Semana Santa. A mediados de xuño, a web de reservas foi reactivada para solicitar as autorizacións que permiten baixar ao areal durante a tempada de verán. EFE

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here