A estela funeraria da illa Coelleira, unha peza “única a nivel europeo” que desconcerta aos investigadores

“Este achádego está a dicirnos que hai algo na illa moi importante todavía por descubrir”, asegura o arqueólogo, Iñaki Sagredo

Román Rodríguez, Jesús Novo e Iñaki Segredo. JUAN MAYA

JUAN MAYA. No acto de presentación celebrado este mércores no Vicedo no que participaron o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o alcalde do Vicedo, Jesús Novo, e o arqueólogo Iñaki Sagredo, achegouse nova información sobre a estela funeraria atopada no xacemento da Illa Coelleira.

Sagredo considera que se trata dunha peza “única” de “moito valor” xa que non existe un paralelo na actualidade. “Non sei se non futuro poderemos atopar algo parecido ou que alguén nos poida dar algún tipo de pista”, expuxo o arqueólogo.

Coa intención de obter máis información sobre o achádegado, os investigadores preguntaron a varios expertos, algúns deles de fóra da península, pero todos coinciden no mesmo: non hai ningunha referencia coñecida semellante.

FEITA PARA VERSE EN 360 GRADOS, PUIDO SER “UNHA ESPECIE DE ALTAR”

A estela atopada conta cunha serie particularidades que a convirten nun descubrimento único a nivel da zona, peninsular e europeo. “A pedra en si garda moitísimo simboloxía, non pola cruz frontal, que está dignificada nunha orla, senón polas cruces que están talladas arredor para poder visulizala 360 grados“, coas que buscaban que fora como unha “especie de altar” que se vira dende diferentes puntos, “tanto por arriba como polos laterais”.

“Temos un bloque primástico que é máis groso na súa base. É unha estela funeraria, non unha cruz que vaia relacionada á construción do templo. Ten tres brazos horizontais, un adorno medieval con forma circular e que unha aureola circular que lle da un certo poder místico”, explicou Sagredo.

SIMBOLOXÍA

Tamén ten outras singularidades: “a cruz como gran forza simbólica ten cruces labradas arredor, ten unha que semella ser posterior nun costado e, na parte superior, outra con dúas máis pequenas que corresponde a un calvario ou a unha cruz de Xerusalén inacabada“, explicou o arqueólogo.

Malia que a investigación está todavía en curso e que de momento non dispoñen dunha datación cronóloxica exacta, tal e como se encargou Sagredo de lembrar en varias ocasións durante a conferencia, a peza foi atopada nun mosteiro abandoado na Illa Coelleira rodeado de lendas. “A illa foi unha referencia visual para os navegantes e para os relixiosos; os templos procurábanse en sitios refuxiados para buscar a espiritualidade ou unha protección ante os posibles atacantes”.

AS CONSTRUCIÓNS NA ILLA, A INVESTIGACIÓN

Os arqueólogos encargaron a Estados Unidos estudos de fotografías satélite da zona para poder analizar as construcións que puido haber na illa e que non son visíbeis na actualidade. “O que puidemos comprobar facendo uns barridos de análise de diferentes capas de cor con infravermellos, é que hai varias construcións asociadas ao templo”.

Todo parece indicar que o número de frailes que puidera haber era maior do que se pensaba ata o de agora. “O edificio puido albergar un número maior de persoas do que pensamos fai uns anos, realmente hai unha serie de dependencias asociadas ao templo”.

“Esta peza está a dicirnos que hai algo na Illa Coelleira moi importante todavía por descubrir”, concluíu o arqueólogo.

FUCIÑO DO PORCO CONTARÁ CON PANEIS, LUCES E UN APARCADOIRO PARA BICIS

No acto tamén participaron o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o alcalde do Vicedo, Jesús Novo, para anunciar que a Xunta de Galicia asinará un novo convenio de 30.000 euros coa intención de “mellorar o equipamento e os servizos” no Fuciño do Porco mediante a instalación de paneis, a colocación de luces ornamentais e a construción dun aparcadoiro de bicicletas. Esta nova achega económica súmase aos máis de 50.000 euros que a Xunta leva xa investidos nos pasados anos no saínte costeiro.

Rodríguez tamén aproveitou a ocasión para recordar a importancia dun dos “recursos turísticos esenciais para a Mariña” e remarcou o “carácter excepcional do espazo”, así como os esforzos que están realizando nos últimos anos dende a Xunta en colaboración co Concello.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here