InicioM.ambiente e PatrimonioÁlvaro Crego: “A toponimia é unha obra inigualable do pobo galego en...

Álvaro Crego: “A toponimia é unha obra inigualable do pobo galego en unión”

Da man de Mariña Patrimonio, o mozo burelao impartirá este xoves unha videoconferencia sobre os topónimos galegos e a aplicación Galicia Nomeada

Publicada o

- Advertisement -

JUAN MAYA. Este xoves, a partir das 19.30 horas, o burelao Álvaro Crego Deán impartirá unha conferencia en liña a través do Facebook de Mariña Patrimonio, dentro do ciclo de charlas telemáticas que organiza o colectivo. A charla titulada “E logo ti de onde vés sendo? Galicia Nomeada: toponimia colaborativa”, versará sobre os topónimos e a aplicación para teléfonos intelixentes creada pola Real Academia Galega para recuperalos.

Durante a sesión, Crego explicará os factores que conduciron a esta enorme riqueza de topónimos cos que contamos na actualidade en Galicia e explicará tamén como empregar a aplicación Galicia Nomeada así como as súas funcionalidades.

PROXECTO COLABORATIVO

P. — Que abordará na charla?

R. Digamos que terá dúas partes. A primeira parte vai de toponimia de Galicia en xeral. Hai que recordar que eu non son ningún experto neste tema e acabo de meterme. En Galicia hai un patrimonio cultural da toponimia que non ten comparación con outros lugares, algo que foi unha gran sorpresa para min, que nin sequera era coñecedor de toda esta riqueza e este mundo. Os topónimos galegos son únicos. Esa primeira parte trata de concienciar e describir o patrimonio que temos na nosa terra e nos nosos mares.

A segunda parte é a centrada na aplicación de Galicia Nomeada, a aplicación da Real Academia Galega, onde se explicará o mecanismo de como gardar esos topónimos e como colaborar. Tamén falarei sobre os topónimos que eu recollín e algunhas cousas que me parecen interesantes. O obxectivo da charla é mentalizar e conseguir colaboradores para que máis xente participe para que esta gran riqueza non se perda.

“O OBXECTIVO DA CHARLA É CONSEGUIR COLABORADORES PARA QUE ESTA RIQUEZA NON SE PERDA”

No seu caso, como se produciu esa primeira chispa na súa cabeza que o impulsou a recoller topónimos?

Foi de casualidade. A min gústame a historia de Galicia, o galego, pero ocorreu ao ver unha nova nunha páxina do Facebook que se chama “Historia de Galicia” de que Galicia Nomeada se iba crear. Cando vin iso, decidin ver de que ía e así foi como me comecei a meter nese mundo. Empecei a preguntarlle aos meus avós topónimos, cada vez fun falando con máis xente e así ata a actualidade.

A HUMANIZACIÓN DO ESPAZO

Como pensa que nacen os topónimos?

Como ben acaba de dicir, os topónimos nacen, que é un concepto do que tamén falarei na charla: a humanización do espazo. É dicir, un topónimo nace nun lugar porque algo aconteceu e fai que teña ese nome. Normalmente adoitan ser topónimos referidos a historias que tiveron lugar nese sitio, seres mitolóxicos, xacementos e incluso poden estar referidos á fauna ou flora -se hai moitos carballos seguro que hai un Carballiño ou Carballedo e se hai moitos raposos pois igual é a Golpeira ou Golpelleira-. Todo ten unha explicación, de aí a súa importancia. Permiten darche unha idea da realidade paisaxística que existía nese lugar fai moitos anos.

“a fauna, a flora, lendas sobre seres mitolóxicos ou xacementos dan orixe aos topónimos”

Na páxina web da aplicación aparece que se trata da “maior obra colectiva do pobo galego”. Considera vostede que é realmente así?

Eu diría que si, todo é como se vexa. Penso que con esa frase faise referencia a algo que é en conxunto, de toda Galicia. Tanto como dicir a maior non sei, podería ser o galego mesmo. A toponimia é unha obra inigualable do pobo galego en unión, e digo en unión pola homoxeneidade dos topónimos. Cando dicimos que o universo é homoxéneo queremos dicir que aquí hai as mesmas galaxias que en x millóns de anos luz máis adiante, que hai a mesma densidade de materia, nos topónimos é igual. É moi bonito ver que xente galega desde diferentes lugares acabamos chegando á mesma conclusión de distribuír esas coordenadas organizadas que son os topónimos. Non sei se é a maior, pero desde logo que si que é unha gran obra.

A TRANSMISIÓN ORAL, ROTA

Chegou a algunha conclusión?

Eu abraieime cando descubrín todo isto. Paréceme increíble a cantidade de termos que manexaba a xente antes, hai cen anos, douscentos anos, e a súa gran capacidade memorística. Cada persoa podía ter na cabeza máis de mil nomes para designar lugares específicos aos que ía.

A que pensa que se debe esta perda progresiva de topónimos?

Hai moitos factores, pero principalmente a chegada das novas tecnoloxías que fan que xa non se necesiten esos topónimos porque temos o GPS ou o radar no mar. É un coñecemento moi reducido que queda na xente maior e que se nos vai indo. Agora non existe esa transmisión oral dos topónimos como existía hai cen anos porque a Galicia de hoxe é moito menos rural e non se necesitan tantos.

A PERDA DUN PATRIMONIO

A perda dos topónimos pode conducir a unha simpleza de vocabulario cada vez maior?

Con eles perderemos tamén moitas outras cousas. Perderemos un patrimonio cultural inigualable porque non hai outro lugar no que exista esta calidade toponímica. Pérdese riqueza, precisión e utilidade. Non só é interesante salvalos porque é un gran patrimonio, tamén son útiles. Pódense utilizar para facer rutas máis precisas, xeolocalizar nos terreos forestais no caso de que haxa unha emerxencia e sobre todo, a xente que se adica á arqueoloxía empregan os topónimos para situar mellor onde están os xacementos e facerse unha idea da realidade paisaxística que existía nese lugar. A esta xente resúltalle máis doado traballar con topónimos que procurar algo no Google Maps.

“os topónimos son útiles. pódense usar para facer rutas precisas, xeolocalizar emerxencias, facerse unha idea da realidade paisaxística dun lugar”

Esta iniciativa axudou a descubrir topónimos que igual non estaban demasiado estudados ou en concellos nos que era unha materia pendente.

Axudou aquí na Mariña e en todos os lugares e máis axudará canta máis xente colabore. Eu falei cun familiar meu que é patrón e díxome unhos topónimos que na miña vida escoitara. Os Farallóns son tres: a Sombriza, a Baixa e o , pero resulta que dentro deses tres hai máis topónimos: a cova de Xan Vello, a Tumbadoira, Punta Patamariña… Hai nomes que eu na miña vida escoitara. É un patrimonio que grazas a esta aplicación se pode salvar. Cando as persoas que hoxe os saben xa non esteñan, esos topónimos vanse ir con eles, porque eran as únicas que os sabían ou como moito haberá un par de persoas máis que se acorden.

“eu sabía dos farallóns, pero dentro deles está a sombriza, a baixa e o pé; a cova de xan vello, a tumbadoira…”

CONCIENCIACIÓN

Supoño que é un esforzo intentar recuperar todos esos topónimos que están en perigo de extinción.

O problema é que non hai concienciación e tamén que hai desinformación. Eu mesmo considérome unha persoa concienciada con Galicia e coa súa lingua, pero tampoco estaba enterado de que isto existía, foi de casualidade. Tamén se trata de facer promoción destas cousas para que a xente as coñeza. Non hai tanta concienciación porque xa non hai tanta información.

En canto ao esforzo, eu penso que non é tanto. Hai dous niveis. Eu si que lle dediquei moitas horas porque me gusta, pero hai un nivel máis baixo que pode consistir en simplemente descargar a aplicación e preguntarlle aos avós o nome dos montes que teñen ou mesmo cando lle escoite a unha persoa un nome, que colla o teléfono e o meta na aplicación, a esa persoa non lle custou nada e enriba aprende unha cousa nova. Se se quere, con moi pouco faise moito. Se todas as persoas fixeran ese esforzo durante unha conversa, é un topónimo máis que queda aí.

“con galicia nomeada un pode subir á aplicación un nome nada máis escoitalo, non custa nada e aprendes”

CONECTAR XERACIÓNS

Puxo o foco nos concellos da Mariña ou centrouse nalgún en específico?

R. Onde máis toponimia recollín foi en Cervo, cos meus avós, que son os dous de alí. En Burela un pouquiño e despois recentemente recollín tamén no concello de Foz, na parroquia de Cangas, nun lugar que se chama Vilasindre, porque eu ía por alí de pequeno e téñolle moito cariño.

Este tipo de ferramenta permite que os máis novos poidan conectar con avós e que pasen tempo xuntos.

R. Non só se trata de recoller toponimia, tamén está o que eu chamo simbiose entre xente nova e maior. Ese tempo que comparten os netos, que son os que dominan as novas tecnoloxías, e os avós, que son as enciclopedias da toponimia, é tempo en familia, escoitando as persoas que é algo moi importante e que ás veces pode axudar a que as persoas maiores se sintan mellor porque son útiles. É algo moi bonito porque lles axuda a lembrar vivencias e anécdotas e desfrutan.

“investigar a toponimia fai que ás veces a xente maior se sinta mellor, máis útil, lembrando as súas vivencias”

CURIOSIDADES

Chamoulle especialmente a atención algún nome dos que recolleu?

R. Os máis auténticos ou os que están en perigo de extinción son os topónimos do mar, sobre todo porque hai moi pouca xente que os recorde. Hai un moi especial que me dixo un home: Canigote. É un sitio que se atopa detrais da Marosa; é como unha entrada do mar moi estreita e longa e onde antigamente as xentes construíron unhas comportas para cando quedase a marea chea os peixes quedaran dentro e así poder collelos mellor. Non sei en que época foi pero aínda están alí os ferros e o marco nas pedras.

Atopou algunha diferencia nos topónimos que se empregan nesta zona cos que pode haber noutras áreas de Galicia?

Desde logo. Hai unha diferencia pero no fondo a estrutura sempre é a mesma. Pero si que se aprecian diferencias, por exemplo, sen ir máis lonxe, nos dialectalismos. A toponimia é outro xeito de ver os bloques dialectais. Aquí nesta zona estamos máis pegados a Ribadeo e dicimos “camiois”, na zona central din “camiós” e nas Rías Baixas din “camións”, ese tipo de cambios tamén se ven nos topónimos e é moi interesante ver como incluso ata dentro do mesmo concello topónimos que significan o mesmo cambian a súa terminación por estar dentro de diferentes bloques.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...