Xove iniciará a finais de setembro unha escavación no castro de San Tirso de Portocelo

A empresa Argos ocuparase durante tres semans da actuación, que constará de varias sondaxes e datacións radiocarbónicas para definir a cronoloxía do xacemento

Vista aérea do xacemento de San Tirso. AXM

O Concello de Xove informou a través dun comunicado de prensa de que o 28 de setembro comezará unha cata no castro de Mechiluíde, na área arqueolóxica de San Tirso de Portocelo. Esta zona é dun dos xacementos máis interesantes da Mariña Lucense, dado que alberga unha ermida que foi construída sobre un mosteiro medieval, na área onde se ubicou á súa vez un asentamento castrexo.

O castro en cuestión está catalogado no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais (GA27025002) como unha fortificación da idade do ferro, datada entre os séculos V e I a. C.

A actuación terá lugar na parcela de titularidade municipal e consistirá nunha escavación en varias sondaxes de tres semanas de duración, así como varias datacións radiocarbónicas, que permitirán unha mellor definición cronolóxica do xacemento. O lugar consta de dous elementos ben diferenciados que constitúen un importante foco de interés: o castro costeiro situado no saínte da liña de litoral, e as ruínas da antiga igrexa parroquial de San Tirso.

Segundo concreta o Concello, a empresa encargada dos traballos será Argos Arqueoloxía “e o equipo estará formado por catro arqueólogos profesionais de contrastada experiencia tanto no territorio galego coma no resto da península e no estranxeiro”.

ATA 30 XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS NO MUNICIPIO

Esta actuación responde á estratexia levada a cabo polo Concello dende o Departamento de Investigación Social e Turismo, pola que se pretende resaltar como signo de identidade de Xove a antigüidade da vida no seu territorio e os vestixios que dela se conservan, como demostran os máis de trinta xacementos arqueolóxicos e a destacable importancia dalgúns deles, como a mámoa de Guilán, a máis grande da Mariña, ou o círculo de Lavandeiras, o maior coñecido ata o de agora en España.

ENCLAVE DE RUTAS DE SENDEIRISMO

O obxectivo principal da estratexia é, sinalan desde o goberno municipal, “ademais da investigación e da conservación do patrimonio de Xove, a especialización e o aumento dunha oferta turística non só na contorna municipal, senón tamén na comarcal. Pretendemos dotar de información histórica arqueolóxica a un elemento patrimonial e turístico de grande valor, redundando tamén na potenciación das rutas que pasan a carón da área arqueolóxica de San Tirso: Camiños Naturais da Ruta do Cantábrico e a Ruta da Senda Costeira de Xove“.

O colectivo Mariña Patrimonio e o xornalista Manuel Gago realizaron ao longo dos anos unha tarefa de divulgación deste xacemento, no que o mosteiro medieval non só tería aproveitado as defensas do antigo castro -“en espectacular bo estado”- senón que as tería potenciado.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here