Descobren un dolmen en Penabor e unha mámoa en Cruceiro da Insua, en Barreiros

Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo temen que a Xunta "boicotee" a súa solicitude de catalogación destes monumentos megalíticos

Dolmen atopado en Barreiros. MARIÑA PATRIMONIO

As Asociacións Culturais Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo veñen de descubrir no concello de Barreiros dous novos xacementos arqueolóxicos. Trátase dun dolmen en Penabor e dunha mámoa no Cruceiro da Insua.

Respecto do primeiro, concretan as agrupacións, localizouse mámoa duns 15 metros de diámetro, que presenta cono de violación -buraco que testemuña o espolio do xacemento- e destaca a presenza de tres ortostatos do dolmen.

A mámoa do Cruceiro da Insua ten uns 20 metros de diámetro e apréciase no lateral sureste do túmulo o que podería ser o cono de violación.

Os colectivos mencionados veñen de solicitarlle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (DXPC) a inclusión destes dous monumentos megalíticos no Catálogo do Patrimonio Culltural de Galicia, aínda que aseguran “temer” que “tanto a mámoa de Penabor coma a da Insua se sumen á longa lista de bens patrimoniais que a DXPC nin cataloga nin protexe debido ao seu boicot ás solicitudes que presenta Mariña Patrimonio”.

Mámoa de Cruceiro da Insua. MARIÑA PATRIMONIO

PETICIÓN AO CONCELLO DE BARREIROS

Ambas asociacións mantiveron unha reunión a semana pasada coa alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, para informala sobre estas novas descubertas e para solicitarlle que o Concello de Barreiros inste á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a que catalogue e protexa estes dous xacementos arqueolóxicos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here