A Pontenova lanza un Trivial online para afondar na Historia e recursos turísticos do municipio

O pasado mineiro da localidade, a pesca e a vida na contorna do Eo e o patrimonio natural centrarán as preguntas do xogo, pensado para veciños e visitantes

Praza dos Fornos da Pontenova. AXM

O Concello da Pontenova lanzou un Trivial online co que quere achegar tanto a veciños como a visitantes, estatais ou procedentes do estranxeiro, a historia do municipio. Trátase, segundo expón a delegación de Turismo nun comunicado, de “dar un paso máis na aposta pola dinamización e consolidación turística” no municipio.

O xogo contará con tres fases. A primeira delas estará centrada na Historia mineira do municipio e as súas orixes, dando a coñecer o que foi o maior complexo mineiroindustrial da provincia de Lugo.

En segundo lugar, abordarase a cultura da pesca no río Eo e a vida e lecer na súa contorna; así como a súa riqueza como destino turístico, a través de actividades como a pesca de salmónidos, o cicloturismo pedaleando pola Vía Verde do Eo ou o sendeirismo percorrendo calquera das rutas.

Finalmente, a riqueza como destino medioambiental, pola riqueza do seu patrimonio natural: a biodiversidade que existe nas ribeiras do río Eo, nas Fragas das Reigadas, Teixido ou Muradal.

O PREMIO, UNHA RÉPLICA DOS FORNOS

Como premio, os ganadores de cada fase poderán facerse cunha réplica en miniatura dun dos característicos fornos da capital municipal.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here