Conta atrás para coñecer os segredos da xoia arqueolóxica de San Tirso de Portocelo

O luns iniciarase unha escavación de tres semanas no xacemento, que alberga unha igrexa construída sobre as ruínas dun mosteiro altomedieval, asentado sobre un castro

San Tirso de Portocelo. AXM

O próximo día 28 de setembro iniciaranse os traballos arqueolóxicos no xacemento de San Tirso de Portocelo, en Xove. Promovida polo propio Concello, a intervención arqueolóxica tentará comezar a desentrañar a orixe dos restos que alí se atopan: as ruínas dun mosteiro altomedieval, asentado sobre un castro da Idade do Ferro.

Coñécese a historia da súa fundación, debida a un diácono de Coímbra (Portugal) escapado de Sur, zona ocupada trala invasión islámica á península, no ano 711. Este diácono, de nome Rodrigo, refuxiouse no norte de Galicia, e deixa en testamento tres igrexas, fundadas por el, no que se crearán uns dos primeiros mosteiros dúplices (mixtos) da Mariña Lucense, sendo probablemente un deles onde se sitúan as actuais ruínas de San Tirso de Portocelo.

A antiga igrexa de San Tirso estaba asentada sobre un antigo castro costeiro da idade do Ferro, do que se conserva o seu recinto, de forma triangular, defendido por dúas impresionantes murallas e foxos defensivos, todo iso nunha fermosa paisaxe marítima conectado por varias rutas de sendeirismo de alto atractivo turístico, preto do faro de Punta Roncadoira.

A investigación arqueolóxica desenvolverase durante tres semanas, e tratará de localizar restos do primitivo asentamento e localizar vestixios da antiga ocupación da zona, intentando aportar comprender como vivían os seus antigos habitantes.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here