As xeorutas volven en Burela o vindeiro sábado e durante o mes de decembro

Nesta fin de semana realizarase o percorrido do Perdouro e os traxectos pola Marosa e o Monte Castelo poderán desfrutarse no último mes do ano

Xeoruta en Burela. AXM

As Concellerías de Turismo e de Medio Ambiente de Burela anuncian que volven as Xeorutas no último trimestre do ano. O Concello recupera deste xeito as que non puideron celebrarse durante os meses de xuño e xullo por mor da pandemia do Covid-19. A Ruta Xeolóxica do Perdouro será os días 10 de outubro e 29 de decembro; a da Marosa, os días 5 e 27 de decembro; e a do Monte Castelo, o 7 de decembro. As Xeorutas foron presentadas polos concelleiros de Turismo e de Medio Ambiente, Ramiro Fernández e Toñi Eijo, xunto ao alcalde, Alfredo Llano.

O edil de Turismo explicou que “desde a Concellería de Turismo, en colaboración coa de Medio Ambiente, imos volver poñer en marcha as rutas xeolóxicas que non puidemos facer durante o verán, nos meses de xuño e xullo, debido á pandemia. Quedáronnos pendentes unha serie de rutas que queríamos facer nesas datas que non foi posible facer, co cal iniciámolas outra vez na tempada de inverno, repartíndoas en festivos ou pontes”, indicou Fernández.

O concelleiro burelao considera que “é unha iniciativa, como dicimos sempre, que é exitosa. Animamos á xente a participar nesta primeira ruta que vai ser este sábado nunha das zonas máis privilexiadas, que é a do Perdouro, moi interesante para ver. Apostamos claramente por estas rutas xeolóxicas e desde logo é un obxectivo, da Delegación de Turismo e tamén da de Medio Ambiente, seguir impulsando o coñecemento destas áreas xeolóxicas que temos en Burela, que son unhas áreas envidiables que temos que seguir explotando e nesa labor estamos”. A inscrición é a través desta ligazón.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here