Relatores de Brasil e Arxentina participarán nas Xornadas de Arqueoloxía Marítima de Viveiro

A cuarta edición das charlas impulsadas polo Concello e a Federación Española de Actividades Subacuáticas (Fedas), do 9 ao 13 de novembro, celebrarase por videoconferencia

Presentación da cuarta edición das xornadas DE Xornadas de Arqueoloxía Marítima de Viveiro. CEDIDA

O Concello de Viveiro presentou na mañá deste martes a cuarta edición das Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima Cidade de Viveiro, que se celebrarán do 9 ao 13 de novembro -con dúas conferencias diarias (18.30 e 20.30 horas) martes, mércores e xoves e unha luns e venres (19.30 e 18.30)- e que este ano, por motivo da pandemia da Covid-19, serán totalmente online a través da plataforma dixital Zoom.

Na presentación participaron a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; Jesús Fernández Fernández, primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Mar; Antón López, delegado para a zona noroeste de España da Federación Española de Actividades Subacuáticas (Fedas), e Alejandro Prieto, Secretario da Universidad Nacional de Educación a Distancia (Uned) de Lugo.

INSCRICIÓN ABERTA

A inscrición permanecerá aberta dende mañá, mércores 14 de outubro, ata o 6 de novembro. Uns días antes do inicio das xornadas, remitirase ao correo electrónico dos participantes o enlace de Zoom para acceder ás sesións. Anotan no correo concellal.facenda@viveiro.es ou no número de teléfono 677.551.588.

As xornadas inclúen un total de oito conferencias ou charlas, dúas delas de carácter internacional a cargo de Ricardo Dos Santos Guimarães, capitán de corbeta da Armada Brasileira, que falará sobre o papel desta institución na conservación do patrimonio, e Nicolás C. Ciarlo, doutor en Arqueoloxía da Facultade de Filosofía e Letras da Universidad de Buenos Aires, que abordará un relatorio sobre os naufraxios e os estudos de laboratorio.

“Igual que en anos anteriores, as xornadas abranguen varios proxectos de ámbito nacional e incluirán ademais dúas charlas centradas en Galicia, unha sobre a explotación do mar en Galicia durante a antigüidade e outra sobre conservación en xeral”, explica Fernández.

A cidade portuaria de Berenice Troglodytica, a conservación do xacemento de Porto Cristo (Mallorca), o Portixol de Jávea ou o Proxecto Heracles na baía de Alxeciras son outros dos temas das conferencias. Podes consultar o programa completo neste pdf. carteis IV xornadas arqueoloxia

0,5 CRÉDITOS ECTS DA UNED

Dende Concello agradecen “o traballo e a colaboración” do FEDAS, a través de Antón López, “que foi e sigue sendo alma máter destas xornadas, tanto na coordinación como na organización”, co apoio do Concello de Viveiro, a través da Concellaría do Mar.
O goberno local valora tamén o apoio da Deputación de Lugo e da UNED, que participa nestas xornadas coa concesión de 0,5 créditos ECTS aos participantes.

“Trátase dunhas xornadas totalmente consolidadas no panorama español, polas que pasaron ponentes que expuxeron proxectos premiados pola Unesco e outros temas en clave local, como pode ser o afundimento do Bergantín Palomo e a Fragata Magdalena”, lembra a alcaldesa.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here