O GDR amosará cunha ruta guiada a riqueza patrimonial dos concellos mariñaos do Camiño Norte

A visita, o sábado, será circular e percorrerá Ribadeo, Barreiros, Lourenzá, Trabada e Mondoñedo

Mosteiro de San Salvador. WIKIPEDIA

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda celebrará o vindeiro sábado 17 de outubro do 2020, ás 9.30 horas, a cuarta actividade dentro do marco do proxecto “Impulso e promoción de experiencias á beira do Camiño de Santiago”, subvencionado dentro do programa O Teu Xacobeo. Este proxecto afectará directamente aos concellos polo que atravesa o Camiño do Norte: Ribadeo, Barreiros, Lourenzá, Trabada e Mondoñedo e indirectamente aos municipios restantes que compoñen o GDR.

As diferentes actividades teñen como obxectivo destacar a riqueza cultural, natural e humana vinculada co Camiño de Santiago na Mariña Lucense. “Con isto preténdese divulgar e promocionar os diferentes recursos localizados neste territorio para o desfrute e coñecemento tanto da poboación local como para os visitantes”, sinalan desde o GDR.

O casco histórico de Ribadeo, a ría de Abres, o alto da Cadeira, o mosteiro de San Salvador, a fábrica de cervexa Augasantas ou o pobo de Arante, de novo no municipio ribadense, serán as paradas.

Cartel da andaina. AXM

A cuarta actividade consistirá nunha visita guiada en autobús orientada ao coñecemento dos recursos culturais e naturais característicos do Camiño do Norte. A ruta será circular, é dicir, partirá dende Ribadeo e pasará polos concellos de Trabada, Lourenzá e Barreiros, para logo voltar de novo ao municipio ribadense.

Debido ás recentes restricións comunicadas pola Xunta de Galicia xeradas polo Covid-19 levaranse a cabo unha redución do número de prazas iniciais ofertadas. Desta forma pecharase o prazo de inscrición das actividades.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here