“Achamos en San Tirso un probable muíño circular do castro; é emotivo, pois ninguén o tocou en 2.000 anos”

A un día para que remate a escavación no xacemento histórico de Portocelo, o arqueólogo David Fernández Abella fai balance das tres semanas de investigación in situ

Escavación en San Tirso. CADO ARQUEOLOXÍA

O arqueólogo David Fernández Abella -de Cado Arqueoloxía– responde ao Xornal da Mariña nada máis rematar a xornada do xoves, coas luces finais do día. Este venres rematará a primeira escavación do xacemento de San Tirso de Portocelo, un enclave arqueolóxico que segue a dar sorpresas: a última, a aparición dun probable muíño circular ligado ao castro.

Cal foi o propósito da investigación?

Nesta primeira fase de investigación, xa que nunca antes se fixera ningunha intervención arqueolóxica no xacemento, a idea é coñecer un pouquiño máis, a través destas tres semanas, que restos hai, comprender en que épocas se habitou e como foi a súa evolución. É unha intervención feita sobre os elementos de habitación do propio castro, que está nunha parcela de propiedade municipal, adquirida polo Concello para apostar por el como un recurso patrimonial e turístico, sendo o goberno local o que financia integramente a cata.

Estamos traballando un equipo de catro arqueólogos e un topógrafo e un piloto profesional de drons, que nos axudará a documentar o estado final do xacemento e que nos axudou a contextualizalo. Tiñamos pensado realizar tres sondaxes, unha por semana; esta última semana, decidiuse, de mutuo acordo co Concello, non abrir unha terceira se non profundar na zona na que fixemos a segunda.

UN MOSTEIRO SOBRE UN CASTRO

Que interese arqueolóxico ten San Tirso de Portocelo?

Cada castro é único, pero neste caso, temos dous xacementos nun, por dicilo coloquialmente. Temos un castro romanizado, de época galaicorromana, onde vivían os habitantes de Xove hai 2.000 anos aproximadamente. Con moitas cautelas, pois precisamos seis meses para elaborar esta memoria final, parece que o castro se abandona, e centos de anos despois, chegaría este díacono, Rodrigo de Coímbra, escapado pola invasión islámica da Península. El doa esa primeira igrexa, fundada enriba dos restos do castro.

A construción dun mosteiro sobre o castro é casual? A que fin respondía?

O interesante é que o fai por algo: non sabemos se se constrúe xusto enriba do castro por cristianizalo, por escoller un sitio que a xente identificaba como importante… O caso é que fai un mosteiro que ten unha vida moi longa, ata probablemente finais da Idade Media. E despois sería a igrexa parroquial que logo, no ano 29, se trasladaría a Vilachá.

“levantar un mosteiro sobre un castro faise por algo: non sabemos se por cristianizalo, por escoller un lugar socialmente relevante…”

Dependendo da zona, atoparemos restos do mosteiro, ou dun cemiterio vinculado a ese mosteiro; temos dúas fases de ocupación diferenciadas no mesmo xacemento arqueolóxico, de San Tirso de Portocelo. Por iso é especialmente rico, porque ten dúas historias que contar, dúas etapas diferentes deste lugar.

UN CEMITERIO ALTOMEDIEVAL

Na primeira das sondaxes atoparon un cemiterio altomedieval.

Primeiro, na zona máis próxima á muralla e á igrexa, atopamos cinco enterramentos, dos cales tres saíron de forma parcial e habería que seguir escavando para sacalos completos. Sabemos que son enterramentos dunha necrópole vinculada a ese mosteiro altomedieval que funcionou polo menos desde o século VIII en San Tirso.

POSIBLES INDICIOS DE COMERCIO

Que lles chamou a atención sobre a necrópole?

Sobre a necrópole, o primeiro que chama a atención é que nos aparecera; onde fixemos a sondaxe, nunha zona interior do castro, non contabamos con que tiveramos un cemiterio. Esa zona exterior da Igrexa, pero interior do castro, onde se enterraban homes e mulleres probablemente do mosteiro dúplice, podería ter en torno a 1.000 anos aínda que tentaremos concretar a data a partir do carbono-14. Seguramente hai unha maior profusión de tumbas. O interesante é que cando enterraron, eses monxes e monxas tiveron que alterar probablemente o castro; tiveron que escavar e atopar restos. Atopamos unha conta de colar prerromana, que autores vinculan cun comercio fenicio, apareceu nun nivel arqueolóxico moi cercano ás tumbas medievais: é dicir, atopamos un elemento de fai 2.300 anos nunha zona de revolto dun cemiterio de fai 1.000 anos.

“choca que atopamos uN ELEMENTO DE de colar DUNS 2.300 ANOS na zona de revolto dun cemiterio dUNS probablemente 1.000 anos”

Atoparon restos das persoas enterradas ou dalgún tipo de axuar?

O certo é que a día de hoxe, nas cinco tumbas que investigamos non atopamos ósos nin elementos de esquelete, a terra ten un PH moi alto ao ser un sustrato granítico; nesta época tampouco deixaban un axuar, ningún rosario ou elemento para a vida do máis alá. O que si, pola tipoloxía, esperamos confirmar esa data coas analíticas.

ALOMENOS DÚAS VIVENDAS DE ÉPOCA GALAICORROMANA

Nunha segunda cata, atoparon restos de casas do castro.

Na segunda semana abrimos unha sondaxe nun punto máis baixo, máis contra o mar. Aí tentabamos atopar restos das estruturas do castro, de 2.000 anos atrás. Nunha cata de 4×4 metros apareceron restos construtivos, polo menos dúas casas de época galaicorromana. Nesta terceira semana, afondamos nesa zona arqueolóxica pola súa riqueza, porque ten un moi bo grao de conservación e niveis arqueolóxicos pechados, o que nos permite ver pezas tal e como as abandonaron, in situ. Seguiremos mañá, cando se pechará o programa deste proxecto vinculado á escavación.

ABUNDANTES RESTOS DE CERÁMICA

Por que decidiron profundar no castro?

Decidimos afondar no castro pola profusión de datos nesa zona de habitación, de vivendas. Estamos compilando unha cantidade de información moi grande sobre a modificación do espazo habitacional, sobre a última época de vivenda. Retiramos fragmentos cerámicos de moi boa calidade, ben conservadas, e unha zona de concentración delas, que sería como o lugar do lixo; cando rompían as pezas ou xa non servían levábanas a unha determinada zona. Tamén atopamos unha probable zona de moenda, un muíño circular, redondo, in situ, co que moerían o gran para conseguir fariña. Foi un momento moi emotivo porque en 2.000 anos ninguén o tocara.

Atopáronse tamén modificacións da vida desas casas, que seguramente chegaron ata hai 1.500 anos, pero probablemente estiveron en uso e modificación durante 300/500 anos. Vimos pavimentos, os niveis de uso, e a idea que temos para o último día é afondar máis nun espazo que hai entre casas, un espazo de rúa e circulación, onde hai unha cantidade de datos moi importante: aí está o depósito do lixo, temos evidencias dunha pequena fogueira, e tamén é posible que teñamos un terceiro edificio, unha terceira estrutura habitacional, que teriamos que comprobar.

Son moitos elementos que nos enriquecen o discurso histórico, o que sabemos sobre como vivían, como comerciaban entre eles, que produtos adquirían, de que maneira se organizaban e que consumían. Queda claro que moito xacemento por investigar; se atopamos dúas casas, das que non escavamos todo o perímetro, o máis seguro é que teñamos edificios en toda a planta do castro, de aproximadamente unha hectárea que ocuparía hai 2.000 anos.

MEMORIA DE ESCAVACIÓN

Mañá venres finalizará a primeira parte da investigación, in situ. Como será a parte posterior?

O luns procederase ao tapado preventivo, para protexer o xacemento e que os restos non se danen pola erosión do vento e da chuvia. A partir de aí, traballaremos durante seis meses nos restos e documentación xerados para poder escribir de maneira firme como foi a evolución histórica deses restos, completar a memoria arqueolóxica. Os materiais rescatados depositaranse no museo do Castro Viladonga. A partir de aí veremos concretamente que temos e despois se existe interese en continuar e se se pode facer. O xacemento ten moito interese, cun estado de conservación moi bo.

“O LUNS TAPAREMOS O XACEMENTO PARA CONSERVALO E EN DIANTE INVESTIGAREMOS OS RESTOS DURANTE SEIS MESES”

PERSPECTIVAS DE FUTURO

Polo de agora é falar de hipóteses, dado que non rematou a primeira investigación, pero que cre que sería interesante abordar nunha segunda?

Se se fixera unha nova investigación habería que pensar co Concello como se quere orientar un futuro proxecto. A nivel científico, o lóxico, desde o meu punto de vista, sería continuar investigando outros espazos do castro, para comprobar a ciencia certa que hai outras casas, para tamén valorar a cronoloxía. Ademais profundar nas dúas casas que temos, porque só coñecemos unha cuarta parte, aproximadamente. Sería interesante ver a forma completa, onde terían as lareiras, onde terían as portas, porque igual o grao de conservación é suficientemente bo para localizar unha porta. Persoalmente apeteceríame abrir moito máis e comprender mellor como sería ese sistema de urbanismo. Tamén, pódese seguir investigando na necrópole pero con especialistas, coa axuda de antropólogos físicos e a realización de analíticas químicas.

“para o futuro quedan preguntas interesantes: saber máis das casas, do sistema defensivo, do urbanismo do castro…”

Temos milleiros de preguntas: coñecer o sistema defensivo do castro, porque temos dous foxos defensivos monumentais e dúas murallas que se poderían escavar. Saber a súa morfoloxía, cando se usaron e se deixaron de usar, en que época se rechearon -porque serían moito máis fondos que agora-. As preguntas son infindas, porque é un xacemento moi interesante: por agora comprobamos que hai un xacemento e tentamos buscar cronoloxías para comezar a entendelo, pero unha vez abres o pastel xurden moitas máis dúbidas e cousas que queres saber. O primeiro sería pensar, co Concello, como se querería orientar unha segunda cata.

NA FIN DE SEMANA, VISITAS GUIADAS

A escavación xerou moita expectación e durante a fin de semana farán visitas guiadas.

Tivo moita aceptación social. Por parte dos veciños de Xove tivemos unha acollida moi cálida, hai xente que vén todos os días ou todas as semanas para saber de primeira man do pasado deste lugar.

“a cata tivo moita aceptación social. veciños viñan constantemente saber de primeira man sobre o pasado deste lugar”

Coa cata rematada, temos plantexado tamén facer o sábado, durante todo o día en varias quendas, unha xornada de portas abertas, de visitas guiadas, para todo aquel que se queira achegar e coñecer os restos e a historia do xacemento. Informan e anotan, porque haberá prazas limitadas pola Covid-19, na área de Turismo do Concello (o correo é:  lucia@xove.es). O domingo pola mañá haberá outra opción de visitar San Tirso, neste caso para público infantil, para explicarlles aos nenos o pasado dunha maneira didáctica.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here