A Xunta solicita ao Goberno o peche provisional das Catedrais

O Executivo galego asegura que un estudo advirte de "riscos" por desprendementos de pedras

Visitantes na praia das Catedrais (foto de arquivo). AXM

A Xunta de Galicia decidiu, tras analizar as conclusións dun estudo encargado á Fundación da Enxeñaría Civil de Galicia, solicitar ao Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente o peche cautelar das covas e corredores da praia das Catedrais.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio encargou esta investigación despois do accidente ocorrido no pasado mes de marzo, no que unha moza de Valladolid faleceu ao recibir na cabeza o impacto dunha pedra que se desprendeu. Segundo o Goberno autonómico, o estudo advirte de que existe risco de caídas e desprendementos de bloques ou coios que suporían un perigo para a seguridade das persoas, e os técnicos aconsellaron o peche.

as covas, corredores e arcos son as zonas máis perigosas

O informe preliminar estima que ao longo dunha parte da praia existe un risco, aínda non cuantificado, de caídas e desprendementos de bloques ou pedras de distintos tamaños. Este perigo de caída de material, segundo precisa a Consellería Medio Ambiente, é “maior” baixo as covas, corredores e arcos litorais, as zonas máis espectaculares do areal e que coinciden coa maior afluencia de visitantes.

Así, a consellería solicitou o peche do espazo ao Goberno central, que segundo a Lei de Costas é a administración competente no dominio público marítimo terrestre, co obxectivo de asegurar tanto o mantemento da súa integridade como o seu uso público e os seus valores paisaxísticos. A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz, informou desta medida ao alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, nunha reunión mantida hoxe en Lugo.

MEDIDA PROVISIONAL

A Xunta de Galicia sinala que as conclusións sobre o estado actual da praia son “aínda preliminares”, polo que “haberá que esperar” a que o estudo encargado polo Goberno autonómico estea máis avanzado “para poder dispór dunha caracterización xeolóxico-xeotécnica de todo o monumento natural”. Mentres, “o máis adecuado”, sinala a consellería, e solicitar o peche ao Ministerio de Medio Ambiente. A investigación, segundo a previsión da Xunta, estará listo no mes de outubro.

A INVESTIGACIÓN CONCLUIRÁ EN OUTUBRO E QUEDA SABER QUE PASARÁ EN TEMPADA ALTA

O CONCELLO LAMENTA O SEU “ESCASO PODER”

O alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, amosa a preocupación que produce “o escaso poder ou capacidade que temos dende o Concello na xestión do areal das Catedrais”.

Suárez Barcia valorou “a preocupación” mostrada polas administracións autonómica e estatal e subliñou que “aínda queda por ver como se vai actuar en tempada alta, no verán. Por suposto, estarase ao que o estudo xeolóxico-xeotécnico vaia requirindo para a xestión das Catedrais. Dende logo, o Concello de Ribadeo, como fai tódolos veráns, disporá socorristas e sanitarios neste espazo durante a tempada estival”, asegurou.

Tamén sinalou que “estamos á espera da aprobación definitiva do Plan Especial de Protección das Catedrais, o que de seguro suporá un paso de xigante na xestión do espazo adxacente de 54 hectáreas e que, sen dúbida, solucionará moitos dos actuais problemas”, concluíu.

O SEGUNDO MONUMENTO MÁIS VISITADO DE GALICIA

Trala catedral de Santiago de Compostela, o areal ribadense é o segundo lugar máis visitado de Galicia. Na Semana Santa de 2017, case 70.000 persoas decidiron achegarse ao espazo natural protexido.

1 COMMENT

  1. É rechamante que se pechen as covas polo risco de caída de pedras, xa que as furnas se forman precisamente pola caída de pedras do teito. Trátase dun proceso vivo, tanto as furnas como os cantís están suxeitos ó proceso natural de caída de rochas. Pechalas porque caen rochas é como pechar Riazor polo risco de correntes e ondas. Hainas. Caen. Sabémolo todos os que traballamosa praia durante o verán.
    A avaliación que cómpre facer non é se caen ou non, senón a da probabilidade de que caian sobre unha persoa. E para iso tems que partir dunha decisión: canto risco é asumible? Unha resposta que só podemos responder persoalmente cada un de nós. A administración pode simplemente advertirnos e axudarnos a tomar esa decisión achegándonos información, nunca prohibindo. Doutro xeito esa prohibición debera estenderse a calquera outra actividade que teña producido unha morte nos últimos 50 anos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here