InicioM.ambiente e PatrimonioO BNG reclama ao Concello "consenso" sobre a reforma da Praza da...

O BNG reclama ao Concello “consenso” sobre a reforma da Praza da Catedral, que xa ten proxecto

O grupo nacionalista reunirase con hostaleiros, comerciantes e veciñanza para examinar o documento; o goberno local dispón dun prazo de seis meses para licitar as obras

Publicada o

- Advertisement -

O BNG de Mondoñedo anunciou a través dun comunicado de prensa que iniciará unha rolda de contactos con comerciantes, asociacións e veciños da cidade antes de pronunciarse sobre o proxecto das obras de reforma da Praza da Catedral que promove o Concello, unha remodelación “dun dos lugares máis emblemáticos da cidade”, sobre a que “debe haber un gran consenso social e político”, indican os nacionalistas.

Segundo concreta a formación frontista, o Concello de Mondoñedo celebrou a semana pasada unha xunta de voceiros para tratar o tema das obras de acondicionamento da Praza da Catedral e ademais da tenente de alcaldesa, Elena Candia, e dos voceiros das tres forzas políticas representadas no Pleno, a reunión contou tamén coa participación de Gloria Trigo Mayor, arquitecta redactora do proxecto básico e de execución e acondicionamento da praza.

AMPLIARASE O CANTÓN GRANDE PARA GAÑAR ACCESIBILIDADE E TRASLADARANSE OS TAXIS

As actuacións promovidas polo goberno local inclúen a ampliación do Cantón Grande desprazando as escadas dous metros cara a Praza da Catedral e adiantar o muro norte 2,5 metros para habilitar un paseo superior; habilitaríanse dúas rampas para favorecer a accesibilidade; ao mesmo tempo tamén se contempla o traslado dos taxis a outro lugar sen definir do entorno, eliminar os colectores do lixo da praza así como cortar esta ao tráfico.

Na reunión comunicouse que xa chegara ao Concello a resolución da concesión definitiva do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana da axuda a cargo do 1,5% cultural para acometer as obras de acondicionamento, informouse das modificacións que se pretenden levar a cabo na praza e indicouse que o Concello ten agora seis meses de prazo para adxudicar as obras.

As obras teñen un orzamento total de 258.739,88 euros, dos cales 64.684,97 serán financiados polo Concello, así que segundo apunta o BNG local, “é necesario facer agora suxestións canto antes para analizar a súa viabilidade e propoñer se é o caso posibles cambios no proxecto de reforma”.

O BLOQUE LEMBRA QUE HAI “ASPECTOS POR DEFINIR”, COMO A POSIBLE PEONALIZACIÓN DALGUNHAS ZONAS

O voceiro do BNG mindoniense, Eloi Cabanas, afirma que quere escoitar o parecer da veciñanza sobre os cambios proxectados na praza antes de sacar conclusións sobre reformas propostas e ademais das actuacións previstas no proxecto de reforma. “O BNG quere estudar outros temas como a reorganización do tráfico das rúas adxacentes á praza, a posibilidade de peonalización dalgunhas zonas do casco histórico ou a ordenación dos espazos de estacionamento da cidade”, explica.

“Hai aspectos que están por definir, como de que xeito se vai reorganizar o tráfico nesa zona ou onde se van ubicar os taxis, e pensamos que é necesario coñecer a voz da veciñanza”, indica Cabanas. “Dísenos que hai marxe de manobra para facer modificacións, se fosen necesarias, e agardamos que así sexa; polo tanto queremos coñecer as distintas opinións para tamén formar unha postura clara”, afonda.

“Lamentamos que o Concello non celebrase reunións previas coa veciñanza antes de encargar a redacción do proxecto e de ter o visto bo de Patrimonio, así que antes de pronunciarnos sobre a remodelación da praza queremos contrastar opinións coa veciñanza para saber se realmente é necesario reformar este espazo ou se son necesarias e acaídas todas as actuacións alí propostas”, expón.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...