O director da prospección de Carreiro-Marzán ofrecerá o martes unha charla sobre o xacemento

O sitio arqueolóxico ubícase a carón do paseo marítimo entre as praias da Rapadoira e Llas

Vista aérea da zona do litoral de Foz onde se atopa o xacemento. MP

O vindeiro martes, 15 de decembro, ás 17.00 horas na casa da cultura de Foz, terá lugar unha charla coloquio sobre a prospección e as sondaxes arqueolóxicas valorativas realizadadas no xacemento do Carreiro, en Marzán. Así o anunciou o Concello a través dun comunicado de prensa.

Este acto, xunto coas conferencias sobre este mesmo tema que se desenvolverán no IES de Foz, teñen como obxectivo poñer en valor os resultados  das prospeccións promovidas pola Xunta de Galicia no xacemento, situado a carón do paseo marítimo entre Rapadoira e Llas. “Cun patrimonio moi rico en castros e asentamentos de época prerromana e romana, Foz conta con xacementos tan coñecidos como o Castro de Fazouro. O achado neste caso de restos de cerámica permite situar as estruturas descubertas nun contexto histórico, o que facilitará o traballo dos investigadores”, indica o goberno local.

A campaña, que durou dous meses, centrouse entre A Rapadoira e Peizás, para comprobar o estado dos terreos onde se atoparon restos e xeolocalizar as bocas e galerías mineiras. O obxectivo da segunda fase é obter unha cronoloxía dos restos neste sitio arqueolóxico, que abrangue tres penínsulas costeiras e no que existen restos murais e evidencias materiais da idade de Ferro ao período romano.

É NECESARIO RESERVAR PARA ASISTIR AO COLOQUIO

A charla será dirixida polo arqueólogo director dos traballos no xacemento de Carreiro, Roberto Bartolomé Abraira. O acto está programado polo Concello de Foz, que convida “a todo o mundo a escoitar e a descubrir outro anaco máis da nosa historia”. Por motivos de aforamento é obrigatoria a reserva de asistencia previa no número 982.140.027, Extensión 3”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here