“En Carreiro-Marzán farían falta accións de urxencia, hai partes interesantes que poden desaparecer”

O arqueólogo Roberto Bartolomé Abraira, director dos traballos realizados no xacemento costeiro de Foz, advirte do impacto da erosión do mar sobre o mesmo: "podemos perder información"

Vista aérea do xacemento. ENGOBE ARQUEOLOXÍA/XUNTA DE GALICIA

Roberto Bartolomé Abraira dirixiu a prospección realizada no xacemento de Carreiro-Marzán, próximo ao paseo marítimo que une as praias da Rapadoira e Llas, no municipio de Foz. Este martes ofrecerá unha charla (17.00 horas, casa da cultura, previa reserva chamando ao Concello) sobre os traballos realizados, que afirmaron a cronoloxía barallada para o sitio arqueolóxico, entre os séculos I e II. O arqueólogo advirte sobre o deterioro deste singular enclave por mor da erosión mariña.

DIVULGACIÓN

En que consistiron os traballos?

Fixemos unha prospección da zona litoral do Carreiro-Marzán e dúas sondaxes, en zonas que está erosionando o mar, coméndoas. Afloraban muros nos perfís, así que realizamos dúas catas. A execución dos traballos, entre prospección, escavación e documentación duraron algo máis dunha semana. Depositamos materiais o pasado venres no Museo de Viladonga e agora estamos ultimando a memoria dos traballos, e tamén a facer divulgación do que coñecemos. Haberá un coloquio na casa da cultura e tamén unha conferencia no IES de Foz, que será un pouco máis global e pedagóxica, sobre a arqueoloxía no seu conxunto, as fontes primarias, e aplicada tamén ao xacemento, non só aos de Carreiro-Marzán senón tamén aos que teñen ao pé da casa, para que aprendan a valoralos. Será aos estudantes de primeiro da ESO, que comezan este ano con Prehistoria.

CRONOLOXÍA

Que revelaron as catas?

Realizamos dúas catas, de tres por dous metros. Se Carreiro-Marzán son tres penínsulas, desde A Rapadoira ata Llas, deixamos a do centro, porque era zona de cantil moi complicado para traballar, e fixemos unha cata na da leste e outra na do oeste. Nunha saíron escaleiras, cunha estrutura, un muro circular e unha plataforma de nivelación. Na outra, feita na península máis próxima á praia de Llas, saíu tamén un muro, con pavimento, un derrube e materiais asociados. Tanto nunha como noutra sondaxe documentamos un único nivel de ocupación, de mediados do século I a inicios do II, xa en época romana, que é supostamente cando se estarían explotando estas galerías mineiras. Pola tipoloxía que teñen poderían ser desa época.

Imaxe dos traballos. ENGOBE ARQUEOLOXÍA/XUNTA

RESTOS

Que cultura material apareceu?

Tanto na sondaxe 1 como na 2 o que máis saíu foi cerámica, tamén escoura, e restos de tella de época romana. Tamén apareceu unha moeda que probablemente é do século I ou II, pero a verdade é que estaba ilexible, case non se aprecia nada. Apareceron restos de recipientes de cociña, dunha tradición galaico-rromana: fase final da Idade do Ferro e da cultura castrexa, pero xa en época romana. Salen tamén sixilata hispánica na sondaxe 1, a decoración é innegable, o que nos leva de novo á segunda metade do século I. Mañá se seguimos a escavar igual sae outra peza e cambia a cronoloxía, pero de momento é o que temos. Saíu un material moi homoxéneo, están selados os pavimentos polo derrubo dos muros… Non temos moitas dúbidas.

Anos atrás apareceu unha peza de bronce depositada en Viladonga, unha base dunha sítula, unha ola en forma de cubo romana, que ten parelelos en Lugo, Viladonga, en toda a península, e tamén da mesma cronoloxía.

SEN RESTOS DO CASTRO

Fálase de que Carreiro-Marzán albergou un castro. Atoparon algunha evidencia?

Hai datos bibliográficos e hipóteses de que Carreiro-Marzán puido ser un castro anteriormente, pero nós non atopamos nada anterior ao período que mencionaba. Si que hai cerámica de tradición galaica, pero xa de época romana. Que non atopasemos nada anterior non significa que non haxa un castro, de feito temos documentado algún foxo ou galerías, pero non puidemos documentar máis ca un nivel de ocupación, non saíron evidencias anteriores. A cronoloxía mencionada si é indiscutible.

Noutra ocasión fixemos outra prospección desde o castro de Llas a Peizás e tamén atopamos restos, pero non sabemos de que época. Son restos dun forno de redución de mineral. Pénsase que a explotación da costa en todas as épocas foi moi intensa: é unha zona moi boa, de recursos mariños, minerais, auga… O lóxico é que se utilizase en época prerromana, romana e medieval, para a caza de balea… Pero o certo é que, a día de hoxe, de Carreiro-Marzán, os datos que temos son eses.

Falábame dos muros. Sabe a que tipo de edificio pertencían esas estruturas?

Ao ser catas pequenas non temos claro se son restos de edificacións, almacéns ou construcións doutro tipo. Habería que ampliar a área escavada. Si que podemos dicir que as escaleiras teñen un certo empaque, son moi interesantes, e hai risco de que acaben desaparecendo.

EN RISCO

Cal é o estado do xacemento?

Estes traballos serviron para constatar a afección que ten o mar nos restos. Está a comer o xacemento. Hoxe mesmo había alerta laranxa, e loxicamente hai un impacto. Os técnicos da Xunta de Galicia e do Concello valorarán e verán que hai que facer, porque hai unha serie de información que se vai perder, si ou si. Un exemplo é a praia das Catedrais, onde caeu un arco días atrás; a acción humana e o mar, sobre todo, erosionan. Fixemos unha fotogrametría para ver, dentro dun ano ou dous, canto avanzou o mar. O problema xa non son os restos en si, porque hai muros que están rotos, senón a información, porque hai que saber de cando son, que función realizaban…

Que se podería facer?

É certo que hai moitas zonas mellores para escavar no propio xacemento, os perfís están rotos e abertos, e no interior os restos están mellor conservados. Pero esa parte pódela escavar cando queiras, mentres que onde nós actuamos pode ser varrido polo mar. Está a punto de desaparecer. Todo o mundo quere escavar todo e esa non é a solución, pero neste caso, accións puntuais nos sitios onde haxa máis información penso que son de urxencia, aínda que ben coordinadas polas Administracións.

A COSTA MARIÑÁ, ENCLAVE ARQUEOLÓXICO

Os traballos si confirman, dalgunha forma, a importancia da costa da Mariña, as diversas formas de ocupar esta costa e de explotala no tempo.

Desde logo. Ti pensas en Foz ou Burela e hai castros continuamente, explotacións mineiras… En Peizás hai restos, na Pampillosa, na praia de Area, coa factoría de salgadura… Na Atalaia, en San Cibrao, que é unha marabilla, con niveis de ocupación desde época castrexa ata finais do Imperio Romano, continuando con material dos séculos V e VI, na época medieval temos evidencias da caza de baleas… De forma ininterrompida. Esta zona de Carreiro-Marzán igual era máis de explotación mineira, pero na Atalaia temos probas dun porto comercial importante, con materiais como ánforas de Oriente e o Exeo, sixilata do norte de África… Era unha área con moito comercio, falando de despois do Imperio Romano, no século V ou VI.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here