Ribadeo quere restaurar con fondos europeos os hábitats de flora autóctona na contorna das Catedrais

A iniciativa pasa pola adquisición de 27 parcelas, que ocupan unha superficie de 14 hectáreas, nas parroquias da Devesa, Rinlo e Vilaframil

As Catedrais, parte da Rasa Cantábrica que abrangue boa parte da Mariña Lucense. DEPUTACIÓN DE LUGO

O goberno de Ribadeo levará este martes a pleno (20.00 horas, por vía telemática) unha proposta para solicitar o proxecto europeo Life Global, a emprender na costa das parroquias da Devesa, Rinlo e Vilaframil. Trátase da adquisición de 27 parcelas, que ocupan unha superficie de 14 hectáreas, para restaurar os hábitats costeiros de flora autóctona.

O alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, expón que o proxecto “segue a estela do proxecto Life Fluvial, que aínda está vixente e co que fomos expropiando nestes últimos tempos terreos na marxe galega da ría de Ribadeo para poñer a disposición de Conservación da Natureza para facer actuacións medioambientais. De aí que estivéramos substituíndo eucaliptos por frondosas desde As Aceas ata practicamente o inicio da traza do tren mineiro de Ribadeo a Vilaoudriz”.

Suárez Barcia explicou que “agora, nestoutro Life que queremos solicitar, trátase de pedir financiamento para adquirir unha serie de parcelas que lindan co mar nas parroquias de A Devesa (singularmente na contorna das Catedrais), Rinlo e Vilaframil. En definitiva propoñeríamos a compra de 27 parcelas, que ocupan unhas 14 hectáreas no seu conxunto, para lograr a restauración dos hábitats costeiros de flora autóctona. Este ambicioso proxecto tamén se levaría a cabo en coordinación con outras comunidades, como Asturias, Castela, Euskadi ou Navarra, a través do IBADER, que é o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da Universidade de Santiago de Compostela”, concretou.

Tamén se analizará a solicitude de axudas ao IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, para realizar melloras no alumeado público, en concreto, “accións de renovación de todas as instalacións de iluminación pública no concello”. O investimento total ascendería a dous millóns de euros e a axuda demandada será do 80%, 1,6.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here