O goberno de Mondoñedo promete á plataforma veciñal consensuar a reforma da Praza da Catedral

O colectivo 'Así non' oponse a mover o muro do norte e as escaleiras e cantón do oeste; o Concello convocará unha reunión tral o informe de Patrimonio sobre as alegacións ao proxecto

Concerto celebrado na Praza da Catedral de Mondoñedo. AXM

O Concello de Mondoñedo comprometeuse cos impulsores do manifesto ‘Así, non!’ a dialogar e consensuar acordos sobre o proxecto de reforma da Praza da Catedral da cidade. O alcalde, Manuel Otero, e a tenente de alcalde, Elena Candia, reuníronse cunha representación desta plataforma veciñal o pasado 21 de xaneiro, e adquiriron o compromiso de convocar un novo encontro unha vez Patrimonio informe das alegacións presentadas ao proxecto.

UNHAS 800 PERSOAS APOIAN A RECONSIDERACIÓN DO PLAN DAS ACTUACIÓNS

O proxecto de reforma da Praza da Catedral impulsado polo goberno mindoniense recibiu as críticas da oposición municipal e tamén as dun grupo de veciños que impulsou un manifesto contra as actuacións. No documento solicítanse do Concello aclaracións sobre a necesidade e oportunidade dunha obra que “pode alterar de maneira dificilmente reparable un ben patrimonial sensible”, e proponse “a reconsideración do proxecto desde o inicio“. Ademais, “no caso de considerarse necesaria a intervención”, esíxese que esta “se someta inescusablemente ao parecer da cidadanía” na procura de “consenso” e “coas máximas garantías democráticas”. Unhas 800 persoas apoiaron a reclamación.
A agrupación impulsora do manifesto remarca que, “non obstante, (o texto) abre a porta a resolver de maneira non lesiva para a fisionomía da Praza eivas como a accesibilidade, saneamento ou repavimentación“.
O pasado 20 de xaneiro os impulsores solicitaban unha “entrevista urxente” cos responsables do goberno municipal de Mondoñedo, “petición que foi atendida inmediatamente e que se celebrou o día 21 de xaneiro, nun ambiente en todo momento cortés e construtivo”, salienta o colectivo.

O COLECTIVO ÁBRESE A RESOLVER “DE MANEIRA NON LESIVA” OS PROBLMEAS DE ACCESIBILIDADE OU SANEAMENTO

“Pola nosa parte quedou clara a oposición da plataforma ‘Así, Non!’ a mover o muro do lado norte e as escaleiras e cantón do lado oeste da Praza pero aberta a disposición a debater alternativas para tratar de resolver problemas como accesibilidade, saneamento, repavimentación ou iluminación”, concreta a agrupación, que percibiu “receptividade” do goberno local ás propostas realizadas.
Así, o Concello comprometeuse a “dar conta dos informes que emita Patrimonio da Xunta sobre as alegacións presentadas e seguidamente a convocar unha reunión para discutir os detalles negociables do proxecto”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here