Produtores artesáns de queixo, mel ou sidra contarán a súa experiencia en ‘Alternativas do rural’

Nordés dedicará a cuarta edición das súas xornadas, o sábado por vía telemática, aos "vellos oficios para un tempo novo"

Posto de queixo Bisqato nunha feira gastronómica. BISQATO

A asociación Nordés organiza unha nova edición, a cuarta, das xornadas ‘Alternativas do Rural‘, que xirarán ao redor de “vellos oficios para un tempo novo”. O sábado 20 de febreiro, ás 18.00 horas, haberá unha mesa redonda virtual con persoas que emprenderon o camiño de facer da produción de queixo, mel ou sidra a base principal da súa economía. Son María Veiga, de Bisqato, taller lácteo artesanal; Jesús Armenteros, do Lagar de Ribela, empresa familiar de producción de sidra galega; e con Antonio Martínez, de Mel do Santar, e Manuel Rodríguez, de AGA Ortegal.
Os interesados poden participar directamente a través da plataforma de videochamada Jitsi Meet (https://meet.jit.si/nordés) ou a través da canle de Youtube “Nordes Faladora” (https://youtu.be/7OMk4_A1Jho).
Para ter máis información, poden chamar ao teléfono 653.756.454 ou contactar a través do e-mail asociacion.nordes@gmail.com.
“Coma outros concellos de Galicia, Mañón, O Vicedo e Ortigueira levan moitos anos sofrindo perda de poboación pola emigración da xuventude e un crecemento vexetativo negativo. Paralelamente, a taxa de envellecemento vai en constante crecemento, aínda que, por outra banda, a porcentaxe de homes e mulleres en idade laboral sitúase arredor do 55% nos tres concellos onde desenvolve a súa actividade Nordés, e para quenes van destinadas as xornadas organizadas baixo o título de “Alternativas do rural” dende o ano 2018: falamos de diferentes proxectos de traballo no sector primario, do potencial da xestión comunal dos montes ou das persoas que decidiron dotar de servizos ao rural”, concreta a agrupación.
Cartel da iniciativa. AXM

SACAR PROVEITO “DO QUE SE TEN MÁIS Á MAN”

“Ese traballo a diario por sacar proveito do que se tiña máis á man para a propia subsistencia foi dando pé á configuración duns oficios que agora vimos a catalogar coma tradicionais; oficios que por esa perda de biodiversidade da que antes falamos, así coma pola competencia das grandes empresas de produción e da importación de produtos industriais, están en grave perigo de desaparecer, e con iso tamén toda unha bagaxe cultural que dende Nordés reivindicamos. Por iso programamos esta actividade”, engade, na que os participantes falarán “de como superaron contratempos, trabas e dificultades no proceso para manterse no rural e facer da produción de queixo, mel ou sidra a base principal da súa economía”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here