Recollen sinaturas contra o espigón proxectado por Costas para estabilizar a praia de Altar

Os promotores da iniciativa alertan de posibles danos nunha zona de protección das aves e na dinámica das correntes, considerando o proxecto "desactualizado"

Praia de Altar, en Barreiros. AXM

Un grupo de veciños iniciou unha campaña de sinaturas en Change.org contra a adaptación do proxecto de Costas do Estado para a estabilización da praia de Altar, situada en Barreiros. O plan, sometido a exposición pública e cun custo de 3,5 millóns de euros, prevé a realización dunha dragaxe na zona interior da ría do Masma e o depósito de area no mencionado areal, pero tamén a construción dun espigón de 190 metros de lonxitude e sete de altura.

Os promotores desta campaña lembran que se trata dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) da Rede Natura 2000, e consideran que a obra “traerá consecuencias impredicibles nas zonas de alimentación e cría de especies vulnerables”. Así, critican que se pretenda construír un espigón “de formigón armado que afectará á dinámica de correntes que previsiblemente se incrementará na canle, co perigo que isto supón para a navegación de recreo“, prognosticando que “posiblemente aumente a entrada de sedimentos no interior da ría, acelerando a súa colmatación”.

Á alteración das dinámicas litorais que provocaría o espigón sumaríase, expoñen os promotores da campaña, “a desaparición da famosa ola de “A Canle”, na desembocadura da ría do Masma, catalogada como unha das de mellor calidade de Galicia e que atrae a multitude de surfistas cada ano. Do mesmo xeito, ponse en perigo a práctica doutras actividades náuticas como kitesurf, windsurf, vela e kayak“, sosteñen.

Conclúen argumentando que a praia de Altar “atópase na actualidade cunha gran cantidade de area, polo que o proxecto en si carece de sentido e está completamente desactualizado. A contorna é un paraxe natural espectacular para uso e goce de locais e visitantes os doce meses do ano”, rematan.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here