O BNG insiste no topónimo Ría de Ribadeo: “É o que empregaron galegos e asturianos sempre”

O deputado ribadense Daniel Castro presenta unha iniciativa para que a Xunta participe no proceso de alegacións contra o cambio do topónimo.

Ría de Ribadeo. AXM

O BNG da Mariña defende que a ría de Ribadeo ten que chamarse “Ría de Ribadeo” e non “Ría do Eo” como será denominada a partir de agora de xeito oficial tras as presións do Principado de Asturias.

“Este nome vai contra a oficialidade do topónimo Ría de Ribadeo que é o nome historicamente empregado por habitantes galegos, asturianos e de calquera outra latitude e de igual xeito rexistrado en todo tipo de documentos históricos”, apunta o Bloque nun comunicado.

Por iso, o deputado ribadense Daniel Castro presentou unha iniciativa para que a Xunta participe no proceso de alegacións. “Non pode quedar ausente na defensa da nosa toponimia e do nome que leva unindo a todas e todos desde hai xa séculos”, apunta.

Por iso, reclama implicación ao Goberno galego para que use a documentación pertinente e de argumentación histórica e lingüística para defender a toponimia de Ría de Ribadeo. Así, lembra que nas cartas do almirantado inglés do século XVII ou no Arquivo Xeral de Simancas do 1795 xa se utiliza este nome. “Estes últimos son só uns poucos exemplos que nos permiten ver a antigüidade do uso deste termo, mais tamén podemos acudir a razóns sociolingüísticas, debido a que o termo Ría de Ribadeo foi o único termo empregado na oralidade polos habitantes das dúas beiras da ría até que hai unhas poucas décadas se introduciu un debate imposto”, indica.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here