InicioCentralLourenzá fai piña para recuperar o mosteiro de San Salvador, o seu...

Lourenzá fai piña para recuperar o mosteiro de San Salvador, o seu referente patrimonial e social

Publicada o

- Advertisement -

O Mosteiro de San Salvador non só é unha xoia patrimonial senón tamén un dos epicentros da vida social e económica de Lourenzá. Parada da ruta xacobea do Camiño Norte a Santiago de Compostela, acolle o Museo de Arte Sacro, o Museo da Faba, a oficina de correos, a casa consistorial e dependencias civís, así como a biblioteca municipal. Pero agora é un referente vido a menos, dado o estado de deterioro que mantén inutilizado parte do inmoble. Unha situación que provocou a creación dunha mesa de traballo a nivel local para seguir a restauración e para a posta en valor deste edificio emblemático.

O monumento, que data do século X e está considerado Ben de Interese Cultural (BIC) desde 1974, é propiedade do Bispado de Mondoñedo-Ferrol e consta de dúas partes en diferente estado de conservación. A que fora casa abacial acolle hoxe o consistorio ou a biblioteca municipal, e non padece problemas graves.

Con todo, a parte conventual, anterior seminario e en desuso desde hai anos, presenta un estado deficiente. No 2012 caeu unha parte da cuberta da á norte, na zona pechada e que carecía de mantemento. Cristais, ventás e portas atópanse deterioradas. Tamén se derrubou parte da á sureste, co conseguinte corte da rúa Muíño dos Frades.

UNHA POLÉMICA INTERVENCIÓN DE “EMERXENCIA”

A mediados de decembro do pasado 2020, o Bispado iniciou unha “intervención de emerxencia” a fin de evitar derrubes, unhas obras nas cubertas “de carácter provisional“, remarcou Mondoñedo-Ferrol, que con todo desataron a polémica.

As actuacións, cun orzamento duns 126.000 euros, acometéronse nas partes máis afectadas, “os corpos norte de ambos claustros e o corpo leste do claustro do Salvador, cunha superficie aproximada de 1.450 metros cadrados”. As actuacións consistiron “no desmontado progresivo e ordenado da cuberta, conservando a estrutura de madeira existente”.

A colocación dunha chapa metálica para evitar as filtracións de auga e alixeirar o peso da cuberta provocou as críticas de asociacións e dos grupos políticos municipais. Ante o descontento da veciñanza, o Bispado reivindicou que a intención é “protexer o edificio mentres se leva a cabo a redacción do proxecto de renovación integral das súas cubertas e se procura o financiamento que permita acometer esa obra”.

CATRO ANOS CUNHA CHAPA METÁLICA

As actuacións foron criticadas pola Asociación Patrimonio Laurentino, que lamentou o “impacto visual” da colocación da chapa metálica, que choca co criterio de “mínima intervención” nos Bens de Interese Cultural (BIC).

O BNG tamén se posicionou contra os traballos realizados, reclamando cunha pregunta no Parlamento a revisión dos materiais empregados, así como o Partido Popular laurentino, que reivindicou a cesión pública do inmoble.

UNHAS OBRAS QUE “DIFICILMENTE SE PERMITIRÍAN A UN PARTICULAR”

A obra non gusta á veciñanza polo impacto de ver un tellado metálico nun edificio histórico tradicionalmente cuberto de lousa e tamén por entender que as que se están a executar son obras que un particular dificilmente podería facer co visto bo de Patrimonio, tratándose dun BIC.

No pleno do pasado 18 de marzo, tras senllas mocións de BNG e PP, as tres agrupacións con representación na corporación de Lourenzá acordaron a creación dunha mesa de traballo conxunta para a recuperación e a posta en valor do edificio. A primeira tarefa a acometer, entende o goberno socialista, é a restauración que precisa o inmoble.

O EDIFICIO, EN “ABANDONO TOTAL”, PRECISA DUNHA REHABILITACIÓN INTEGRAL

“O que nos plantexamos os tres grupos é ver as intencións que ten tanto a Igrexa como Patrimonio. Para iso solicitamos unha reunión conxunta, para a que non temos data por agora pero agardamos que sexa en breve. Pediremos a Patrimonio que acurte os prazos o máximo posible para a restauración da cuberta e despois será o momento de abordar a titularidade, se o Bispado se abre á posibilidade dunha cesión pública, porque tampouco temos moi claro cal é a idea que ten nese sentido”, indica o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Manuel Arango.

O edil precisa que a decadencia do inmoble “comezou cando se deixou de usar como seminario”, e leva anos “nun estado de abandono total; cada pouco facíase unha actuación no tellado, que por mor do deterioro era xa de distintas cores”. Ao terceiro ano do goberno socialista, iniciado en 2015, “xa non poidemos celebrar unha exposición de artesanía no claustro, porque había risco de derrube”, concreta.

O PROXECTO DE REFORMA, PENDENTE

Coa actuación actual, “o perigo de derrube desapareceu, ou iso é o que nos din os técnicos de Patrimonio, que sinalaron que nun futuro próximo poderían usarse os claustros”, manifesta o edil. “O compromiso da Igrexa é que esta actuación de emerxencia durase como máximo catro anos. Nós agardamos que non se tarde tanto”, afirma. A proposta parlamentaria do Bloque apelaba a un tope de dous exercicios para executar estes traballos.

O eixo central no proceso recuperación do inmoble é un proxecto de rehabilitación integral, posto que polo momento non hai ningún sobre a mesa nin tampouco unha estimación dos gastos. “Houbo un compromiso por parte da Xunta de redactar o documento para a reforma da cuberta no prazo dun ano, pero por agora non temos nada. Si se nos dixo de xeito informal, por parte de técnicos de Patrimonio, que o arranxo da cuberta podería requerir de máis dun millón de euros“, apunta Arango. Dez veces máis do investido na actuación de urxencia acometida.

AS FORZAS POLÍTICAS QUEREN A CESIÓN DO INMOBLE

Os grupos políticos de Lourenzá están de acordo en que o máis desexable é a cesión do inmoble, á espera dunha resposta do Bispado. O Xornal da Mariña tentou consultar este punto e tamén a actual actuación con fontes da Diócese Mondoñedo-Ferrol, sen conseguilo.

Desde o PSdeG cren, con todo, que “sen un proxecto de futuro e un compromiso de financiamento por parte das Administracións públicas unha cesión non será viable”, indica Arango, que engade que “hai que saber que pasará coa titularidade; se segue a ser da Igrexa tampouco ten moito sentido o investimento de grandes cantidades de diñeiro público aí”, salienta.

Javier Barrera, voceiro do PP local, expón que a situación do mosteiro “dista moito de ser a ideal”, polo que “é o momento de actuar agora, é a hora da verdade. Entendemos que para a Igrexa ter así este monumento tampouco é bo“, argumenta, polo que se amosa partidario da cesión. Resalta que é unha cuestión central para o municipio, “que todos os grupos levabamos no noso programa electoral. Non hai moitos pobos que teñan un mosteiro coma o noso, polo que non pode estar así”, salienta.

O BISPADO, PROPIETARIO, NON SE PRONUNCIOU AO RESPECTO

De de cara á súa conservación e posta en valor, o concelleiro conservador apela á “participación do Bispado como propietario; pero tamén o pobo de Lourenzá representado polos distintos grupos políticos da corporación e as distintas asociacións do municipio; así coma empresas privadas e fundacións”.

Mani Vázquez Abal, do BNG laurentino, incide tamén na urxencia do arranxo. “Ten que ser canto antes. Este diñeiro que se investiu agora, nesta actuación de emerxencia para evitar que caera o mosteiro, podería utilizarse perfectamente para facer unha rehabilitación integral”, lamenta, facendo fincapé en que a obra é cando menos tan prioritaria como outras que si foron executadas en templos doutros municipios cercanos, como a restauración das pinturas da catedral mindoniense.

O EMPREGO, CLAVE Á HORA DE PENSAR NOS USOS FUTUROS

Acerca dos usos posibles do inmoble, unha vez sexa restaurado, “ten milleiros, baralláronse moitos”, subliña Arango. Un deles é o dun albergue de peregrinos, tendo en conta que Lourenzá é final de etapa do Camiño Norte. Tamén se abordou a posibilidade de trasladar o centro de día, de acoller unha residencia de maiores, ou mesmo dun auditorio, dado que Lourenzá non ten ningún recinto axeitado nin coa accesibilidade precisa. Barrera apunta outras opcións, como crear un centro de drogodependencia ou habilitar locais para asociacións.

“Nós tamén estamos abertos, dentro das posibilidades, a que se poida asentar a maiores algún proxecto privado, quizais de hostalería ou restauración, que dea postos de traballo ao municipio”, expón Arango.

Lourenzá, sinala Barrera, vén de padecer un golpe importante coa liquidación da moblería Muebles Hermida, que daba emprego a uns 90 traballadores. “Foi un golpe tremendo e neste momento non temos ningunha empresa que a poida suplir”, remarca. Nese sentido, defende tamén que a parte inutilizada do mosteiro “ten que servir para xerar emprego relacionado cos seus distintos usos -tanto sociais coma turísticos– e, ao mesmo tempo, consolidarse como un referente cultural”.

Vázquez Abal resalta o carácter estratéxico do inmoble polo seu tamaño, capaz de acoller varios proxectos distintos, e situado ademais no centro da vila. “O mosteiro é tan grande que pode ter distintos usos, pode acoller algún tipo de centro residencial e unha zona de exposicións“, apunta. Por isto propón conxugar unha iniciativa que cubra un baleiro nos servizos sociais e que dea emprego.

“Con algún colexio para nenos con algún tipo de dificultade, cubriríase algo que non temos e tamén iso implicaría atraer xente ao pobo; cunha residencia, o mesmo, porque ademais dos maiores, hai moitas mulleres que están indo a traballar neste sector a outros lugares”, explica.

A UNIDADE, CLAVE PARA UNHA SOLUCIÓN

O que si teñen todos os grupos claro é que dificilmente se conseguirá o obxectivo sen dinamismo e unidade. “Todo o que saia desta mesa deben ser propostas conxuntas, debemos ir collidos da man”, argumenta Arango, “porque isto vai para longo e non importa quen estea no goberno local no momento, falamos dunha cuestión de interese para todos”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...