Milladoiros na praia, unha moda nada amigable co hábitat mariño

Os pequenos cúmulos de pedras que os turistas levantan nas praias prexudican seriamente o hábitat dos areais. Retirar as pedras do lugar onde están ocasionará serios prexuízos á fauna e tamén a lugares arqueolóxicos.

Turistas facendo pequenos milladoiros en zonas prohibidas da praia das Catedrais /@tocamates Tuiter

“Isto é produto da estupidez humana, do sen sentido” así describe Manuel Miranda, de Mariña Patrimonio, os cúmulos de pedras que levantan algúns turistas nas praias por toda a costa. No caso da Mariña, resalta o caso da Paria das Catedrais, espazo declarado Monumento Natural. Isto non bota para atrás a moitos bañistas para “crear” estas “construcións”. “Nun programa de TV que se gravaba nas Catedrais vimos uns mozos facendo un deses milladoiros e cando lles preguntamos por que o facían responderon: é un monumento á natureza” di Miranda.

MOTIVACIÓNS ESTÉTICAS?

Preguntados sobre cales poden ser as motivacións detrás dos milladoiros nas praias, as persoas consultadas coinciden na falta de argumentos reais. “Son modas que tentan imitar tradicións inexistentes, nin é unha tradición relixiosa ou pagá, só buscan enredar” di Fernando Suárez, que remata coa idea de “querer dicir: eu estiven aí”. Coincide con el Manuel Miranda, “é simplemente chamar a atención, facer un selfie e subilo”.

“Son modas baseadas en lendas urbanas, tamén hai quen o presenta con motivacións estéticas ou místicas, realmente non o sabemos” di Belén Rodríguez de ADEGA. “Non coñecemos as verdadeiras motivacións, mais desde logo non responde a nada que teña xustificación cultural” e aínda menos contribúe a mellorar a paisaxe.

“Tamén a xente se dedica a escribir o seu nome nas paredes dos cantís con data e todo” apunta Miranda. O alcalde de Ribadeo lembra este fenómeno cando xa As Catedrais eran moi coñecidas. “Hai como catro anos tivemos ese problema, a xente riscaba nos cantís datas e nomes, ao final con advertencias serias e rigorosas puidemos atallar este problema”.

A moda de riscar as paredes parou, mais logo chegou a de amorear pedras. “O turismo masificado é moi difícil de controlar e as medidas que quedan son ou concienciar ou sancionar” di Miranda. “A gravidade é que isto se volva viral, por iso avisamos aos nosos socorristas que, sen deixar de lado as súas funcións avisar que non se faga” di Suárez quen lembra que, como monumento natural, as competencias están na Xunta.

PREXUÍZO

O fenómeno dos milladoiros xa foi sinalado como un risco cando os turistas comezaron a encher a praia do Castro de Baroña con estes grupos pétreos. “Ás veces vese que os fixeron mesmo con pedras dun espazo arqueolóxico protexido” avisa Miranda e a reacción foi “tiralos para que non haxa imitacións e isto non siga para adiante”, porque as consecuencias son moitas. E unha das primeiras afectadas é “a fauna intermareal” como di Miranda.

No caso das Catedrais, Fernando Suárez conclúe que “se as competencias son da Xunta é esa autoridade quen debe sinalar “ver e non tocar””. Suárez ve factible a sanción no caso de reiteración logo da advertencia. “O impacto vai desde que se altera as formas e colocación do legado xeolóxico da cosa, e despois tamén hai unha afectación biolóxica” destaca Belén Rodríguez. “Esas pedras, por pequenas que sexan, o feito de movelas altera os ciclos naturais e a vida da fauna e microfauna que poda haber nese entorno”.

O apuntado por Rodríguez serve para lembrar que os pedregais son refuxio e contornas naturais únicas que, como todas as contornas naturais, sofren seriamente con calquera cambio ou acción que as poda alterar. “Se estas accións se realizan por parte de centos ou miles de persoas cada ano, estase exercendo un impacto moi importante”. É por este motivo que Manuel Miranda insiste na “protección destes lugares, mesmo chegando á sanción se fose necesario”.

O impacto non é despreciable porque “a longo prazo pode ter efectos tanto na paisaxe como nas condicións de vida de animais que dependen dos pedregais” sinala Rodríguez. Preguntada se a sanción é a mellor vía para evitar e frear este fenómeno responde que “creo que detrás hai un descoñecemento da pegada que deixa no medio, por tanto creo que é mellor comezar por sensibilizar”.

“Os técnicos non deixan de dicir que existe unha microfauna debaixo desa pedra, por iso nos preocupa a repetición deste fenómeno”, sinala Suárez. “Nun monumento natural como o que temos en Ribadeo, non se debe tocar ou mover ou modificar, si sacar as fotos que se queira para quedar co recordo, mais non modificar a contorna”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here