Territorio Vivo: aprendendo a interpretar a historia e a coñecer a paisaxe de Barreiros e Ribadeo

Un total de 16 mozas e mozos dos dous concellos participarán neste obradoiro dun ano de duración.

Barreiros. AXM

O salón de plenos do Concello de Ribadeo acolleu a presentación do obradoiro de emprego Territorio Vivo no que participarán 16 mozas e mozos menores de 30 anos de Barreiros e de Ribadeo durante un ano. No mesmo vanse impartir dúas especialidades: Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos e Interpretación e educación ambiental. No acto deste venres participaron os alcaldes de Barreiros e de Ribadeo, Ana Ermida e Fernando Suárez, e o concelleiro de Desenvolvemento Local ribadense, Pablo Vizoso, así como a coordinadora do obradoiro, Ana Vázquez.

Este obradoiro iniciará a súa actividade con mozas e mozos que se atopaban desempregados e dous monitores, que estarán contratados durante un ano. Está cofinanciado no 91% polo Fondo Social Europeo e pola iniciativa de emprego xuvenil e na porcentaxe restante pola Consellería de Emprego e Industria.

Impartiranse dúas especialidades: Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos e Interpretación e educación ambiental. Trátase dunha programación formativa integrada dirixida a obtención dun certificado de profesionalidade. “Isto permitirá que o rematar a súa participación no obradoiro, os participantes estean en condicións de incorporarse ao mercado laboral”, apunto Pablo Vizoso.

DISTINTOS PROXECTOS

O obxectivo principal que se quere conseguir é artellar un proxecto de xestión integral do patrimonio documental e natural que ámbolos dous concellos posúen, levando a cabo varias actuacións. Así, o alumnado/traballador da especialidade de gravación de datos seguirá coa organización, clasificación e descrición da documentación dos arquivos municipais, elaborarán un tesauro da serie documental Libros de actas e asociado a este e crearán unha ferramenta de busca avanzada mediante descritores que permitirá realizar buscas por palabras clave dende a páxina web do arquivo. Tamén realizarán actividades de difusión do patrimonio documental: exposicións, visitas guiadas, etc, coa finalidade de concienciar á cidadanía e á sociedade en xeral sobre a importancia e o servizo que prestan os citados arquivos.

Pola súa banda, o alumando/traballador da especialidade de Interpretación e educación ambiental realizará visitas guiadas interpretadas a espazos naturais cun valor xeolóxico e medioambiental excepcional sitos en ámbolos dous concellos, encargaranse da programación e execución de talleres de educación ambiental para fomentar o uso racional dos recursos e o desenvolvemento sostible e implementarán estratexias innovadoras co uso das TICs coa creación dun centro de interpretación virtual do patrimonio natural.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, destacou que isto é unha mostra de que “traballando conxuntamente da man e con lealdade e cooperación institucional pode reverter en beneficio dos territorios e das persoas que os ocupan”. No mesmo sentido, o rexedor de Ribadeo, Fernando Suárez, pediulles compromiso e lealdade e destacou que o que fagan estes mozos “vailles valer dunha maneira absolutamente positiva para outras moitas accións da vosa vida longa que tedes por diante”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here