InicioM.ambiente e PatrimonioEncontro en Sargadelos sobre as estruturas circulares encontradas na Mariña

Encontro en Sargadelos sobre as estruturas circulares encontradas na Mariña

Aínda que resulta prematuro aventurar a función que cumprían estes recintos circulares, os restos atopados semellan claros indicios dunha posible función funeraria, unida á de espazo ritual e de celebración.

Publicada o

- Advertisement -

O Museo Histórico da Casa da Administración de Sargadelos, foi o lugar onde a asociación Mariña Patrimonio retomou a súa actividade divulgativa este pasado sábado 30 de outubro. Cun encontro presencial impartiuse unha conferencia sobre os espazos círculares aparecidos en Galicia nos últimos anos. Un tipo de xacemento que se corresponde aproximadamente coa Idade do Bronce.

A conferencia contou coa presenza da arqueóloga, investigadora e profesora de arqueoloxía da USC, Pilar Prieto, e co arqueólogo e investigador Luis Cordeiro Maañón. Ambos conferenciantes están realizando un traballo de recompilación con toda a información obtida das máis de 40 estruturas circulares descubertas ata o momento en Galicia.

Os conferenciantes achegaron datos sobre a morfoloxía, dimensións, ubicación e vinculacións espaciais cos distintos elementos do territorio con estes círculos. Así mesmo, fixeron referencia aos patróns que se observan no seu conxunto e ás coincidencias e diferenzas con xacementos similares das Illas Británicas. A Mariña de Lugo é unha das zonas onde se teñen identificado un maior número deste tipo de xacementos, que constitúen o descubrimento máis novidoso no ámbito da arqueoloxía galega.

Aínda que resulta prematuro aventurar a función que cumprían estes recintos circulares, os restos atopados semellan claros indicios dunha posible función funeraria, unida á de espazo ritual e de celebración. A súa similitude cos espazos círculares británicos, ata agora coñecidos como “henge” (denominación que está sendo cuestionada actualmente polos investigadores británicos), deixa aberta aínda a identificación ou denominación dos mesmos. O que resulta relevante é a densidade destes xacementos no territorio galego, que iguala ou mesmo sobrepasa ao das Illas Británicas.

A conferencia contou cun importante número de asistentes, arredor de 50 persoas, o que dá testemuño do grande interese que están a espertar estes enigmáticos xacementos, aínda pouco estudados e sobre o que predominan as incógnitas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...