Manuel Vicente, Camiño do Mar: “Encontras sentenzas dos Países Baixos cando se impoñía a pena de facer o Camiño”

Manuel Vicente foi un dos promotores das primeiras investigacións sobre o Camiño do Mar, un traballo altruísta que se materializou no recoñecemento desta ruta por parte do Parlamento de Galicia. Vicente sinala a inxente información sobre este camiño e o traballo do investigador Fernández Pacios que levou a poder demostrar de maneira documental que si existira unha ruta pola costa das provincias de Mondoñedo e Betanzos, hoxe Lugo e A Coruña.


-Como comezou a investigación arredor do Camiño do Mar como ruta xacobea?

A título persoal en 1999 tiven acta de concelleiro en Cervo, nun momento en que se se estaban levando adiante as fases de segregación dos concellos de Burela e Cervo. Daquela había que deseñar un novo escudo para Cervo. Aí entramos en contacto con xente da heráldica e as recomendacións destas persoas é que o deseño dun concello debe estar moi ligado á historia do concello. Comezamos a investigar as posibilidades para o novo emblema. Durante as investigacións chegamos ao Hospital de Peregrinos de San Andrés de San Cibrao. Entón son dos que menciona ter en conta esa atención de Cervo á peregrinación en épocas anteriores. Desde ese momento espertou o meu interese por investigar o Camiño en toda a Mariña. Entre 2000-2001 José Ramón Fernández Pacios saca un libro sobre as peregrinación que transcorrían pola comarca, de aí tirei máis datos e continúo as investigacións até chegar ao 2007. Nese ano creamos a Asociación de Turismo Rural da Mariña Lucense. Un dos obxectivos propostos foi a defensa do camiño pola Mariña por ser un patrimonio importante. Comezamos a traballar nese sentido e logo de xestións e pasado o tempo, en 2010 puidemos introducir este debate no Parlamento galego. Aprobouse co apoio das forzas que daquela compoñían a Cámara galega que O Camiño do Mar se estude e oficialice como outra ruta xacobea. A partir de aí continuamos contactos para cumprir cos compromisos das administracións e en 2014 dinnos que é mellor constituír unha asociación co único obxectivo da defensa do Camiño do Mar, recoñecido por Cultura e Patrimonio. E así seguimos, porque cada vez aparece máis información sobre a peregrinación por esta comarca.

-Hai particularidades que poidan diferenciar este camiño doutras rutas xacobeas?

Unha moi obvia e con todo o respecto ás demais rutas xacobeas é a beleza paisaxística deste percorrido. O motivo é que non deixa de ir por todos os concellos de costa que compoñen a costa norte das provincias de Coruña e Lugo, ou as antigas de Betanzos e Mondoñedo. Á parte está a unión de tres tempos importantes na historia da peregrinaxe como son a basílica de San Martiño de Mondoñedo, San Andrés de Teixido e a Catedral de Santiago.

cada vez aparece máis información sobre a peregrinación por esta comarca

-Desde cando existen rexistros para dar apoio á existencia deste camiño?

Para demostrar a existencia dunha vía xacobea tes que presentar tres puntos. Unha, que foi un percorrido durante un tempo acoutado na Historia, nós traballamos entre o século XV até o XVIII. Demostramos o percorrido desde Ribadeo a Neda e a sorte de que as edificacións que foron hospitais de peregrinos e que neles se conservan os libros de rexistros e contas, dan mostra da presenza do apoio ao peregrino. Os hospitais que chegaron aos nosos días son os de San Andrés en San Cibrao, a capela de Santa Ana en Celeiro, Santa María do Campo en Viveiro, o hospital de San Salvador e o hospital que houbo en San Martiño de Mondoñedo. Outro factor era demostrar a presenza continua de peregrinación. Así puidemos encontrar actas de defunción de peregrinos enterrados neses hospitais durante ese período de tres séculos, grazas ao traballo de Fernández Pacios algo máis de 200 peregrinos soterrados nesta ruta. O que pedimos é, despois de facer nós un traballo altruista, que a administración faga un traballo regrado e con persoal profesional para seguir con estes traballos e de seguro aparecerá máis documentación sobre o Camiño do Mar.

puidemos encontrar actas de defunción de peregrinos enterrados neses hospitais durante ese período de tres séculos

-A que fontes recorrestes para recoller toda a información necesaria?

A todos os arquivos históricos da zona. Arquivos da catedral de Mondoñedo, en San Salvador de Lourenzá e os arquivos diocesanos de Mondoñedo-Ferrol. Hai documentos do século XII, tamén pode haber algo sobre os séculos IX ou X. Aínda que se debera facer unha investigación profesionalizada. Só podemos falar da dedicación altruista que fixo e fixemos algunhas persoas. Non obstante, o ideal sería un equipo de investigación profesional dedicado exclusivamente a isto para sacar adiante máis información, incluídos os portulanos. Encontras sentenzas dos Países Baixos cando se impoñía a pena de facer o Camiño. Toda esa documentación relativa aos portulanos non se conserva aquí, a documentación dos portos de Ortigueira, de Viveiro ou Ribadeo está toda no sur de España.

puidemos encontrar actas de defunción de peregrinos enterrados neses hospitais durante ese período de tres séculos

-Cal foi o motivo dese desprazamento de documentación?

Non se sabe. Parte da documentación portuaria quedou en Coruña ou Ferrol e por outra parte, ao mellor pola importancia de Cádiz dentro da administración naval, moita da documentación está nesa cidade. Tamén hai documentación desta zona está na Chancelería de Valladolid. Así pois, existe un impedimento que é desprazarse até eses lugares para poder consultar esa documentación.

-Finalmente que argumentos convenceron ás administracións para aceptaren a existencia do Camiño do Mar como ruta de peregrinación?

Relamente os tres factores mencionados anteriormente. O enterro de peregrinos era unha das bases principais que demostraba o tránsito por este Camiño. Daquela viaxábase en grupos cunha media de dez persoas por medo aos bandoleiros. Así pois, o número de falecidos multiplicado por ese corrector de dez, dá uns datos aproximados de número de persoas.

-A partir de agora contades con que se fagan máis traballos para reforzar as teses que mencionas?

Creo que si, pois ver a documentación obriga tirar dela. Así se puido avalar o debate que introduciu a Consellería de Cultura en 2010. Agora en 2021 volveuse debater a idoneidade do Camiño do Mar como ruta xacobea por unanimidade. Tamén a Igrexa cando se pronuncia é coñecedora da presenza da peregrinación por todos os estudos que tamén realizaron. Isto permitiu selar a Compostela no seu paso polo Camiño do Mar. Agora esperamos o recoñecemento por parte da Administración deste camiño. Así poderiamos optar a financiamento para os concellos e conservar a ruta ademais de outorgarlle unha sinalidade e creación de albergues.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here