InicioM.ambiente e PatrimonioA minaría na Mariña, un pasado industrial que vai reaparecendo

A minaría na Mariña, un pasado industrial que vai reaparecendo

A extracción de minerais na comarca vén de antigo. Algúns dos recentes achados arqueolóxicos demostran o interese que espertou a actividade mineira antigamente. Foi coa creación dos fornos de Sargadelos cando a fundición industrial comezou a ter peso de seu no territorio. Logo, no século XIX novas explotacións abriron as entranas da Mariña para a extracción de mineral que co tempo foi esmorecendo até o abandono da actividade.

Publicada o

- Advertisement -

A finais do século XVIII constrúese en Sargadelos o que denominan primeiro alto forno para fundir mineral de ferro. Segundo os historiadores, este foi o primeiro forno deste tipo baixo propiedade privada, até daquela a maioría estaban destinados á fabricación de armamento para o exército. A extracción do metal facíase en Viveiro e Ribadeo e de alí era transportado até a parroquia cervense.

Sargadelos parou a súa actividade no século XIX, mais na dúas últimas décadas dese mesmo século a actividade mineira retomouse en Viveiro, concretamente a mina da Silvarosa. Aínda que a titularidade nun principio estivo en mans de Ricardo de Llano Oleaga, ao final dous alemáns, Otto Kreizner e Joseph Massenez, compraron os dereitos para a extracción de ferro. Creouse a The Vivero Iron Ore Co. Ltd., e a exportación por barco comezaría en 1899.

Os labores de minaría primeiro foron a ceo aberto aínda que unha década despois a extracción realizaríase mediante galerías soterradas. O mineral era cargado na Ínsua, na ría de Viveiro, mediante un sistema teleférico, tamén construído por unha empresa alemana, que vertía o mineral dentro das adegas dos barcos.

A Primeira Guerra Mundial paraliza a actividade até 1919 cando o empresario vasco, Horacio Echevarrieta, merca a mina que estará activa até a proclamación da Segunda República. Despois da Guerra Civil española e da Segunda Guerra Mundial, o goberno franquista faise coa propiedade e desde 1951 até 1966 volve a actividade. Finalmente, Silvarosa foi pechada debido á baixa calidade do mineral extraído.

FERRO DE FÓSFORO

O fósforo que ía pegado ao mineral de ferro restáballe valor a este último até que se descubriu un sistema, a calcinación ou defósforo, para separar os dous elementos. Isto foi decisivo para que tamén a finais do século XIX, aparecese o núcleo mineiro de Volaoudriz, na Pontenova. A día de hoxe os seus fornos conservados son un dos atractivos deste concello á beira do Eo. Hai pouco descubriuse outro forno na mina do Boulloso do cal, segundo o alcalde da Pontenova, non se tiña coñecemento debido ao estado de abandono en que estaba.

As explotacións da Pontenova mobilizaron para a súa época unha importante cantidade de recursos. En primeiro lugar estaban os altos fornos que daquela eran tecnoloxicamente dos máis modernos. O transporte de mineral extraído en zonas elevadas, facíase mediante vagonetas que subían e baixaban grazas a un sistema de cabos e, por outra parte, montárase unha central eléctrica para a alimentación do espazo industrial.

Outro trazo distintivo desta área foi a construción dunha liña ferroviaria que unía Vilaoudriz co porto de Ribadeo, o máis próximo para cargar e exportar mineral. As obras comezaron en 1902 e para materializalas houbo que abrir máis dunha ducia de túneles nas montañas. A isto engadiuse a necesidade de levantar pontes metálicas para salvar desniveis que non se poderían superar doutra maneira. A estas pontes sumáronlle dúas de cimentación. Finalmente, houbo que completar toda a obra cun peirao metálico que permitise o cargamento dos buques.

Este tren de vía estreita percorría entre 34 e 35 quilómetros desde o lugar de extracción ao peirao. A actividade de transporte comezou en 1903 para permitir a exportación cara países como Gran Bretaña, Bélxica ou Francia, as potencias industriais naquel momento, potencias que logo se verían involucradas na Primeira Guerra Mundial.

O conflito bélico global interrompeu a carrexa de materiais vía marítima ou converteuna nunha actividade de moito risco. Isto traduciuse nunha falta de ingresos para as empresas que explotaban os xacementos ferrosos da Pontenova e outras minas da provincia de Lugo. A falta de ingresos traduciuse no peche da actividade.

Houbo intentos de revitalizar a minaría na área, mais a aparición de novos xacementos máis doados de explotar noutros países e con maior abundancia de mineral, así como a reciclaxe de material bélico para fundición, frearon as intencións de devolverlle a vitalidade perdida a Vilaoudriz. Tampouco o remate da Guerra Civil española e da Segunda Guerra Mundial foron abondo para retomar os traballos mineiros na zona.

Un dato curioso son os nomes detrás de moitas destas iniciativas. Apelidos alemáns, vascos, algún británico ou francés, son os que figuran como propietarios ou primeiros explotadores da minería na Mariña. Certo é que algunhas pasaron finalmente a mans do Estado, mais o empresariado autóctono non aparece como un dos principais impulsores da minaría de ferro na comarca.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...