Edmundo Maseda, alcalde do Valadouro: “Algún tipo de motor económico temos que ter se non queremos baleirar o concello”

Edmundo Maseda é alcalde do Valadouro, o concello que se vería máis afectado pola central hidroeléctrica do Xistral. Fala da necesidade de que a veciñanza valore os puntos a favor e os puntos en contra para ofreceren a súa opinión e valoración. Maseda entende a necesidade de achegar fontes de enerxía perto de Alcoa e unha delas pode ser a central hidroeléctrica. Ve unha oportunidade de futuro ante a ameaza de baleiro poboacional no seu concello.

Edmundo Maseda, alcalde do Valadouro. AXM

-O Concello do Valadouro ten presentado alegacións ao proxecto de central hidroeléctrica no Xistral?

Nese tema debemos facer unha puntualización que xa lles expliquei aos veciños. As alegacións que presentamos parten das análises dos técnicos municipais. A documentación enviada ao MITECO estaba baseada no informe do arquitecto municipal. Este técnico indica ante uns planos presentados cunhas determinadas escalas é moi difícil sobrepoñelos aos planos urbanísticos do concello. Por tanto, un plano 1:25.000 representa 1 centímetro que equivale a 250 metros reais. Por iso pedimos os planos do proxecto a escala sobrepostos para sabermos onde estarían as ubicacións exactas. Isto porque perto dunha das balsas hai un núcleo rural que podería quedar afectado, ademais, tamén necesitamos coñecer como afecta ás parcelas en relación co catastro e termos unha lista cos nomes das persoas afectadas. A idea do Concello é contratar unha empresa de enxeñería especializada neste tipo de proxectos para identificar as persoas afectadas e informalas sobre como lles afecta estas balsas de auga. Por outra parte, debo insistir, agora mesmo non estamos en período de alegacións. As alegacións preséntanse cando o proxecto estea aprobado. Teñamos en conta ademáis que este proxecto nace desde unha posición de vontade da empresa, non hai unha presión detrás. Houbo moito rebumbio arredor desta proposta, porque o labor do MITECO é preguntar aos concellos distintos aspectos para poderen emitir un informe de impacto ambiental.

-Con todo, como alcalde e como veciño, ve factible a construción destas balsas no termo municipal do Valadouro?

A cuestión a debater son as ubicacións. Non vale calquera sitio porque necesita unha diferenza de alturas, pois é un salto hidráulico e por útimo ter en conta o menor número de afectacións cara os e as veciñas. Neste tipo de obras debes ter en conta sempre que vai haber persoas afectadas, por iso debemos saber cal é a contía e como podemos compensar aos e ás veciñas afectadas. Depois, cando xa se teña a lista de afectados, saber en que están de acordo e en que non. Pode haber veciños protestanto e non son afectados e ao mellor outros están moito máis afectados e están de acordo coa central hidroeléctrica. Por tanto, é importante ter moi en conta eses dous puntos e a súa incidencia. Logo está a tipoloxía da industria, neste caso é unha industria limpa non contaminante. As cuestións técnicas son todas mellorables en todos os proxectos como este, pois agora mesmo está dando os primeiros pasos e hai puntos que se poden cambiar. Nese sentido, sabemos da falta de informes sectoriais doutros organismos, sempre e cando lles siga interesando aos promotores. Agora con este tema de Ucraína, o tema enerxético deu volta, vémoslle as orellas ao lobo e este tipo de produción enerxética non nos fai depender tanto do gas e do petróleo. Hoxe por hoxe hai técnicos e tecnoloxía moi mellorada para que unha obra coma esta teña o menor tipo de impacto paisaxístico, ambiental e para a vida da veciñanza.

A idea do Concello é contratar unha empresa de enxeñería especializada neste tipo de proxectos para identificar as persoas afectadas e informalas sobre como lles afecta estas balsas de auga

-Proyectos del Malache explicou que significa “hidroeléctrica reversible”?

En primeiro lugar, non hai ningunha central deste tipo funcionando en España neste momento. Sobre o termo “reversible” significa que usan a mesma auga unha e outra vez. Énchense as balsas e durante setenta e cinco anos faise unha reposición da auga cunhas mínimas perdas por evaporación. Mais no noso caso, por cousa do clima, a evaporación é mínima. A maioría das que están funcionando, e en Valencia temos a máis grande de Europa deste tipo de centrais, parten dunha presa. O problema das presas é que cando baixa a cantidade de auga durante o verán, non poden traballar continuamente porque gasta auga que se perde polo río. Este tipo de centrais reversibles creáronse maioritarimente por haber xa unha balsa existente e despois construir outra superior aproveitando o embalse xa construido. Ante a necesidade deste tipo de centrais e a agresividade da construción dunha presa, porque vas cortar un río ademais de anegar unha área extensa. Buscar unha diferenza de altura entre dúas balsas e aproveitar a forza da caída é menos agresivo para os ríos. Creo que a illa de Hierro aliméntase coa enerxía dun parque eólico e unha estación como a proxectada. Ademais, a UE apunta á necesidade de aproveitar as enerxías limpas para non depender dos ciclos combinados con gas.

-O grao de afectación sobre a produción gandeira e agraria desta central pode ser elevado?

Non, porque a extensión das balsas non implica unha situación como esa. No caso da gandería, falamos de gandería de carne e nestes momentos falamos dunha vaca por hectárea. Se unha destas balsas ocupan setenta hectáreas, falamos de setentas vacas. Por outra parte, boa parte das terras de cultivo están plantadas con eucalipto. Agora mesmo estamos vendo co tema de Ucraína que fai falta cereal e carne, e ao mellor haberá que reverter situación para volver a transformar en terra de cultivo. Para un concello de 110 Km cadrados, setenta hectáreas non é un problema. O tema é a localización. Cos deseños que teñen agora, as balsas poden ter o seu atractivo. Non obstante, as empresas deben porse en contacto cos veciños para explicar ben o proxecto. Tamén están os estudos xeolóxicos, da profundidade que acaden as construcións, máis fondo menos muro e redúcese o impacto visual negativo.

-Veríase afectado o patrimonio artístico e histórico do Valadouro?

A localización e cos planos superpostos sobre os mapas do Concello, permite dicir que o patrimonio libra de verse afectado. Iso non quere dicir que cando se excabe apareza algo, O Valadouro é un xacemento arqueolóxico, aínda que insisto, segundo os planos observados, o patrimonio libra, ademais que parte da instalación vai baixo terra a unha profundidade resaltable.

Neste tipo de obras debes ter en conta sempre que vai haber persoas afectadas, por iso debemos saber cal é a contía e como podemos compensar aos e ás veciñas afectadas

-Que sente dentro da poboación en relación ás balsas da central?

Hai diversidade de opinións. Tamén cando hai unha grande cantidade de información non toda é veraz. As redes sociais ás veces incendian o tema con moitas opinións que non son cualificadas, mais para un tema como este necesitamos bases concretas. Un exemplo, “vai cambiar o clima” con estas balsas, cal é a base desa afirmación? Hai algún estudo que o demostre? Por tanto, as alegacións deben ser firmes. Sobre os sentimentos, hai unha parte da xente fala do dano deste proxecto aínda sen pór datos na mesa. Logo está que se queremos progreso e futuro, non queremos industrias, entón, que queremos? Unha obra coma esta durante cinco anos dá un grande impulso para os dous concellos. O futuro vai por aí, mesmo comentei un día aos veciños “temos 150 nenos na escola e non hai base territorial para 150 gandeiros”, o futuro está na industria. Se no noso concello temos 2.000 habitantes, 700 son maiores de 64, e se á volta de dez anos as persoas que aínda son novas non teñen que traballar emigrarán. Algún tipo de motor económico temos que ter se non queremos baleirar o concello. Se logo queren debater sobre a ubicación do proxecto, estou totalmente a favor. Os veciños queren defender os seus intereses e o Concello está para defendelos. Por iso queremos coñecer como é o proxecto se é que segue adiante, tratar caso por caso para ter unha conclusión e finalmente termos unha conclusión.

-Consultaron con Augas de Galicia a proposta da empresa impulsora da hidroeléctrica?

Coñecemos o que presentou o delegado territorial de Augas de Galicia. Un documento informando desfavorablemente nunha cuestión sobre a cal pensei que o ente público incidiría máis como son os caudais hidrolóxicos. Hai uns puntos a tratar sobre o cauce duns regatos que hai na zona. Algo moi estraño que a unha empresa de enxeñaría pasase por alto unha cousa así. Non sei se alegarán ou se van facer algo así, con todo é un elemento a superar e xa non entro en valoracións máis profundas.

-Esa cuestión presentada por Augas de Galicia pode solventarse tecnicamente?

Estráñame que non haxa unha solución para iso. Non sei se é reubicación de balsas, aproximación das mesmas ou outras alternativas. En tal caso, é unha cuestión de empresa co organismo rector das concas. Nós aquí temos unha cuestión puntual, temos que abrir un camiño e había unha ponte vella. Augas de Galicia di que non se pode ampliar nin modificar. Hai que facer outra, eliminar esta e facer outra noutro lugar cos cambios urbanísticos necesarios.

Os veciños queren defender os seus intereses e o Concello está para defendelos. Por iso queremos coñecer como é o proxecto se é que segue adiante

-Existen diferenzas profundas entre os grupos políticos que compoñen o pleno municipal?

Si e creo que falta unha análise máis profunda por parte dos grupos políticos. En cuestións como esta, que son vitais para o futuro do concello, non se pode andar á caza de votos. Hai que pensar no futuro e poñer os pés na terra. Eu non podo estar nunha manifestación onde a xente pide enerxía e futuro e logo negarme a unha oportunidade que nos trae esa enerxía e seguridade laboral no tempo. Non podo estar nun lado e logo noutro. Que queremos? Nunha reunión con veciños propuxen que cada familia nas súas casas fixese unha análise DAFO (debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades), así ao final cada quen terá as súas conclusións. Isto é o que se fai con calquera emprendemento. Se somos sinceros facendo esa análise, as fortalezas e oportunidades superan as ameazas e debilidades. Estas últimas sempre se poden corrixir.

Coñecemos o que presentou o delegado territorial de Augas de Galicia. Un documento informando desfavorablemente nunha cuestión como son os caudais hidrolóxicos.

-Os dous concellos máis afectados, Alfoz e O Valadouro, coinciden nos mesmos termos para afrontar este proxecto?

Creo que sobre as oportunidades que se abren cara o futuro si. Sobre as sensibilidades veciñais son diferentes, porque tamén afecta de diferente maneira a cada municipio. Hai cousas que se se cambian, como a balsa de abaixo por ser un pouco máis agresiva co entorno veciñal, que desde un primeiro momento propuxemos á empresa facela noutro lugar como Os Canedos e quedaron en estudalo. Quedaron en estudalo e se vai para adiante deixaría de afectar os barrios de Recaré. Iso necesitaría unha nova ubicación que tamén afectaría a Alfoz e probablemente non tería esas canalizacións desde o río, elementos que sensibilizan moito máis aos veciños de Alfoz. Realmente todo está aínda moi verde, todo está por falar se é que o promotor ten idea de seguir para adiante. Agora estamos vendo que hai seis ou sete proxectos máis en Asturias. O futuro da enerxía vai por aí e nalgún lugar temos que poñer as fábricas. Tamén, segundo as directrices europeas, a idea é achegar as industrias aos lugares de creación de enerxía, pois o transporte de enerxía encarece moito o prezo, cousa que se reduciría aproximando a xeración enerxética colocándoa nun radio de 20 km. Iso sería bo para O Valadouro e para A Mariña e creo que debemos tirar del. Pode haber prexudicados? Sempre hai, mais iso débese estudar para solucionar na mellor das medidas. Ademais, hai dúas cousas diferentes aquí, o valor material dos elementos e logo o valor sentimental difícil de cuantificar porque son as raíces das persoas. Iso é difícil de valorar.

1 COMMENT

  1. O señor alcalde do Valadouro, por decirlo finamente, rieuse a cara na reunión que tivo cos veciños, onde o que fixo foi vender un proxecto que destruirá porñstis de traballo en favor de meter Nas arcas do concello os ricos ingresos que esa hidroeléctrica pagaría. Falou dun proxecto que non era o rexistrado no ministerio, un panfleto que trouxo ali para mentir sobre os beneficios (mentira) que traería. Rieuse das preguntas dos veciños e intentou de primeiras poñer en entredito a plataforma e os seus membros, Unha vergonza. O Sr. Alcalde non fixo nin o polígono industrial, nin levou a cabo o proxecto dos invernaderos, deixou de lado o circuito de cabalos….pero que se cree este Sr????,

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here