8-M: A Mariña ten 84 casos activos por violencia machista

Sete vítimas reciben protección desde este ano, que se suman ás 77 rexistradas no peche do pasado exercicio

Manifestación unitaria do 8-M en Vigo. MIGUEL NÚÑEZ

A Mariña Lucense ten un total de 84 casos activos por violencia de xénero. Detrás de cada un deles, a historia dunha muller -dunha veciña- que padeceu as agresións machistas e superou dificultades -o illamento social, o tormento interno- para clamar pola súa vida. 

Segundo a Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Executivo, ao longo do 2019 ofreceuse protección e seguimento a sete vítimas, que se suman ás 77 rexistradas no peche do pasado exercicio.

Os datos do 2018 sinalaron 18 casos activos en Burela; 16 en Viveiro; 15 en Foz; nove en Ribadeo; catro en Barreiros e Cervo; tres na Pontenova; dous en Lourenzá, O Valadouro e O Vicedo; un en Mondoñedo e Xove ningún en Alfoz, Trabada, Riotorto e Ourol.

burela é o concello con máis casos activos por violencia machista, cun total de 21, por 17 de foz e 16 de viveiro

Das sete novas vítimas protexidas nos primeiros meses de 2019, tres son residentes en Burela -que é o municipio mariñao con máis fichas abertas, un total de 21-, dúas en Ribadeo e unha en Xove e Foz. Ademais, reactiváronse dúas das denuncias xa realizadas por quebrantamento de condena.

Destas 84 mulleres, ningunha padece unha situación considerada de risco alto; todos os casos rexistrados na Mariña Lucense teñen a consideración de risco medio ou baixo.

ningunha destas incidencias abertas é considerada de risco alto

En función desta clasificación ofrécese a estas persoas unha protección policial máis ou menos intensa e cun maior ou menor grao de presencialidade dos axentes, que mesmo nalgúns casos é complicada de sobrelevar para as propias vítimas.

ENTRE OS 31 E OS 45 ANOS

No tocante ao perfil da denunciante, correspóndese cunha muller de entre 31 e 45 anos -aproximadamente o 50% dos casos-, de nacionalidade española e con fillos. Neste abano de idade danse a maioría das situacións de separación ou divorcio, detonantes en moitas ocasións da violencia machista.

a maioría dos casos abertos relaciónase con procesos de divorcio ou separación

Con todo, a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da provincia de Lugo, Verónica Eiravella, matiza este dato. “É esclarecedor ata certo punto, porque temos que concienciarnos de que o machismo está presente en todos lados. Nas relacións de parella de adolescentes, entre a xente maior…”, indica.

FONDOS PARA OS CONCELLOS

O programa VioGen, do Ministerio do Interior, concede fondos aos concellos para que poidan reforzar o persoal dos corpos e forzas de seguridade do Estado que protexe ás vítimas. Poden adherirse os municipios con Policía Local. Fixérono Burela, Ribadeo e Viveiro, non así Foz e Mondoñedo.

No tocante ás Mesas Locais de Coordinación contra a Violencia de Xénero, os municipios de Xove, Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro dotáronse deste órgano, no que están representados os distintos ámbitos implicados na loita contra as agresións machistas en cada municipio.  

O “DIFÍCIL PASO” DA DENUNCIA

Para obter protección a primeira condición é a denuncia do maltrato, moitas veces o paso máis complicado para as vítimas.

Resulta duro e desagradable. Ponte na pel de quen está a contarlle a un descoñecido que o seu marido lle pega, ou a viola. Teñen que responder a un cuestionario que non é sinxelo e que é crucial, porque está demostrado que as 72 horas posteriores ao maltrato son importantísimas para o éxito da protección”, explica Eiravella.

denunciar o maltrato o antes posible é esencial, porque as 72 horas posteriores á agresión son “cruciais”

Unha das primeiras agarradoiras para as vítimas son os Centros de Información da Muller (CIM). A Mariña conta con tres, en Viveiro, Burela e Ribadeo. Estes servizos ofrecen atención psicolóxica e asesoramento xurídico.

A partir de aí poden optar por denunciar ou non, porque para actuar de oficio hai que valoralo ben. Ás veces non denuncian pero si se separan do agresor. Outras seguen con eles, porque non ven gravidade. A dependencia emocional condiciónaas moito”, expón Luisa Couceiro, do CIM ribadense.

O ILLAMENTO NO RURAL

Couceiro ilustra cun exemplo a soidade que afrontan en moitos casos estas mulleres: “que a contorna da vítima acuda ao CIM ocorre en moi raras ocasións. Só lembro unha nai preocupada pola súa filla. Non máis”, precisa.

“que a contorna da vítima acuda a pedir axuda ocorre en moi raras ocasións”, din desde o cim ribadense

No rural, a falta de medios ou de anonimato non axuda ás mulleres a dar o paso de denunciar ao seu agresor. “As implicacións son maiores e hai unha contorna para a que o agresor é coñecido ou parente. Fulanito non puido facer eso, a mentirosa é ela. Iso victimiza e culpabiliza á muller e xenera un illamento social”, sostén Couceiro.

Cústanos chegar a esas mulleres“, concede Eiravella. “Se os axentes van ver unha muller na aldea, axiña se sabe. É máis complicado. Tamén inflúe a falta de medios, aínda que na Mariña Lucense, con tres CIM, non é o maior problema. Si ocorre na Montaña de Lugo, onde temos unha asignatura pendiente de recursos e coa dispersión da poboación”, apunta.  

AS DENUNCIAS FALSAS, “UNHA FALACIA”

Eiravella fai fincapé na batalla por desactivar o discurso lexitimador da violencia machista que quere centrar o debate nas denuncias falsas. “Temos datos oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial; só o 0,01% das demandas son fraudulentas”, concreta.

“cóntase como fraude cando unha vítima retira unha denuncia porque ten medo ou non quere declarar”

Moitas veces retórcense os datos e fálase de denuncias falsas cando a vítima retira a demanda porque o seu home cambiou o seu comportamento, por ter un vínculo afectivo complexo co agresor ou porque non quere declarar; o cal non significa que non existise a agresión, e que por tanto a denuncia sexa falsa”, engade, para lembrar que “en todos os ámbitos xudiciais hai acordos, sen que iso poña en tela de xuízo que se cometeu un delito”.

PLEITOS PENDENTES

Outras veces, o que non favorece a denuncia é o propio funcionamento da Xustiza, sexa pola falta de coñecementos dos profesionais ou pola lentitude do sistema. “Nós detectamos falta de formación no persoal. Á hora de dictar resolución e de facer preguntas nótase, e xenera unha revictimización”, asegura Couceiro.

No pasado mes de febreiro, dous traballadores do Xulgado de Violencia da Muller de Viveiro denunciaron unha acumulación de 3.075 pleitos civís pendentes, entre eles 115 procesos de dereito de familia.

nos xulgados de viveiro hai 115 procesos pendentes de dereito de familia

Os funcionarios advertiron das consecuencias, “sobre todo para os nenos”, que acarrean os retrasos nos casos de vítimas de violencia machista que “instan o procedemento civil de divorcio para desvincularse do agresor”.

A atribución do domicilio familiar, o establecemento dun rexime de custodia ou a concesión dunha pensión a favor dos menores -ademais do embargo do salario dos proxenitores que incumpran as normas- resólvense neste tipo de expedientes.

AXUDAS ECONÓMICAS

Eiravella fai fincapé en que sobre as axudas económicas que en ocasións perciben as vítimas tamén se desliza propaganda interesada, sobre unha suposta facilidade para acceder a elas ou un suposto carácter lucrativo.

de case 500 casos activos na provincia de lugo, só 136 mulleres percibiron a renta activa de reinserción

A nivel provincial, “136 mulleres lucenses percibiron no 2018 a renta activa de reinserción, cando contabamos con arredor de 500 casos activos por violencia de xénero. As cantidades son moi baixas e ás veces tardan meses en poder recibir os cartos”, sostén.

A EDUCACIÓN, A “CHAVE”

Eiravella cre que dúas son as principais materias pendentes na loita da violencia de xénero. Unha delas é a educación, para a que a unidade programa obradoiros para todo tipo de idades.

“Tentamos traballar contidos como a desmitificación do amor romántico en actividades de contacontos para escolares, ou concienciar aos adolescentes sobre algunhas barbaridades que ven na pornografía ou nos videoxogos”, explica.

A xefa da Unidade de Violencia contra a Muller sinala que se viviu “un enorme cambio social nos últimos anos” e que estamos nun momento bisagra “tras séculos e séculos de patriarcado“.

Admite que situación é “complexa, nada doada para moitos homes que foron criados cuns privilexios que agora están en cuestión. O rexeitamento a perder ese status é o que hai detrás do argumento das denuncias falsas”, conclúe.

“POÑER O FOCO NO AGRESOR”

A outra asignatura a aprobar é poñer o foco menos nas vítimas e máis nos propios agresores. Sinala que “polo xeral son reacios a realizar cursos e só acceden se son obrigados polo xuíz. É difícil convencelos de que fixeron algo malo”, explica.

en burela, tres agresores maltrataron a máis dunha muller; en foz e ribadeo, dous

A cifra de maltratadores con máis dun caso aberto -73 na provincia de Lugo- apoia a teoría de Eiravella de que a crueza do machismo está en todas partes, non só nos telexornais senón tamén no barrio.

En Viveiro, un home ten dous casos activos por violencia de xénero; no municipio de Foz hai dous varóns con máis dunha denuncia, ao igual que en Ribadeo. En Burela, ata tres agresores maltrataron a máis dunha muller.

MANIFESTACIÓN

Burela acollerá este venres, desde as 20.00 horas na estación de tren, a manifestación unitaria do feminismo da Mariña Lucense como colofón a unha xornada de folga polo Día Internacional da Muller

Información de Vanesa Gómez Lourido e Ramón González Rey.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here