InicioMovementos Sociais"Como votantes é importante que coñezamos as posicións dos partidos sobre políticas...

“Como votantes é importante que coñezamos as posicións dos partidos sobre políticas feministas”

Lucía Canoura, do Observatorio da Mariña pola Igualdade, presentará o coloquio sobre políticas feministas galegas no que intervirán voceiras dos catro partidos con maior representación

Publicada o

- Advertisement -

O Observatorio da Mariña pola Igualdade (OMI) reúne este venres en Burela a catro representantes dos partidos con maior apoio popular en Galicia para falar de “políticas galegas feministas”.

Lucía Canoura, directiva do OMI, presentará o acto, que se celebrará no Hotel Nordés  a partir das 20.00 horas.

Foi complicado citar a catro políticas con esta proxección en período electoral?

A verdade é que foi relativamente fácil. Hai tempo que viñamos falando desta idea, pero foi a última hora, o 20 de marzo, cando decidimos levala adiante.

Puxémonos en contacto cos partidos, que designaron as participantes: Raquel Arias (PP), Olalla Rodil (BNG), Patricia Otero (PSOE) e Lídia Senra (En Marea). Tres deputadas no Parlamento galego e unha eurodeputada.

En principio buscabamos maior diversidade, mulleres que exercesen en diferentes ámbitos. Pero creo que a traxectoria das catro, con experiencia en diferentes espazos de decisión e incluso no sindicalismo, nos vai permitir ampliar a perspectiva.

“pode que este acto axude a decidir o voto, sobre todo ás mullEres que se están achegando ao feminismo”

Buscastes a proximidade coas convocatorias electorais?

Non, non foi intencionado, pero si creo que puido beneficiar a asistencia dos catro partidos. E creo que o momento tamén pode reforzar o interese do acto. Como votantes é importante que coñezamos as posicións dos partidos neste ámbito.

Escoitaremos a catro políticas de primeira liña. Pode ser que este acto axude a decidir. Sobre todo a mulleres que se achegaran ao feminismo por primeira vez no pasado mes de marzo.

Que temas poñeredes enriba da mesa?

Cando falamos de políticas feministas galegas, que é o título do acto, buscamos o xogo de palabras para referirnos a dúas cuestións. Por unha banda, ás mulleres que nos representan nos diferentes ámbitos políticos e da administración e, por outra, ás propias políticas públicas.

“proporémoslles falar da súa experiencia como mulleres en política. dos teitos de cristal, de se a maternidade é compatible cun cargo”

O que nos gustaría é que as intervencións avanzases nas dúas direccións. Que nos conten a súa experiencia como mulleres en política en canto ao acceso á administración ou ás propias organizacións políticas, o teito de cristal, incluso a cuestión da maternidade. É compatible con ser un cargo político de alto nivel?

E logo centrarnos no que está a acontecer en Galicia a nivel de planificación e desenvolvemento de políticas públicas en relación coas fendas que identificamos: a fenda salarial, os usos do tempo, a violencia de xénero.

Tamén que expoñan, como representantes de partidos, o que é o feminismo para cada unha das organizacións políticas e incluso que fagan algunha proposta de futuro.

“debateranse a planificación e desenvolvemento de políticas respecto da fenda salarial ou a violencia de xénero”

Situamos o movemento feminista en Galicia na esquerda. Pero aquí, abrides o abano.

É certo que, en Galicia, o movemento que se leva construíndo nos últimos dous anos arredor de Galegas 8M, co Observatorio como parte, apoiamos un “feminismo para o 99 por cento”. É un feminismo de clase que, desde a diversidade, reivindica a igualdade das mulleres en todos os ámbitos.

“O movemento que se ven contruíndo en Galicia desde hai dous anos reivindica un feminismo de clase, pero tamén está o feminismo liberal”

Despois tamén está o que se chama feminismo liberal. É probable que algúns partidos políticos defendan máis esa corrente. Vémolo por exemplo co tema dos ventres de alugueiro: hai moitas mulleres que avogan polo liberalismo, que falan de que é unha cuestión de liberdade. Pode haber esas dúas visións, neste caso.

Por iso decidimos que era tamén conveniente convidar ao Partido Popular a esta mesa, tamén como partido de Goberno autonómico que é. Probablemente, desas diverxencias acabemos falando moito.

Co terreo que gañou o feminismo na axenda pública, é agora máis fácil a interlocución cos partidos políticos?

Si, eu creo que hai máis sensiblidade e máis receptividade, sobre todo nas mulleres políticas. Cada vez máis os partidos están abandeirando o feminismo como algo transversal ás suas organizacións e aos seus programas electorais.

“Os partidos están abandeirando o feminismo como algo transversal, pero iso debe reflectirse cando teñen capacidade de gobernar”

Nese sentido, consideramos positivo que os partidos sexan quen de asimilar o discurso feminista, e sobre todo que non sexan só palabras, que vaian un pouco máis aló, e se reflicta cando un partido político ten capacidade de gobernar nalgún ambito.

Sen embargo, tamén teñen máis eco as mensaxes que, desde a política, cuestionan os dereitos das mulleres.

Decía Simone de Beauvoir que calquera crise económica serviría de excusa para cuestionar os dereitos das mulleres. precisamente por iso temos claro que non imos permitir ningún retroceso. As mulleres somos cidadáns de primeira, igual que os homes, cunha serie de dereitos adquiridos a base de loita feminista, de desobediencia civil e queremos seguir esa liña, sempre ampliando o marco da igualdade. Porque falamos diso, de igualdade.

Por moito que algúns tertulianos de medios públicos e privados digan que o aborto non é un dereito está recollido polas Nacións Unidas que si o é. Os dereitos adquiridos son a base sobre a que seguir construíndo. É imprescindible mobilizar as mulleres e facelas conscientes da realidade que vivimos. Cando falamos de segregación no traballo, de fenda salarial, de violencia de xénero, non son cuestións que inventen as feministas, son unha realidade.

Como interlocutor do movemento feminista, que pide o Observatorio da Mariña pola Igualdade  a estas políticas?

Que teñan en conta o sentir do movemento feminista e as súas demandas cando desenvolven o seu rol como representantes políticas. Que deseñen políticas tendo en conta a situación real das mulleres, de todas as mulleres.

“Cremos que as políticas deben enfocarse á prevención a través da promoción da igualdade. Tamén pedimos que se teña en conta a fenda entre o rural e o urbÁN”

Reivindicamos medidas en relación coa violencia de xénero, da fenda salarial, da corresponsabilidade. Pero creo que a clave para atallar estas problemáticas é a prevención a través da promoción da igualdade. Creo que as políticas deben ir cara a iso.

Moitas veces escoitamos a políticas falar dos recursos que existen, das axudas, dos centros de información as mulleres, das casas de acollida, pero o ideal sería que non fosen necesarios. E para iso é fundamental traballar a prevención nas casas, nas escolas, nas empresas.

Tamén reivindicamos que cando se fale de feminismo se teña en conta a fenda entre o rural e o urbán. No rural as mulleres están dobremente discriminadas porque os recursos que existen son menores.

Axudaría que houbese máis mulleres na primeira liña política?

Que haxa máis mulleres nas cúpulas dos partidos axuda na medida en que esas mulleres desenvolvan unha sensibilidade afín ao movemento feminista e sexan capaces de trasmitala aos seus compañeiros.

“É importante que as mulleres estEamos onde se DECIDE, pero tamén que decisións se toman e como afectan ao resto das mulleres”

Non só nos interesa centrarnos en que as mulleres esteamos presentes onde se toman as decisións, que é moi importante, senon tamén como se toman as decisións e como afectan ao resto de mulleres que están nos postos de produción, nas empresas, en todos os ámbitos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...