Galegas 8-M convoca manifestacións e concentracións en seis concellos da Mariña

Vídeos e programas de radio con testemuños de vida, actividades pedagóxicas ou a decoración dos balcóns e portas con mandís e uniformes do coidado forman parte da programación

Videoconferencia organizativa para o vindeiro 8-M. GALEGAS 8-M

Máis de 60 mulleres están a darlle forma aos actos polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, na Mariña Lucense. Galegas 8-M preparou unha programación reivindicativa que inclúe actividades nos concellos de Cervo, Foz, Burela, O Valadouro, Barreiros e Ribadeo. Dado que “o eixo que priorizamos o pasado exercicio revelouse como irrefutable”, aseguran, o lema para esta edición é similar ao do ano anterior: ‘Sen coidados non hai vida: mulleres en folga esenciais, precarizadas e fartas‘.

CERVO, BURELA E O VALADOURO

Nos concellos de Cervo, Valadouro e Burela estase creando material audiovisual: vídeos de maior ou menor tamaño con testemuñas de mulleres que conteñen experiencias propias: “os seus dereitos aforcados, as súas vidas sobrecargadas, as razóns que as moven para reivindicar unhas vidas nas que a desigualdade non sexa a música de fondo”, indican desde Galegas 8-M.

En Cervo haberá unha dobre actividade en San Cibrao; a manifestación que partirá
ás 12.00 da Praza da Casa da Cultura (Prazoleta) ata a zona do IES e volta ao mesmo punto de saída, e o acto, ás 20.00, fronte á Casa da Cultura. No Valadouro haberá unha concentración na praza de Santa María ás 19.00 horas (disporán dun tendal para que as mulleres que non poden parar ese día colguen alí o seu mandil). En Burela, concentración ás 20.00 horas na Praza do Concello (a praza ambientarase con mandís e lemas).

BARREIROS

No concello de Barreiros tamén optaron por o formato audiovisual: neste caso fíxose un vídeo teaser que se publicará nas redes sociais a semana previa ao 8-M. O acto reivindicativo que terá lugar na Praza do Concello ás 20.00 horas.

RIBADEO

No concello de Ribadeo, as actividades encamiñáronse cara a pedagoxía feminista: a elaboración dunha muiñeira feminista coa colaboración de mulleres de Chantada e actividades para que o alumnado dos colexios e institutos reflexionara “sobre o iceberg dos coidados e o amor do bo“. Ademais, elaboráronse chapas e mandís para revindicar que non hai sociedade sen coidados.

Na vila ribadense haberá manifestación, que partirá ás 18.00 do aparcadoiro de camións próximo ao IES Dionisio Gamallo, e atravesando Avenida de Galicia e Avenida de Asturias chegará ao consistorio, onde se dará lectura a un manifesto.

FOZ

No concello de Foz as ondas de radio recollerán testemuñas de mulleres “que están sempre, porque os seus traballos son esenciais: caixeiras, enfermeiras ou coidadoras non profesionais”, indican desde Galegas 8-M. “Tamén darán voz ás mulleres inmigrantes, e así poñer sobre a mesa a dobre opresión, a doble inxustiza que atravesa a unha persoa: por muller e por inmigrante”, remarcan. A concentración será ás 12.00 horas na Avenida da Mariña.

ORGANIZACIÓN EN COLUMNAS E CON MÁSCARA OBRIGATORIA

Ademais, Galegas 8-M A Mariña fai “un chamamento-convite para que todas as fiestras e todos os balcóns das vilas luzan, presuman e reivindiquen a través do símbolo principal dos traballos feminizados: mandís, batas de traballo, uniformes… Así, servirán tamén para que aquelas que non poden ou queren ocupar o espazo público se fagan ouvir”.

“Alentamos a todas as mulleres a acudir ás mobilizacións e encher as rúas de reivindicacións feministas; organizarémonos en columnas, tendo moi presente o uso da máscara. Pedimos que se respeten os espazos non mixtos de mulleres na cabeza das manifestacións e concentracións (os homes que queiran apoiar a causa deben facelo desde un lugar secundario, nunca protagonizando). Consideramos imprescindíbel a mobilización na rúa e que as reivindicacións do feminismo sexan desde xa prioritarias á hora de afrontar a actual realidade social, e esixir tamén que a vida se coloque no centro”, conclúe o colectivo.

1 COMMENT

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here