InicioEn ProfundidadeAntonina Semedo: caboverdiana, mariñá

Antonina Semedo: caboverdiana, mariñá

Un colectivo veciñal pide a Medalla Castelao para unha das migrantes africanas pioneiras na bisbarra

Publicada o

- Advertisement -

Mentres conversamos no Casa Selmira de Cangas de Foz, os veciños chancean con Antonina Semedo. “Estás máis solicitada cós políticos”, rin. Un colectivo veciñal con representantes de varios municipios da bisbarra vén de propoñer o nome desta muller caboverdiana, unha das primeiras migrantes africanas que pisou A Mariña, para a Medalla Castelao que concede a Xunta de GaliciaTamén hai unha campaña de recollida de votos en internet para esta fin.

A plataforma destaca o esforzo de Semedo como “activista social, mediadora intercultural, intérprete musical e muller emprendedora”, unha bagaxe que acumulou durante catro décadas. Antonina chegou a Cangas de Foz o 23 de xullo do 1978, cando tiña 24 anos. Alcanzaba así ao seu home, que viñera á comarca para axudar na montaxe da fábrica de alúmina-aluminio de Inespal e que despois gañou o pan no mar.

Cada emigrante ten un xeito de explicar o desarraigo, pero Antonina retrata os comezos cunha historia traxicómica. A súa presentación en sociedade foi nun enterro ao que quixo ir para coñecer a cultura da morte galega. Era a única negra que había no funeral e a xente preguntaba de onde saíra. Por se non chamaba abondo a atención, ortigouse. “Eu nunca unha ortiga vira e rocei unha. Daquela empezaron a picarme as pernas e non paraba”, ri.

“unha muller preguntoume se as negras queriamos aos fillos coma os quería ela”

Unha muller en Lugo, despois de dar moitas voltas, pediume: ‘podo tocarte?’. Outra preguntoume se quería aos meus fillos como ela quería aos seus”, lembra Semedo, que se resiste a utilizar a palabra racismo. “Non había hábito de tratar con nós, era descoñecemento”, asegura.

Entre os prexuízos tamén atopou apoio. “Tiven moita sorte cos veciños”, sinala. A súa axuda fíxose imprescindible cando o seu home padeceu un accidente. Antonina, ás veces cos fillos ás costas, apañou algas, plantou eucaliptos, foi camareira, coidou maiores. No pasado 2017, con 39 anos de convivencia exemplar e traballo en España e dous fillos galegos, tivo que facer un exame para obter a nacionalidade española.

O BATUKO

Nun galego cun acento por veces caboverdiano, por veces mariñao, Semedo conta que comezou a traballar na súa Santana natal, con catro anos. Miraba de que as cabras non se dispersasen porque a súa familia non se podía permitir un valado. Nos descansos desfrutaba dunha tradición centenaria e proscrita. Coa chegada dos portugueses, as mulleres de Cabo Verde cantaron para protestar pola súa irrelevancia. Para acompañar os seus laios, primeiro utilizaron o peito como percusión. Logo usaron un pano mollado e despois unha saca de coiro colocada entre as pernas, o batuko. Este estilo musical estivo prohibido até a independencia, no 1975

o grupo batuko tabanka segue unha tradición caboverdiana centenaria desde burela

Á altura do 1999, a poboación caboverdiana na Mariña -especialmente en Burela– tiña unha importante incidencia. Daquela, Semedo fundou Batuko Tabanka (“tambores de entroido”), un grupo musical que levou a música de Cabo Verde por todos os recunchos da Península Ibérica e que colaborou con Uxía Senlle, Mercedes Peón ou Luis Pastor. Nas súas cancións, as 13 mulleres que integran a banda seguen a tradición: falan de maridos que están no mar, da ‘sodade’ á que cantaba Cesária Évora ou da violencia machista.

Antonina, nunha charla co alumnado do IES Perdouro. IES PERDOURO/KARINA

OS ADOLESCENTES, DESCOLGADOS

O grupo naceu no seo da asociación Tabanka, que vela polos intereses dos caboverdianos na bisbarra. A Semedo preocúpalle a integración dos adolescentes que chegan á Mariña, moitos deles sen a rede familiar, pois soen quedar descolgados pola esixencia dos estudos. Así é complicado transmitirlles a importancia dunha formación. “Traballamos para atopar a alguén que os entenda no seu idioma, unha especie de orientador que coñeza o español, o galego e tamén o crioulo”, asegura.

Acabada a entrevista, Semedo saúda aos veciños, que toman o vermú do domingo no mesmo bar a onde chegou hai 40 anos. “Nunca pensaba, nunca imaxinaba / estar tanto tempo lonxe da miña terra”, canta nunha das pezas de Batuko Tabanka. Hoxe, para atopala hai que preguntar por Antonina de Cangas. Está agradecida ao chan que pisa, pero foi xente coma ela a que fixo mellor a bisbarra.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...